Viaxe pola Galicia do tren lento

Estación ferroviaria de Lugo, sen trens © Adif

O pasado luns contra o serán as plataformas as plataformas da nova estación ferroviaria de Vigo estaban inzadas de xente. Semellaba unha manifestación, pero non o era. Tratábase dunha enorme acumulación de cargos públicos e dalgunhas persoas con desexo de selo que culminaban a carreira de inauguracións que a convocatoria formal das eleccións municipais obriga a frear en seco dende este martes. Alí, na flamante e aínda non operativa nova estación de Urzáiz o presidente da Xunta saudaba a "culminación do Eixo Atlántico de Alta Velocidade" como "un momento histórico". A conclusión de 14 anos de obras "cambiará a forma de entender Galicia, de relacionarnos", auguraba.

Cabe a posibilidade de que á mesma hora que Alberto Núñez Feijóo pronunciaba estas verbas alguén sentase con resignación nun deses trens que circulan polo país por vías trazadas no século XIX e que unen -é un falar- vilas e cidades ás que o AVE, a alta velocidade ou a velocidade alta lles quedan tan afastadas como a carreira espacial. Podería ser o caso, por exemplo, de alguén que se aventurase a coller o tren para ir de Lugo á Coruña, de Vigo a Ourense ou da Coruña a Ferrol, exemplos paradigmáticos de traxectos que non locerían nada nunha desas fotos preelectorais.

A Galicia do tren lento ten pouco que ver coa que, en vindeiras semanas, verá como é posible chegar da Coruña á Vigo en 70 minutos. Tamén dista moito da situación actual na que, malia ás deficiencias de confort, planificación e horarios, xa é posible optar entre case unha vintena de frecuencias diarias para viaxar entre ambas cidades. No caso do traxecto entre A Coruña e Santiago, onde o tren rápido está operativo dende finais de 2011, son case 30 as opcións para viaxar en pouco máis de media hora por prezos que roldan os 6 euros.

Para ir de Monforte á Coruña só existen sete frecuencias, dúas delas con transbordo en Betanzos

Todas esas condicións esvaen e pasar ao terreo da ficción cando se olla cara ás liñas que ficaron fóra da foto. É o caso, por exemplo, da vila que noutrora foi o grande nó ferroviario de Galicia: Monforte. Se alguén desexa achegarse Á Coruña dende a capital da Ribeira Sacra dispón unicamente de sete trens ao día, dous deles con transbordo en Betanzos. Para realizar a viaxe terá que pagar entre 17 e 30 euros, segundo a hora, e prepararse para pasar no tren entre dúas e tres horas, dependendo do tren escollido.

Un chisco máis ao norte, en Lugo, a situación non é mellor. Se, como o viaxeiro imaxinario de Monforte, algunha persoa residente na cidade da Muralla quere achegarse á Coruña por vía ferroviaria debe comezar sabendo que dispón de tres trens entre as oito e media e as nove e media da mañá e de ningún máis ata as sete da tarde, hora a partir da cal hai dispoñibles outros tres. Dúas destas seis frecuencias implican tamén transbordo en Betanzos e ningunha permite completar o percorrido en menos dunha hora e media, se ben o viaxe dura ata dúas horas. Malia ás condicións escasamente competitivas nun percorrido que en coche esixe dispoñer apenas dunha hora os prezos oscilan entre os 10 e os 20 euros. No sentido contrario, da Coruña a Lugo, as frecuencias son só cinco e as tarifas van dos 9 aos 15 euros.

Entre Lugo e Ourense só circulan dous trens pola mañá e outros dous pola tarde con prezos que van do 7 aos 25 euros

A comunicación da habitualmente baleira estación lucense é aínda máis difícil se o destino elixido é Ourense, coa que nin sequera existe unha vía de alta capacidade para viaxar en coche. Só dous trens unen as dúas grandes cidades do interior galego en sentido sur e outros dous, en sentido norte. Trátase do Alvia que vai a Madrid e mais doutro tren de mdia distancia. Ambos parten de Lugo ás once da mañá e volven de Ourense ás cinco e media da tarde con prezos que van dos 7 aos 25 euros para unha viaxe de hora e media.

Esta precariedade ferroviaria non é, con todo, exclusiva do interior. Un bo exemplo disto é Ferrol. Malia á súa proximidade coa Coruña só existen seis opcións diarias para viaxar en tren entre elas: cinco de media distancia e o Alvia de Madrid. A viaxe dura arredor de hora e cuarto e custa entre 4 e 15 euros. Se o destino elixido é Lugo a viaxe achégase ás dúas horas e dende alí sería imposible viaxar en tren directamente ata, por exemplo, Santiago, toda vez que entre as dúas cidades non existe vía férrea.

Estación de Ferrol, cun pequeno e antigo tren nas vías © Adif
Despacho de billetes en Monforte © Adif

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.