Os sindicatos CIG e CCOO mobilizáronse este 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, para reclamar solucións para a "crise industrial". As dúas organizacións convocaron manifestacións para este martes e fixeron unha ofrenda floral en Ferrol en memoria de Amador Rey e Daniel Niebla, os dous traballadores dos antigos estaleiros de Bazán que morreron por disparos da policía franquista nunha protesta neste mesmo día en 1972. UGT tamén colocou flores ante o monumento que lembra o acontecido hai 48 anos, pero non programou máis actos con este motivo.
Como cada 10 de marzo, as centrais sindicais lembraron a Amador e Daniel, asasinados por disparos da policía franquista en 1972
As reivindicacións tanto de CCOO coma da CIG fan referencia á situación do sector industrial galego, especialmente na comarca de Ferrol. Ademais da situación das electrointensivas, como Alu Ibérica ou Alcoa-San Cibrao, están sobre a mesa os problemas da central térmica das Pontes, de Emesa e de Isidro 1952, ás que se suma o peche de Isowat, sinala CCOO O seu secretario xeral, Ramón Sarmiento, destacou que o lema este ano é "Memoria de loita e traballo" para lembrar a historia de loita sindical.
"As nosas propostas teñen ideoloxía, e non queremos que nos gobernen tecnócratas sen ideoloxía", dixo Sarmiento, que aproveitou a xornada para insistir no documento de 25 propostas que o sindicato lles fixo chegar ás forzas políticas que se presentan ás eleccións do vindeiro 5 de abril. Son necesarias "respostas concretas a cada un dos procesos de cambio", algo que os partidos "deben interiorizar", engadiu.
Entre as medidas que pide CCOO hai varias referidas a unha "transición xusta", para a que propoñen convenios para "paliar os efectos laborais" no proceso de descarbonización e proxectos integrais de base industrial en sectores emerxentes. O sindicato quere tamén que se desenvolva a economía circular e que se incorporen as novas tecnoloxías de maneira "intelixente".
CC.OO. pide paliar os efectos sobre o emprego do proceso de descarbonización e que a transicion sexa "xusta"
A CIG, que convocou mobilizacións, ademais de en Ferrol, no resto de cidades galegas e en Vilagarcía, apostou por "un cambio radical de políticas para reverter a crise industrial" e pola derrogación "inmediata" das reformas laborais e das pensións. O sindicato denuncia "a extensión da precariedade e da pobreza laboral, o incremento das desigualdades sociais e de xénero e a centralización da negociación colectiva".
O seu secretario xeral, Paulo Carril, considerou que o goberno do PSOE e Unidas Podemos "non ten xustificación para continuar atrasando máis no tempo a derrogación das políticas que causaron esta situación". Que se limite a aplicar "cambios parciais" da reforma laboral ou "cativas e insuficientes" subas do salario mínimo interprofesional e das pensións é "unha fraude", protestou. No caso da reforma laboral "non hai tregua nin transición válidas", dixo.
A CIG considera que "non hai tregua nin transición válidas" na reforma laboral e demanda a súa derrogación "inmediata"
Na industria, Carril reclamou tamén "unha transición xusta" que free "o esmorecemento continuado" do tecido social, económico e produtivo. Critica que as medidas para afrontar o cambio climático "non existen" e reclama máis soberanía para que Galicia aplique un plan de industrialización público que "priorice as inversións feitas por forzas sociais galegas". Os recursos, agregou, deben poñerse ao servizo do benestar social e a creación de emprego e deben pecharse ciclos productivos e diversificarse as capacidades en sectores "estratéxicos", como o naval ou a automoción.
Co discurso do "capitalismo verde" o que se pretende é "reimplantar o modelo ao servizo dos intereses das empresas eléctricas", que Carril considera que non asumen responsabilidade "social nin ambiental polo dano causado".