0 Gardados para despois

Feijóo protagoniza unha trintena de inauguracións en mes e medio

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Non vai máis. Este martes o Boletín Oficial do Estado publicará a convocatoria oficial das eleccións municipais do 24 de maio e, coa súa publicación, entrará en vigor a prohibición estipulada polo artigo 50 da lei electoral, que dende 2011 veta durante o período previo aos comicios os actos sobre "realizacións ou logros obtidos" polos gobernos. Aínda que o Parlamento de Galicia é, xunto co vasco, a única institución que non se renovará nas urnas neste ano o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, protagonizou nas últimas semanas toda unha maratón de inauguracións e acontecementos semellantes. Foi unha trintena de actos que culmina este luns cunha carreira de catro eventos nunha soa xornada.

A xeira inaugurativa comezou a intensificarse en febreiro. O día 9 dese mes o presidente abriu simbolicamente o paso de gas polo gasoduto da Mariña xunto ao presidente de Gas Natural Fenosa, Salvador Gabarró.Tras unhas semanas de certa calma a carreira desatouse definitivamente o 23 de febreiro, co descubrimento da placa do novo edificio xudicial de Ourense. Catro días máis tarde Feijóo coprotagonizou, xunto á ministra de Fomento, Ana Pastor, as dúas presentacións das obras de ampliación da AP-9 en Vigo en Santiago, dando lugar á comentadísima imaxe de Feijóo, Pastor e varios altos cargos máis aplaudíndolle a un fito quilométrico dunha obra aínda inexistente. Ese mesmo 27 de febreiro Feijóo aínda acudiu á inauguración da nova casa do Concello de Barro.

Case un acto ao día durante o mes de marzo

Xa en marzo a carreira das inauguracións e actos de autobombo lanzouse definitivamente, cunha media de case un destes actos ao día. A xira comezou o día 4 na Cañiza, onde Feijóo oficializou a apertura dunha residencia da Fundación San Rosendo. O mesmo día presentou en Vigo o novo plan de transporte metropolitano, acto no que non sobraron as críticas ao alcalde da cidade, Abel Caballero, que non se integrou no plan. O día 9 de marzo Feijóo puxo o casco de obra para visitar os traballos de amplicación do hospital de Ourense, un percorrido ao que acudiu coa conselleira de Sanidade pero tamén con Jesús Vázquez, candidato do PP á alcaldía da cidade.

Este martes convócanse oficialmente as eleccións municipais e as inaguracións e demais actos de autobombo fican prohibidos ata despois dos comicios

Nas últimas horas de autobombo legal tamén hai tempo do presidente para un último pulo dende a Xunta ao seu candidato en Santiago, Agustín Hernández,O 10 de marzo o titular da Xunta ofreceulles ás cámaras unha escena netamente preelectoral. Participou, sacho en man, na plantación dunha árbore do denominado Bosque de Galicia, que cubrirá unha ladeira do compostelán monte Gaiás, que alberga a Cidade da Cultura. Dous días despois Feijóo inaugurou un balneario en Cortegada, onde realizou diversas promesas dobre turismo termal. O día 13 volveu ao Gaiás para inaugurar unha exposición e mais viaxou ata Cee para facer o propio coa Casa da Cultura, que entra en servizo en período preelectoral tras case 20 anos de obras.

O 14 de marzo foi un dos días máis intensos. O presidente, de novo con Ana Pastor, retratouse na inauguración dun dos últimos treitos da terceira rolda da Coruña -Fomento prevé rematala antes das municipais con quendas de operarios durante as 24 horas do día- e mais na sinatura de convenios de rehabilitación de vivendas con varios concellos. Ademais, visitou os espazos recentemente rehabilitados en San Andrés de Teixido e foi intervir á inauguración dos actos da Semana Santa de Ferrol. 

A segunda metade do mes comezou para Feijóo coa inauguración do parque eólico Cordal de Montouto, na provincia de Lugo, o día 17, e coa presentación in situ, o día 18, do plan director do Hospital da Costa de Burela o día 18, acto no que utilizou unha porta traseira por mor das protestas contra os recortes sanitarios. O día 19 o presidente foi protagonista dun acto semellante no Hospital do Salnés, onde falou das obras de ampliación que se están a realizar. O día 21, poucas horas despois do peche da campaña electoral andaluza, Feijóo foi substituído polo vicepresidente, Alfonso Rueda, na inauguración da variante de Padrón.

A recta final

Tras toda esta bagaxe de descubrimentos de placas e primeiras pedras iniciouse a derradeira semana completa coas inauguracións permitidas pola lei. O día 23 Feijóo acudiu ao novo edificio do servizo de Notificacións e Embargos de Vigo, onde non desaproveitou ao ocasión de lanzar uns cantos dardos dialécticos contra Caballero. O 24 de marzo foi a quenda para a visita á nova sede de Emerxencias na Estrada, un edificio que se constrúe dende hai máis de 4 anos e para cuxa entrada en servizo aínda non hai data. O día 27 o presidente vestiuse de verde para visitar a nova planta de Aceites Abril en Ourense. O día 28 falou de deporte ao carón de David Cal na inauguración da nova piscina de Cangas do Morrazo e mais de economía na presentación dun parque empresarial de Verín.

Na última xornada cóntanse dez destes actos na axenda da Xunta, catro deles do presidente

Así foi como se chegou ata este 30 de marzo, derradeiro día con licenza para inaugurar no que na axenda da Xunta figura unha decena de actos deste tipo, catro de Feijóo. O presidente comezou o sprint no salón de actos de San Caetano, onde Xunta e Ministerio de Facenda organizaron o acto de "lanzamento" das novas axudas do fondo FEDER en Galicia. Xunto a Feijóo estivo a ex conselleira de Facenda e actual secretaria de Estado de Orzamentos, Marta Fernández Currás, que non aforrou parabéns á Xunta por ser "unha das autonomías con maior compromiso co saneamento das contas públicas", ademais de anunciar diversos investimentos.

Nas últimas horas de autobombo legal tamén hai tempo do presidente para un último pulo dende a Xunta ao seu candidato en Santiago, Agustín Hernández, a quen acompaña nun acto de presentación das futuras obras na estación ferroviaria da cidade. Estas obras son competencia do Ministerio de Fomento, igual que as outras dúas en cuxas inauguracións Feijóo participa este luns: un anaco da autovía Santiago-Lugo, un proxecto concibido hai máis de vinte anos no que agora se abre o treito entre Nadela e Guntín, nas proximidades da capital lucense, e a posta en servizo do novo eixo atlántico ferroviario, que Xunta e Fomento volven publicitar como "alta velocidade".

Inauguración o 9 de febreiro de 2015 do gasoduto da Mariña

23 de febreiro, xulgados de Ourense

27 de febreiro, ampliación da AP-9 en Vigo

27 de febreiro, ampliación da AP-9 en Santiago

27 de febreiro, casa do Concello de Barro

4 de marzo, residencia da Fundación San Rosendo na Cañiza

4 de marzo, Transporte Metropolitano de Vigo

9 de marzo, obras do hospital de Ourense

10 de marzo, árbores da Cidade da Cultura

12 de marzo, balneario en Cortegada

13 de marzo, casa da cultura de Cee

13 de marzo, exposición na Cidade da Cultura

14 de marzo, treito da terceira rolda da Coruña

14 de marzo, convenios de rehabilitación de Fomento cos concellos

14 de marzo, Semana Santa de Ferrol

14 de marzo, rehabilitación en San Andrés de Teixido

Membros do Goberno de Feijóo, nun parque eólico

18 de marzo, Plan Director do Hospital da Costa

21 de marzo, variante de Padrón

19 de marzo, obras do hospital do Salnés

23 de marzo, edificio de notificacións e embargos en Vigo

24 de marzo, novo edificio de Emerxencias

27 de marzo, sede de Aceites Abril

28 de marzo, piscina de Cangas do Morrazo

28 de marzo, parque empresarial de Verín

30 de marzo. "Lanzamento" do novo programa FEDER

30 de marzo. Presentación sobre as futuras obras na estación do tren de Santiago.

30 de marzo. Inauguración de 23 quilómetros da autovía Santiago-Lugo, entre Nadela e Guntín

30 de marzo. Presentación do Eixo Atlántico Ferroviario

Inauguracións de precampaña

Inauguracións e actos de 'autobombo' protagonizados polo presidente -e, nun caso, polo vicepresidente- da Xunta antes da prohibición polas municipais do 24-M

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

A ministra de Fomento, omnipresente en Galicia

A persoa titular do Ministerio de Fomento ten ligazón política directa con Galicia dende o ano 2009, cando tras saída do bipartito da Xunta José Luis Rodríguez Zapatero lle outorgou este cargo a un dos dirixentes da súa máxima confianza, José Blanco. Como ministro Blanco impulsou diversos proxectos en Galicia, caso do ferrocarril, as autovías ou diversas actuacións urbanas, e tamén foi protagonista de innumerables presentacións e inauguracións.

Tras a súa vitoria nas xerais de 2011 Mariano Rajoy deulle Fomento a quen xa fora ministra de Sanidade con José María Aznar, Ana Pastor, integrante das listas do PP de Pontevedra. Dende ese nomeamento as visitas de Pastor a Galicia con variopintas promesas no cartafol foron múltiples. Con todo, a ministra tornou en omnipresente no país durante este período electoral, cunha quincena de actos en territorio galego dende que comezou o ano.

Ana Pastor protagonizou unha quincena de actos en Galicia dende comezos de ano

A dupla presentación das obras de amplición da AP-9, un helicóptero de salvamento marítimo, as probas de carga do viaduto ferroviario do Ulla ou un paseo polo porto exterior de Ferrol foron os primeiros compases dunha sinfonía preelectoral no que houbo dende un convenio para "impulsar" a eterna plataforma loxística Salvaterra-Ass Neves ata acordos para rehabilitar vivendas en cascos vellos, pasando pola terceira rolda da Coruña, un plan de obras na perigosa A-55 ou unha exposición en Vigo.

A variante de Padrón, as obras da Praza de Abastos de Santiago ou a ampliación do polígono industral da Pobra do Caramiñal foron tamén escenarios das visitas de Ana Pastor quen, asemade, interviu nunhas xornadas sobre a chamada Marca España na Cidade da Cultura para loubar os investimentos do seu propio Ministerio. Nesta ocasión a carreira preelectoral de Pastor remata, como a de Feijóo, coas inauguracións do treito da autovía Lugo-Santiago e do eixo atlántico ferroviario.

O PP defende as inauguracións masivas como un exercicio de "rendición de contas"

Mentres o presidente do Goberno galego e os seus conselleiros participaban nas diversas inauguracións e presentacións na última xornada en que estaban permitidas a oposición galega censuraba o que, en verbas do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, supón un exercio de "furia inauguradora" que para o deputado de AGE Antón Sánchez non é máis ca "electoralismo". Un dos poucos cargos populares que non descubriu placas nin cortou cintas este luns, o voceiro parlamentario, Pedro Puy, defendeuse destas críticas enmarcando os actos inaugurais e de autobombo como un exercicio de "rendición de contas".

Puy xustifica as inauguracións como un "balance" propio da "normalidade democrática"

Ao ser preguntado polas críticas da oposición a estes "actos inaugurais" o parlamentario conservador considera que "o que sería sorprendente é que ningunha administración fixese un balance das súas actividades". Aínda que o que se elixe en maio non é o Parlamento nin as Cortes e, polo tanto, nin a Xunta nin o Goberno central, Puy xustifica a acumulación destes actos considerando "lóxico que estas accións se acumulen ao final do mandato para render contas do feito polas administracións e do cumprimento das súas propostas". "Me parece que é unha forma de rendición de conta ante a cidadanía, do que se ten feito e en que se gastaron os cartos", afirma.

Mentres o presidente da Xunta presentaba as obras da estación de Santiago, cuxa finalización está prevista para o "horizonte do 2018", ou descubría o fito quilométrico inaugural dun anaco de 20 quilómetros da autovía Lugo-Santiago Puy apelaba a observar estes eventos como "parte da normalidade democratica", algo "normal en calquera sistema democrático". "Se non se estivese inaugurando ou rendendo contas, a oposición probablemente estaría dicindo que non se fixo nada", conclúe.