A finais deste ano chegará ás salas de cine a longametraxe documental 10 de marzo, un filme dirixido por Roi Cagiao (autor de Vigo 1972) que reflite a mobilización obreira que tivo lugar en Ferrol no ano 1972 e da que a vindeira semana se celebra o seu 50 aniversario. Nos enfrontamentos coa policía franquista morreron dous traballadores (Amador Rei Rodríguez e Daniel Niebla García), 40 máis resultaron feridos de bala, 160 foron despedidos e houbo máis dun cento de detidos e ducias de encarcerados. A mobilización obreira estendeuse a Vigo, onde se levaron a cabo importantes folgas e foi unha das máis importantes durante a ditadura en todo o Estado español.
A finais deste ano chegará ás salas de cine a longametraxe documental 10 de marzo, un filme dirixido por Roi Cagiao
A película, un proxecto que se deu a coñecer o pasado ano, amosará o seu primeiro trailer este venres no Ateneo Ferrolán, apenas uns días antes dos tradicionais actos do 10 de marzo, que na cidade naval veñen xa celebrándose ao longo de todo este mes. Ademais, deu a coñecer as primeiras imaxes das dramatizacións que se incorporarán ao filme da produtora Arthur Gordon e que complementarán as entrevistas realizadas aos e ás protagonistas dos feitos e máis ás imaxes documentais que inclúe a película.
"Non existen moitos materiais audiovisuais deses anos, posiblemente porque as imaxes actuaban nese caso como probas inculpatorias", explica Cagiao, aínda que o filme inclúe imaxes do documentalista Andrés Linares e tamén procedentes do arquivo de Bazán
Entre as entrevistas, xa realizadas nos últimos dous anos, destaca a presenza de traballadores da Bazán, de Astano e membros do Comité Comarcal do PCG, ademais de "cregos roxos" e mulleres activistas. Así, aparecen Ramiro Romero, Rafael Pillado, Sari Alabau, Anxo Currás, Vicente Couce, Suso Díaz, Xan Carballal, Fina Varela, Encarna Puentes, José Torregrosa e Fernando Miramontes e Miguel Porto (estes dous últimos falecidos algo despois das entrevistas).
No que atinxe ao material documental, o director Roi Cagiao destaca que "non existen moitos materiais audiovisuais deses anos, posiblemente porque as imaxes actuaban nese caso como probas inculpatorias", o que supón "un problema recorrente cando fas un documental sobre antifranquismo". Porén, explica, "atopámonos cos traballos de Andrés Linares, que ten unha obra interesantísima, documentais que recollen o enterro dos avogados laboralistas de Atocha, tamén imaxes de Vitoria-Gasteiz das protestas nas que a policía matou cinco obreiros, e mesmo filmacións realizadas no interior da cadea, pois o propio Linares foi encarcerado e conseguiu meter dentro unha cámara".
O arquivo de Bazán contén "imaxes moi potentes, que inclúen mesmo demostracións deportivas que os obreiros facían no estadio de Ferrol para os representantes da ditadura"
De igual xeito, destaca a inclusión de material documental inédito procedente do recentemente dixitalizado arquivo audiovisual de Bazán. "Son materiais moi interesantes, vanlle dar moito valor á película. Como Navantia é unha das entidades patrocinadoras do filme, pois nolos cede. Son vídeos promocionais, gravacións de botaduras, visitas de distintas personalidades, entre elas de Franco. Son imaxes moi potentes, que inclúen mesmo demostracións deportivas que os obreiros de Bazán facían no estadio de Ferrol para os representantes da ditadura e que lembran aos desfiles nazis que filmaba Leni Riefenstahl", explica Cagiao.
As mobilizacións obreiras de Ferrol e Vigo en 1972 "supuxeron un punto de inflexión na sociedade galega, un avance na toma de conciencia da mesma e da oposición á ditadura", di Cagiao
A terceira pata do documental son as dramatizacións, que tamén se empregaban como recurso en Vigo 1972. “Serán máis numerosas que no proxecto de Vigo” sinala Cagiao “porque o filme é máis complexo, existen un maior número de subtramas, e cando entramos a contar historias e accións persoais de xente como Pillado, Amor, Riobó ou Loureiro as imaxes daquela época, mesmo as familiares, son escasas e non permitían servir de soporte gráfico á narración”.
O novo proxecto conformará co filme sobre Vigo "un díptico no que se recolla o acontecido nun ano crucial na historia recente de Galicia e no que esta se situou á vangarda estatal na loita contra a ditadura". Uns feitos, que "supuxeron un punto de inflexión na sociedade galega, un avance na toma de conciencia da mesma e da oposición á ditadura", explica Cagiao.
"O formato audiovisual amplía moito máis o público que accede a estes temas. Ao final os libros de temática histórica son lidos por un grupo de persoas moi reducido e que case sempre ten un interese previo polo asunto"
Con todo, malia a súa importancia histórica, trátase duns feitos relativamente descoñecidos, sobre todo entre as novas xeracións, de aí a importancia desta película. "É evidente que o formato audiovisual amplía moito máis a cantidade de público e tamén o tipo de xente que accede a estes temas. Ao final os libros de temática histórica son lidos por un grupo de persoas moi reducido e que case sempre ten un interese previo polo asunto", di Cagiao.
Este descoñecemento previo é algo que o director vigués comprobou á hora de realizar o seu anterior documental, Vigo 1972, centrado na importantísima folga xeral que paralizou a cidade durante dúas semanas no mes de setembro de 1972. "Creo que co documental sobre a folga de Vigo conseguimos que o tema se coñecese máis, pois aínda que hai milleiros de persoas que viviron directamente aquilo, hai moitísima xente, sobre todo as xeracións máis novas, que non tiñan nin idea sobre eses feitos", di Cagiao.
"As novas xeracións saben moi pouco sobre o que pasou neses anos", lamenta Cagiao, que destaca que "co documental sobre a folga de Vigo conseguimos que o tema se coñecese máis"
"É posible que en Ferrol pase algo semellante, pero de todos os xeitos creo que alí o tema está máis presente que en Vigo, cando menos nas xeracións que viviron o tema máis de preto", comenta. "Porén -engade- probablemente as novas xeracións saben moi pouco sobre o que pasou neses anos". "Conta o crego Vicente Couce que hai uns anos foi a un instituto e quedou desolado, porque entre os rapaces de 18 anos de Ferrol ningún tiña nin idea do que sucedera. E dicía: 'se en 14 anos de ensino non vos falaron nunca destes temas que pasaron na vosa cidade, de que vos falaron entón?", relata Cagiao, que anticipa que o equipo da película está a valorar a posibilidade de realizar presentacións da película en institutos de toda Galicia.