CIG, CCOO e UGT convocan a folga xeral ante a "excepcional gravidade" da situación pola que pasa a industria
Ferrolterra, Eume e Ortegal están convocados este mércores 10 de marzo a unha folga xeral, coincidindo ademais co Día da Clase Obreira Galega, ante a situación de "excepcional gravidade" do sector industrial e o incerto futuro destas tres comarcas do norte do país, que acumulan décadas de abandono, despoboación e desmantelamento dos seus principais polos económicos.
Os tres principais sindicatos --CIG, CCOO e UGT-- realizan a convocatoria principal desta folga --xunto a outras como a da CGT-- nun momento clave pola necesidade de non perder o tren da inevitable reindustrialización e transición enerxética e para "salvar" unhas comarcas desde as que piden a implicación "inmediata" e de vez dos gobernos central e galego cun plan de futuro e con garantías de emprego.
Fano, ademais, coa sombra do incerto futuro de Endesa --cuxa central térmica nas Pontes afronta o seu apagón inmediato--, tras o anunciado peche de Gamesa nas Somozas, a crise en Galicia Textil en Neda ou Noa Madera Creativa en Fene e despois da fin de Poligal en Narón. Neste mesmo martes, outro golpe máis á lista coa decisión de Gabadi de presentar un ERE extintivo para 36 traballadores.
O peche de Gamesa, a fin da central das Pontes, a crise do naval ou a parálise eólica sitúan as comarcas ante o risco dun "ermo industrial"
Máis despedimentos masivos nunha auxiliar dunha industria, a do naval, que busca afondar no polo tecnolóxico para a eólica mariña, impulsado pola alianza que manteñen Navantia e Windar Renovables, e logo de que a parálise no eólico terrestre durante anos provocase o devalo progresivo de toda a industria vinculada, con Gamesa como último exemplo.
O goteo de EREs e peches semella inacabable e vén acentuado, ademais, pola destrución produtiva da ría, o abandono progresivo do sector agrogandeiro ou unha pandemia que impacta de cheo no sector servizos, xa golpeado desde hai anos. Como engadido, a incerteza dun xigante como Alcoa na veciña comarca da Mariña.
No futuro, o risco para o norte da provincia da Coruña "de se converter nun ermo industrial". Mentres, a emigración e o despoboamento constante dunhas comarcas que en conxunto perderon na última década máis de 16.000 habitantes --22.400 en vinte anos-- e onde se destruíron case 5.000 empregos. 1.600 persoas do censo e 500 afiliados á Seguridade Social menos cada ano.
Tres comarcas no norte da provincia da Coruña que xuntan vinte concellos, catro deles (Ferrol, Narón, Fene e As Pontes) con máis de 10.000 habitantes, e unha área, a de Ferrolterra, que rolda os 150.000 habitantes.
Na última década, Ferrolterra, Eume e Ortegal perderon máis de 16.000 habitantes e uns 5.000 empregos
Cunhas expectativas, de non poñerlle remedio, que non son moi prometedoras. A proxección que fai o Instituto Galego de Estatística (IGE) para o período 2020-2035 nas tres comarcas apunta a unha perda de case 25.000 habitantes: dos pouco máis de 190.000 nesta altura a uns 163.000.
Os sindicatos coinciden en que a folga xeral é "a resposta necesaria para evitar a destrución de emprego e reverter a grave crise industrial" de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Alcaldes, formacións políticas e asociacións profesionais amosan o seu apoio a un paro que comezará coa actividade dos primeiros piquetes informativos xa pola noite, que se reforzarán co seu despregamento en áreas industriais e as zonas comerciais de vilas e cidades xa pola mañá. Mesmo o PPdeG amosou o seu apoio ao paro tras culpar o PSOE de "destruír mileiros de empregos" e de "condenar o futuro" da zona.
A gran manifestación co gallo desta folga arrincará ás 12 do mediodía dende a rotonda da avenida Nicasio Pérez con Trincheiras, no polígono da Gándara, e discorrerá pola estrada de Castela ata a Porta Nova. Entre as reivindicacións de CIG, CCOO e UGT, tamén a "derrogación inmediata da reforma laboral" sen a que, lembran, empresas como Gamesa "non poderían ter levado a cabo os seus fins".
"A folga xeral é a resposta necesaria para evitar a destrución de emprego e reverter a grave crise industrial"
No fondo, sempre, a esixencia dunha "garantía de futuro" e a reivindicación dunha "loita" para evitar a crecente "destrución da industria galega", especialmente no norte de Galicia, onde os conflitos en Alu Ibérica, Endesa, Alcoa ou Navantia impactan tamén nas comarcas da Coruña, A Mariña ou a Terra Cha, cunha clara interrelación económica con Ferrolterra, Eume e Ortegal.
De cara ao futuro, a oportunidade da que advirten as centrais sindicais de que os fondos europeos para unha reconstrución e transición ecolóxica afasten os recordos da reconversión e impulsen actividades perdurables e xeración de emprego. Na mente de todos, a ausencia de proxectos ante o peche anunciado da central térmica nas Pontes e as présas agora por unha alternativa viable e de traballo.
"É unha folga contra a asfixia económica, industrial e social que padecen estas comarcas desde hai anos", lembran os sindicatos, que coinciden maioritariamente co sentir social dunha área que se sente, desde hai décadas, abandonada pola inacción das administracións. Tamén no que se refire ás infraestruturas, co paradigma da precaria liña ferroviaria Ferrol-Ribadeo que vertebra o territorio, e que esmorece entre avarías, atrasos, desleixo e falta de investimentos.
A denuncia da "asfixia económica, industrial e social" que fan os sindicatos coincide co sentir social dunhas comarcas que din estar abandonadas
Unha percepción de abandono reforzada, tantas veces, desde a polémica política. A última, coas desafortunadas declaracións do portavoz do PP en Pontevedra, Rafael Domínguez, que ante a posibilidade de que Ence abandonase a cidade advertiu de que esta ía "camiño de se converter no novo Ferrol".
Pero o norte volverá saír á rúa. Outra vez un 10 de marzo, nunha folga que coincide con outras mobilizacións que en Galicia celebrarán o Día da Clase Obreira Galega, que conmemora a memoria de Amador Rey e Daniel Niebla, vítimas mortais da policía franquista mentres se manifestaban tal día coma este pero de hai 49 anos, en 1972. Facíano para defender os dereitos dos traballadores dos estaleiros públicos de Ferrol, capital da comarca e urbe tractora dunha área de influencia que segue, desde aquela, en decadencia pero en loita.