O salario mínimo interprofesional volverá subir e pasará dos actuais 900 ata 950 euros anuais. É o acordo acadado este mércores pola nova ministra de Traballo, Yolanda Díaz, cos sindicatos Comisións Obreiras e UGT e mais a patronal CEOE no seu primeiro encontro oficial.
Coa intención de que este novo incremento xa sexa aplicable nas nóminas de xaneiro, o Goberno central acelerou os contactos e a sinatura do acordo, que Díaz comunicou ao remate da xuntanza. Foi así porque debe pasar polo Consello de Ministros do vindeiro martes.
O SMI pasará dos actuais 900 a 950 euros e a suba será aplicable na nómina deste xaneiro de 2020
Como informa eldiario.es, este é o primeiro pacto do Executivo central no marco do diálogo social estatal -que inclúe as devanditas organizacións sindicais e patronal- tras o período do Goberno en funcións e tamén o primeiro do gabinete de coalición do PSOE con Unidas Podemos. A ministra Díaz e o vicepresidente de Dereitos Sociais, Pablo Iglesias, tiveron a encomenda de encabezar estes contactos por parte do presidente, Pedro Sánchez.
A negociación, con especiais reticencias na patronal CEOE, comezou coa proposta gobernamental de subir ata 1.000 euros
Fontes coñecedoras das conversas explican que Iglesias, que encabezou a interlocución co presidente da CEOE, Antonio Garamendi, comezou a negociación coa subida a 1.000 euros mensuais, que finalmente quedou nos 950, intermedios entre os 900 actuais e ese mil. A intención, aclaran, é alcanzar a contorna dos 1.100 euros ao final da lexislatura, que supón o 60% do salario medio comprometido no acordo de Goberno entre PSOE e Unidas Podemos.
O acordo chega tras a reunión definitiva deste mércores entre os sindicatos e a patronal coa ministra de Traballo, no que a cuestión do SMI era o centro do debate. O novo incremento, do 5,5%, prodúcese despois de que a patronal, por boca de Garamendi e outros dirixentes, amosasen abertas resistencias a un novo incremento tras a alza do ano pasado, do 22% até os 900 euros mensuais, froito do acordo de orzamentos entre o Goberno e Unidas Podemos.
Para Díaz, este é "o primeiro gran acordo social da lexislatura". "É un gran orgullo para esta ministra e para este Goberno iniciar esta nova etapa a do diálogo en maiúsculas, man con man con todos os axentes sociais", afirmou, no que define como "un día moi feliz".
Tras coñecer a decisión, a CIG lamentou que a suba "quede moi por baixo do que debera ser un incremento correspondente ao 60% do salario medio". "É una acordo vergoñento, que segue impedindo" esa recomendación da Carta Social Europea, di a central sindical nacionalista. Ao tempo, a central sindical nacionalista censura que "o Goberno de coalición siga a practica un diálogo social que nega a obriga legal de consultar este tipo de cuestións con todas as organizacións sindicais máis representativas, entre as que está a CIG".
A anterior suba e os seus efectos
Tras a anterior suba, a propia CEOE e a oposición, así como o Banco de España e diferentes entidades económicas auguraran fortes impactos no emprego por mor da suba do SMI. No entanto, os primeiros meses co salario mínimo de 900 euros experimentaron crecementos do emprego, aínda que menores que nos anos anteriores. Así, por exemplo, en Galicia o primeiro trimestre co SMI de 900 euros finalizou con 19.500 empregos máis que un ano antes.
Tras o primeiro ano completo, o Goberno de España defende os seus efectos positivos no mercado laboral. Na etapa da anterior ministra, a socialista Magdalena Valerio, só admitiu a posibilidade de que nalgúns sectores aumentasen as irregularidades para evitar pagar o SMI. mentres que outras fontes como o servizo de estudos do banco BBVA estiman que a Seguridade Social, potencialmente, tería 45.000 persoas máis afiliadas en todo o Estado se a suba non fose aprobada.