Manuel Ladra López, Elías Seoane, Gabriel Vázquez Seijas, Xosé Chao Rego, Vicente Couce Ferreira, Cuco Ruíz de Cortázar, Antón Martínez Aneiros, Anxo Ferreiro Currás..., son algúns deles. Cregos comprometidos socialmente e novos que nos anos sesenta, no contexto da doutrina social do Concilio Vaticano II, dos últimos anos da ditadura, e nunha comarca de Ferrol cunha grande actividade do movemento obreiro, levaron a cabo outra maneira de entender o cristianismo. Con moitos enfrontamentos coas autoridades civís, eclesiásticas e militares, que levaron á detención de moitos deles e a un maioritario abandono do sacerdocio ao final.
Este xoves a partir das oito da tarde a Galería Sargadelos de Lugo acolle a presentación do libro de Rosa Cal Los curas contra Franco (Edicións Embora). Unha narración única, facendo especial fincapé no devandito contexto social e político, "era difícil contar a historia de cada un porque actuaban en grupo", di Rosa Cal, que obtivo parte da documentación directamente dos expdientes policias elaborados sobre os cregos pois conseguiu que lle asinasen unha autorización para que a investigadora puidese acceder a toda a información que a policía recollera sobre eles.
O contexto do Concilio Vaticano II e a doutrina social da igrexa foi fundamental, "eles creron niso", conta Rosa Cal
Cal comeza salientando que o contexto do Concilio Vaticano II e a doutrina social da igrexa foi fundamental, "eles creron niso", conta. Tamén a presenza á fronte do bispado de Mondoñedo-Ferrol naqueles anos dous bispos coma Argaya Goicoechea e Miguel Anxo Arauxo Igrexas e do cóengo capitular Gabriel Pita da Veiga, que en boa medida lles “deixaron facer” ou mesmo se puxeron do seu lado: "O bispo Argaya Goicoechea foi moi importante. Quixo achegarse ao movemento obreiro e conseguiu que Roma aprobase a diócese Mondoñedo-Ferrol, para ter máis presenza en Ferrol. Mandou construír a Domus Eclesiae, que acolleu bastantes xuntanzas obreiras e de asociacións porque era un lugar no que non entraba a policía".
A súa relación cos sindicatos e forzas de esquerda e o seu activismo social leváronos a ter problemas coas autoridades. Recibiron moitas multas por homilías críticas coa ditadura e Vicente Couce Ferreira e Anxo Ferreiro Currás foron levados ao TOP
Rosa Cal explica que todos eles "son moi plurais na súa orixe: Cortázar era de familia burguesa e Seijas viña dunha familia de militares, e outros eran fillos de labregos ou traballadores. Pero o que os unía era que estaban no cinto vermello de Ferrol, que comezaba no peirao, subía por Canido, Santa Mariña, San Pablo, Sindicais até San Xoán. E alí vivía a xente que traballaba na Fenya, na Madereira ou en Bazán". Eran barrios que viñan de ser creados, en moitos casos, para acoller familias de obreiros chegados doutras partes de Galicia e que non contaban cos máis minimos servizos: "Cando Aneiros chegou á parroquia de San Pablo atopou moita pobreza e tamén analfabetismo e falta de servizos. Non había escolas nin chegaban os autobuses".
A súa práctica era heterodoxa en moitos sentidos. "Aneiros chegou a Cáritas e fixo unha revolución alí -di- En Cáritas estaban ao mando militares, farmacéuticos e mulleres da alta sociedade de Ferrol. E Aneiros puxo á fronte a obreiros. Mesmo conseguiu que Cáritas admitise a folga como unha forma de loita contra a pobreza". Rosa cal conta tamén un episodio que tivo lugar en Lugo nun acto non que se ían xuntar as máis altas xerarquías: "eles sentaron nunhas escaleiras cunha garrafa de viño, pan e touciño, que era o que comía o pobo. Pois a moitos pareceulles un escándalo e saíu en todos os periódicos".
A súa relación cos sindicatos e forzas de esquerda e o seu activismo social leváronos a ter problemas coas autoridades. Recibiron moitas multas por homilías críticas coa ditadura e Vicente Couce Ferreira e Anxo Ferreiro Currás foron levados ao TOP. Tamén Martínez Aneiros acabou no cárcere da Coruña e despois no mosteiro de Sobrado, onde era custodiado. Pero non só recibían ataques do réxime oficial, tamén dos grupos ultra que defendían o nacionalcatolicismo: "A Currás ameazárono de morte os Guerrilleiros do Cristo Rey e mesmo lle entraron na sacristía", conta Rosa Cal.
Finalmente a xerarquía católica do Vaticano freou o impulso do Concilio Vaticano II e tentou apartar os curas da acción social, "e aí moitos deles desilusionáronse"
Finalmente a xerarquía católica do Vaticano freou o impulso do Concilio Vaticano II e tentou apartar os curas da acción social, "e aí moitos deles desilusionáronse". Tamén influíu, conta Rosa Cal, "que ao chegar a democracia e a legalización dos sindicatos o seu labor faise menos necesario e os propios sindicatos non necesitan os espazos que estes curas lles cedían para reunírense". Ao cabo moitos deles secularizáronse e casaron. Quedaron apenas Gabriel Vázquez Seijas ou Cuco Ruíz de Cortázar, que continuaron sendo curas. Rosa Cal conclúe que "eran moi atrevidos e tiñan o convencemento que ían cambiar as cousas". Quedan na historia doutro tempo.