Galicia pechou o mes de marzo con 14.262 persoas menos paradas e 19.521 afiliados máis á Seguridade Social que hai un ano tras o primeiro trimestre co novo salario mínimo. Xa que logo, estes tres primeiros meses co SMI de 900 euros rematou con máis emprego e menos desempregados apuntados nas antigas oficinas do INEM logo de que, respecto ao mes anterior, o paro rexistrado descendese en 2.868 ata quedar en 170.841 persoas.
O paro descendeu no mes de marzo en Galicia en 2.868 persoas con respecto ao mes anterior, quedando a cifra total en 170.841
Estes son os últimos datos do paro feitos públicos polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, nos que se comproba como o número de persoas desempregadas en Galicia descendeu en todos os sectores en marzo (especialmente nos servizos con 1.752 máis) agás no colectivo sen emprego anterior, onde se incrementou en case 200.
Remata así o primeiro trimestre logo de que se aplicase a suba do salario mínimo interprofesional de 735,90 a 900 euros. No entanto, a tendencia do mercado laboral non muda, nin no Estado nin tampouco en Galicia. Así, o número de contratos asinados no mes de marzo mantense estable, cunha lixeira suba, ata chegar aos 75.535, dos cales só 7.180 (o 9,5%) foron indefinidos, que caen en máis de 800 con respecto a un ano antes, mentres que os temporais se incrementan en case 700 con respecto ao mesmo mes de 2018.
En marzo asináronse en Galicia máis de 75.000 contratos, dez por cada novo emprego creado
Son, con todo, dez contratos por cada novo emprego creado en Galicia, o que volve pór sobre a mesa a elevada rotación, temporalidade e precariedade dos traballos. Así, e tal e como destaca a CIG, no que vai de ano xa se asinaron no país un total de máis de 226.000 contratos, unha cifra maior ao número total de desempregados. O 61% destas contratacións foron no sector servizos.
En canto ás afiliacións á Seguridade Social, Galicia volve superar o millón de cotizantes (1.004.405) logo dunha suba no mes de marzo de 7.094 e tras sumar case 20.000 máis (+19.521) no último ano.
Na súa primeira reacción, a Xunta destacou que Galicia é "a terceira comunidade na que máis baixa o paro na evolución anual e cun mellor comportamento có Estado". A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou que o emprego "continúa caendo, case cinco anos e medio de xeito consecutivo".
Por outra banda, en febreiro de 2019 constaban 159.433 persoas paradas nas oficinas do servizo público de emprego con experiencia laboral e, desas, só o 59,4 % percibían unha prestación por desemprego. Xa que logo, 64.803 persoas paradas con experiencia laboral carecen de cobertura por desemprego.
Ademais, menos da metade das persoas que estaban percibindo unha prestación de desemprego reciben prestacións contributivas, as de máis calidade.