Ano novo e tamén novos prezos e novo salario mínimo. O 2019 chegou coas habituais variacións de prezos en diversos produtos e servizos, pero este ano as flutuacións veñen marcadas por decretos aprobados no Goberno de España nas últimas semanas. Entre eles, o que determinou o incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) a 900 euros -un 22,3% máis- e o incremento do 1,6% das pensións de xubilación, quedando pendente a fórmula para a súa revalorización.
O salario mínimo sitúase dende este 1 de xaneiro nos 900 tras o incremento do 22,3% aprobado polo Goberno central
En 2019 está prevista unha subida do índice de prezos ao consumo (IPC) próxima ao 1,2%, que é a mesma cifra soportada por este índice no exercicio anterior. O IPC concluíu 2018 cunha alza do 1,2%, segundo o dato adiantado polo INE, polo que quedou por baixo da suba dos soldos do persoal público (1,75%), das pensións e do incremento salarial pactado en convenio, que en novembro era do 1,7%. Segundo os anuncios gobernamentais, no novo ano o salario do funcionariado subirá un mínimo dun 2,25%.
Alugueiros máis caros, IBI máis barato
En materia de vivenda as previsións dos expertos inmobiliarios apuntan a subas tanto na compra como no aluguer. No caso do arrendamento continuaría así a tendencia alcista que, no caso galego, xa vén detectando o único indicador público do sector, o Observatorio dependente do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Nas hipotecas, o Euribor (o indicador de referencia para os tipos de xuro) pechou decembro no -0,13%
Os valores catastrais dos inmobles, con todo, baixarán. Isto terá unha repercusión inmediata sobre o Imposto de Bens Inmobles (IBI). Prevese unha baixada media do 1,92% despois de que o Goberno central aprobase os coeficientes de actualización dos valores catastrais para 2019. A medida afecta a 1.179 municipios.
Os prezos da enerxía
O descenso de prezos experimentado nos últimos meses no sector enerxético fixo que o ano comece con caídas nos prezos dos combustibles polo abaratamento do barril de petróleo, que rexistrou en outubro o seu máximo en catro anos, 85 euros, e desde entón descendeu na contorna do 40%. Así, o prezo medio do litro de gasóleo sitúase nos 1,163 euros, segundo os últimos datos do Boletín Petroleiro da UE, mentres que a gasolina está en 1,211 euros d emedia
En canto á luz, 2019 será o quinto ano consecutivo no que a parte regulada do recibo, que supón un 41% e financia partidas como a distribución, o transporte ou os incentivos ás renovables, mantense conxelada. As variacións no prezo final dependerán do comportamento do mercado almacenista, que afecta a algo máis dun terzo do recibo.
Malia ao abaratamento do petróleo nos últimos meses o prezo da luz segue nos niveis máis altos da década e as medidas anunciadas polo Goberno central tiveron, cando menos de momento, un efecto limitado
Neste caso, non hai boas noticias. Malia ao abaratamento do petróleo, o denominado pool eléctrico acaba de pechar co prezo medio máis caro da última década e os intentos do Goberno para frear a escalada do recibo tiveron un efecto limitado, xa que o crecemento interanual supera o 2% para unha factura media. Entre as medidas do Executivo, a máis destacada foi a suspensión durante seis meses do imposto sobre a xeración eléctrica, que ten un gravame do 7%.
Doutra banda, o gas natural terá unha baixada significativa na Tarifa de Último Recurso (TUR), cun 4,6% de media a respecto do trimestre anterior. Os usuarios da TUR 1, que usan o gas para cociña e auga quente, terán un descenso do 3,8%, mentres que para os da TUR 2, que tamén o empregan para calefacción, será do 4,8%, informa eldiario.es. Do mesmo xeito que no caso da luz, a parte regulada do recibo do gas -as denominadas peaxes- permanecerán conxelados por quinto ano consecutivo no ano entrante.
Pola súa banda, o prezo da bombona de butano non experimentou variacións coa entrada do novo ano. O seu prezo actual, fixado en 15,33 euros tras a suba de novembro (un 4,93%), non será revisado até mediados de xaneiro.
Transporte: máis subas na AP-9 e na maioría dos trens galegos
Tal e como vén facendo desde 2015, Renfe volveu conxelar os prezos dos billetes de proximidade, o que en Galicia atinxe aos trens da antiga FEVE como os que unen Ferrol con Ribadeo . Iso si, o prezo dunha viaxe en Media Distancia subirá un 3,5% e, no caso dos Avant, será do 7%. Polo momento non se prevé unha alza para os trens de Longa Distancia.
Onde a suba xa está en marcha é nas peaxe da rede de autoestradas dependentes da Administración Xeral do Estado. Dende o 1 de xaneiro a suba media é do 1,67%, pero na Autoestrada do Atlántico é maior. Ascende, concretamente, a un 3,5%, xa que ao incremento xeral engádense na AP-9 subas derivadas das obras na ponte de Rande ou compensacións por bonificacións de prezos en treitos como o de Vigo a Pontevedra. Esta nova suba chega en pleno trámite parlamentario da lei para transferir á Xunta as competencias sobre a AP-9.
Aeroportos, telefonía e Correos
Nos aeroportos, as taxas aeroportuarias de Aena aplicables para 2019 mantéñense conxeladas tras a rebaixa do 2,2% aplicada en 2018. De calquera xeito, os parámetros para determinar o ingreso medio anual por pasaxeiro revisáronse á baixa tras o informe da CNMC, polo que se fixou en 10,43 euros en 2019.
O selo para o envío de cartas e cartóns postais dentro do Estado subiu un 9%, ata os 60 céntimos
En canto ás telecomunicacións, Movistar xa anunciou que subirá os prezos das cotas mensuais dos produtos fixos e móbiles, pero tamén os consumos extra -como mensaxes de texto ou establecemento de chamadas-. As outras principais operadoras de telefonía aínda non anunciaron novidades.
Aínda que a extensión das comunicacións dixitais deixa as postais nun segundo plano, as tarifas de Correos tamén seguen a ter influencia no ámbito empresarial e social, entre outros. O selo para o envío de cartas e cartóns postais de até vinte gramos de peso a destinos dentro do Estado sobe un 9% neste 2019, de forma que pasará a custar 0,60 euros.