O vindeiro 10 de marzo conmemórase o 50 aniversario do asasinato de Amador Rei e Daniel Niebla, que morreron por disparos da Policía franquista en 1972 no marco das mobilizacións dos traballadores de Bazán. Este ano as celebracións do Día da Clase Obreira Galega terán un contido moito máis amplo, impulsadas pola Comisión 50 aniversario do 10 de marzo, que agupa un gran número de entidades, con Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática á fronte.
A peza soará por primeira vez o vindeiro 12 de febreiro no Auditorio de Ferrol nun concerto que abre as celebracións do 50 aniversario do 10 de marzo
Durante este ano, por exemplo, chegará ás salas a longametraxe documental Galicia 10 de marzo, dirixida por Roi Cagiao, que afondará na mobilización obreira ferrolá e no efecto que tivo en toda Galicia. Antes, este mesmo 12 de febreiro, poderemos escoitar unha peza musical dedicada a aqueles feitos e composta para a ocasión polo vigués Juan Durán.
'Ferrol 1972' é un encargo da Asociación Fuco Buxán a través de Francisco Pillado que se estreará no Auditorio de Ferrol o vindeiro 12 de febreiro nun concerto gratuíto a cargo do quinteto de vento metais Hércules Brass, con Gabriel López Rodríguez ao piano e Miguel Castro Pérez, Jorge Juan Deaño Núñez e María Isabel Diego Calviño ocupándose da percusión. Os dereitos da obra foron cedidos de xeito gratuíto á asociación Fuco Buxán, que á súa vez a pon libremente "a disposición da clase obreira galega" e dos "sindicatos con conciencia de clase".
A composición, duns dez minutos de duración, "tenta debuxar musicalmente a banda sonora duns feitos que están na memoria do país: a loita do movemento obreiro que tivo ese 10 de marzo de 1972"
Juan Durán explica que a composición, duns dez minutos de duración, "tenta fundamentalmente evocar, debuxar musicalmente a banda sonora duns feitos que están na memoria do país: a loita do movemento obreiro que tivo ese 10 de marzo de 1972, unha triste xornada para o recordo coa morte de dous obreiros da Bazán".
En consecuencia, o compositor explora "distintas sonoridades que van dende o elexíaco ata texturas agresivas de gran poderío rítmico, como unha alegoría do grito colectivo da manifestación cívica". "Non hai pois compracencia no carácter musical da peza, aínda que subxace en determinados momentos unha certa actitude épica e triunfal diante do que significou ese día para o establecemento das liberdades e da democracia en España", explica Juan Durán.
Os dereitos da obra foron cedidos de xeito gratuíto á asociación Fuco Buxán, que á súa vez a pon libremente "a disposición da clase obreira galega"
Juan Durán (Vigo, 1960) é autor de case un cento de obras. Recibiu encargos da Xunta de Galicia, como a cantata Longa noite de pedra, realizada como conmemoración do centenario de Celso Emilio Ferreiro, ou da Orquestra Sinfónica de Galicia, como a Cantiga Finisterrae, con texto de Miguel Anxo Fernán-Vello estreada no ano 2011. Entre a súa produción destaca a ópera O arame, con texto orixinal de Manuel Lourenzo, que no ano 2008 se converteu na segunda ópera estreada en galego en toda a historia, despois de O Mariscal, no ano 1929.
Un ano de celebración "máis aló do mero exercicio de nostalxia"
"Con esta conmemoración, e tendo como punto de partida a Memoria Histórica, pretendemos ir máis aló do mero exercicio de nostalxia", di a Comisión 50 aniversario
A estrea desta composición musical abrirá en certa maneira as celebracións do 50 aniversario do marzo do 72, uns actos encabezados polo manifesto presentado o pasado mes de outubro pola Comisión 50 aniversario do 10 de marzo, no que se destacaba que "con esta conmemoración, e tendo como punto de partida a Memoria Histórica, pretendemos ir máis aló do mero exercicio de nostalxia". "En momentos de fraxilidade dos dereitos máis básicos, de grandes desigualdades sociais, de desinformación, non está de máis lembrar á sociedade o que é a “conciencia de clase” - especialmente á mocidade, semente de futuro - as virtudes sociais e os valores que inspiraron os sucesos que agora rememoramos", engadía aquel texto.
"Non foi só unha loita por un convenio colectivo, por unhas puntuais condicións salariais ou de traballo -que tamén- senón unha loita pola dignidade como cidadáns de plenos dereitos, pola liberdade, por un sistema democrático"
"Aqueles acontecementos, que tiveron a súa orixe na cidade natal do ditador e repercusión internacional, significaron un momento álxido, o máis importante na loita da clase obreira galega “organizada” contra a ditadura. Non foi só unha loita por un convenio colectivo, por unhas puntuais condicións salariais ou de traballo -que tamén- senón unha loita pola dignidade como cidadáns de plenos dereitos, pola liberdade, por un sistema democrático, contra a opresión dunha ditadura iniciada antes de que moitos dos protagonistas dese momento nacesen", destacaba tamén o manifesto, que enlaza os feitos de Ferrol coa posterior folga xeral en Vigo, a detención da dirección estatal das CC.OO. ou as mobilizacións que previamente tiveran lugar na Universidade de Santiago.