O Consello de Ministros reuniuse en Barcelona rodeado dun gran despregamento policial e entre protestas dos Comités de Defensa da República (CDR) que se saldaron con varios detidos. O Goberno de Pedro Sánchez aproveitou a súa presenza na capital catalá para aprobar medidas sociais e tamén simbólicas para Catalunya, pero a reunión do día anterior entre Pedro Sánchez e Quim Torra, que Moncloa valora positivamente, levou boa parte do protagonismo da rolda de prensa posterior. "A reunión de onte o que expresa é que a apertura deste diálogo deu os seus froitos; neste seis meses conseguimos medidas concretas", afirmou a ministra de Política Territorial, Meritxell Batet.
Tras se reunir con Torra e membros do seu Goberno nun clima cordial, o Executivo do PSOE reservou para a xuntanza en Barcelona medidas de impacto social como a suba do salario mínimo a 900 euros para 2019
Sánchez e Torra atopáronse ambiente de cordialidade e sen incidentes nas rúas. En paralelo, víronse os vicepresidentes, Carmen Calvo e Pere Aragonès; e a ministra Meritxell Batet e a consellera Elsa Artadi. Despois fixeron unha foto conxunta. A Generalitat reclamaba un formato de cimeira entre gobernos e o resultado final foi un termo medio. Suficiente para que ambos vendesen a imaxe que preferían, que para o Govern é a bilateralidade e para o Goberno de España, a contraria. PP e Ciudadanos, pola súa banda, clamaron contra o acontecido como unha "humillación".
Para a reunión deste venres, o Executivo do PSOE reservou algunhas medidas cun forte impacto social, como a suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) a 900 euros para 2019, na liña do pacto orzamentario con Unidos Podemos. Tamén o incremento do soldo do persoal público, un incremento xa pactado polo sindicatos do funcionariado co Goberno de Rajoy.
Especificamente para Catalunya, o gabinete deu luz verde a medidas concretas como 112 millóns de investimentos e infraestruturas e outras máis simbólicas, como dar o nome de Josep Tarradellas ao aeroporto de El Prat, que fora comunicada e tiña autorización da familia do histórico presidente catalán.
O outro xesto simbólico que anunciou Pedro Sánchez traduciuse nun "recoñecemento" de Lluís Companys a través dunha declaración de reparación na que condena o consello de guerra que en 1940 sentenciou a matar ao presidente da Generalitat. A intención do Executivo é restituír a "dignidade" de Companys, a quen o actual líder do PP, Pablo Casado, equiparara con Puigdemont en vésperas da declaración unilateral de independencia.
As mobilizacións independentistas
Mentres o Goberno de Sánchez celebraba a súa xuntanza, nas rúas de Barcelona e doutros puntos de Catalunya volvíase mostrar a diversidade de actores (e estratexias) do independentismo coas protestas contra o Consello de Ministros.
As diversas protestas contra a celebración do Consello de MInistros amosaron a diversidade de actores e estratexias no seo do independentismo
Desde primeira hora da mañá, os Comités de Defensa da República (CDR) protagonizaron cortes de autoestradas e estradas. Na capital catalá, estes mesmos grupos protagonizaron enfrontamentos contra os Mossos d'Esquadra, que detiveron a doce persoas. Mentres, tan só a 400 metros do edificio da Llotja de Mar onde se reunía o Goberno de Pedro Sánchez, Òmnium Cultural congregou a case 5.000 persoas nunha protesta pacífica, reivindicativa e de crítica contundente ao Executivo central.
Òmnium, ANC e partidos independentistas manifestáronse outra volta no centro de Barcelona na tarde deste venres no Passeig de Gràcia, no centro de Barcelona e á súa convocatoria responderon milleiros de persoas. Mentres, o epicentro das protestas da mañá na capital catalá foi o edificio da Llotja, onde un dispositivo policial de gran envergadura mantiña un cordón de seguridade de case un quilómetro ao redor do edificio. A pesar dos intentos dos CDR para rompelo, os Mossos mantivérono en todo momento.