Renfe sobe entre un 3,5% e un 7% os billetes da maioría dos trens galegos e conxela o prezo dos abonos e de Feve

Un tren Avant entre Ourense e Santiago, que o 1 de xaneiro verá subir un 7% o prezo dos billetes sinxelo e ida e volta © Ministerio de Fomento

A empresa pública crea un novo bono de 10 viaxes para gastar nun máximo de 45 días que supón un aforro do 35%

O comezo de ano traerá diversas subas de prezos e tarifas en todo tipo de servizos públicos, entre eles os billetes de Renfe, que vén de anunciar este venres que, tras varios anos sen facelo, aumentará entre un 3,5% e un 7% os billetes sinxelos e de ida e volta dos seus trens de Media Distancia e Avant, que son a maioría dos que circulan por Galicia. Pola contra, a empresa pública manterá conxeladas as tarifas dos abonos para viaxeiros frecuentes así como da liña de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo, o antigo Feve, cuns servizos moi precarios.

En concreto, Renfe subirá un 3,5% o prezo dos billetes sinxelos e dos de ida e volta dos seus servizos de Media Distancia, que en Galicia son a maioría que se prestan entre as sete cidades galegas, en particular no Eixo Atlántico que une Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago e A Coruña, pero tamén nos corredores Ourense-Lugo-A Coruña e Vigo-Ourense-Valdeorras. Tamén subirá un 7% o prezo dos mesmos billetes sinxelos e de ida e volta dos servizos Avant, que en Galicia se prestan no corredor A Coruña-Santiago-Ourense.

Estación de tren de Ferrol, en cuxa contorna existe a única liña de Cercanías de Galicia e da que parten os servizos de ancho métrico cara a Ribadeo, cuxos prezos se conxelan © Adif

Os prezos dos trens de longa distancia, Alvia ou AVE non se actualizan co comezo do ano senón que poden variar en calquera momento

Renfe salienta que “a última vez que se actualizaron as tarifas dos servizos públicos de transporte ferroviario de viaxeiros foi en 2015”, cando subiran un 1,85%, cifra similar a dun ano antes. Agora, fronte á suba nos billetes, a empresa pública salienta que manterá conxelados os bonos para viaxeiros frecuentes, e suma a eles un novo bono de 10 viaxes para gastar nun máximo de 45 días e que supón un aforro do 35% a respecto da suma de 10 billetes individuais.

As tarifas tamén permanecerán conxeladas nos servizos de ancho métrico, isto é, a antiga Feve, que en Galicia operan entre Ferrol e Asturias. No resto do Estado, Renfe tamén manterá conxelados os servizos de Cercanías, pero en Galicia só existen como tales precisamente na liña de Feve nas proximidades de Ferrol. 

No caso dos trens de longa distancia, Alvia ou AVE, Renfe non realizará ningunha subida agora pero pode facelo en calquera momento do ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.