O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), Filmoteca de Galicia, completou a dixitalización do arquivo audiovisual da empresa Navantia, despois de catro anos de traballo. Trátase dun cento de películas datadas entre 1951 e 1982 que conteñen materiais e escenas moi variadas: desde as botaduras de buques desde os antigos estaleiros de Bazán e Astano (Urquiola, Azor, Castillo de Lorca, Castilla, Compostela...) ata documentos didácticos e escenas no traballo destas factorías ou da vida na época en toda a comarca ferrolá.
Trátase dun cento de películas datadas entre 1951 e 1982 que amosan botaduras de buques ou o día a día do traballo obreiro
Hai tamén filmes sobre competicións deportivas, xuramentos de bandeira e tamén bobinas sen son que amosan distintos procesos da construción dos buques e que amosan o día a día dos obreiros dos estaleiros. Hai mesmo unha curiosa gravación dunha insólita nevada en Ferrol no ano 1956. Os materiais dixitalizados suman máis de 20 horas de gravación. Dende o CGAI explican que moitas das películas estaban en moi malas condicións, especialmente as gravadas en cor nos anos oitenta.
Os materiais dixitalizados suman máis de 20 horas de gravación
Na presentación do Arquivo, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou que foi resultado dun "traballo minucioso e exhaustivo de catro anos que nos permite ter documentada unha parte de historia de Galicia clave para o noso desenvolvemento histórico".
A Consellaría de Cultura publicou nas redes sociais un vídeo de algo máis de tres minutos que recolle algunhas das imaxes dixitalizadas.
O CGAI traballará este ano na recuperación do denominado Fondo Barreiro, os materiais audiovisuais asinados polos irmáns pontevedreses Enrique e Ramón Barreiro, pioneiros do cinema en Galicia.
A Filmoteca de Galicia reforzará nos vindeiros meses a súa función como dixitalizador de arquivos históricos galegos. Ten xa encargados traballos de colaboración coa Filmoteca Española para a recuperación do denominado Fondo Barreiro, os materiais audiovisuais asinados polos irmáns pontevedreses Enrique e Ramón Barreiro, pioneiros do cinema en Galicia. Tamén levará a cabo, de xeito sistemátco, a dixitalización "de todos os materiais fílmicos galegos que estean nestes momentos libres de dereitos ou con dereitos localizables", explica a Consellaría de Cultura.