Nova folga e protesta nas Pontes por unha "transición xusta" ante o peche da térmica

Mobilización dos traballadores das auxiliares de Endesa As Pontes CC-BY-NC-SA CIG

Nova xornada de mobilización nas Pontes por unha "transición xusta" e logo do anuncio de Endesa do próximo peche da térmica. Persoal da central e traballadores das auxiliares manteñen este martes un paro de 24 horas que foi apoiado pola veciñanza, comercios e locais de hostalería que pecharon ou pararon a súa actividade a mediodía para unirse á manifestación. 

Persoal da central e das auxiliares piden ao Executivo de Sánchez que convoque xa unha mesa que aborde a transición

Segundo os sindicatos, o seguimento da folga foi "masivo" e case total nunha xornada na que máis dun milleiro de persoas saíu á rúa para amosar o seu apoio aos traballadores. O persoal da central pide que o Goberno, agora que xa non está en funcións, convoque xa unha mesa que aborde a transición e confía en que as probas que no vindeiro mes de marzo insistirán na posibilidade de novos combustibles mesturados co carbón permitan a continuidade uns anos da actividade, polo menos nunha parte das instalacións. 

Néstor Rego, na reunión co comité de crise nas Pontes CC-BY-NC-SA BNG

Coincidindo con esta xornada de protesta, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demandou ao Goberno central que no primeiro semestre deste ano se asine un convenio de transición xusta para As Pontes, "dotado coas partidas orzamentarias necesarias".

O BNG reclama que ao Goberno central que no primeiro semestre deste ano se asine un convenio de transición xusta para As Pontes

O deputado nacionalista reuniuse co comité de crise das Pontes para dar a coñecer as medidas alcanzadas polo Bloque no acordo para a investidura de Pedro Sánchez. Tamén advertiu do compromiso do Executivo central de realizar as modificacións normativas e lexislativas para que Galicia sexa incorporada aos plans alternativos de peches de centrais cos mesmos dereitos cos que contan Asturias, Aragón e Castilla y León. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.