O ata agora president de ERC, Pere Aragonès, sofre unha importante caída mentres PP e VOX mantéñense na irrelevancia malia mellorar resultados e Ciudadanos desaparece
O PSC encabezado polo ex-ministro de Sanidade Salvador Illa gañou este domingo as eleccións en Catalunya co 28% dos votos e 42 escanos. Porén, para gobernar necesitará sumar apoios de máis forzas que lle permitan chegar aos 68 escanos que marcan a maioría absoluta nun Parlament de 135 asentos, o que podería lograr co apoio de ERC e os Comuns. Máis difícil parece telo o bloque de formacións soberanistas, que perde a maioría que sumara en anteriores comicios.
O ata agora president da Generalitat, Pere Aragonès, de ERC, sofre unha importante caída electoral, pero esta non é rendibilizada de todo por Junts, aínda que mellora os seus resultados de anteriores comicios. Mentres, a CUP perde apoios e entra no Parlament a formación de extrema dereita independentista Aliança Catalana.
Quen si sobe de xeito significativo é o PP, que pasa de apenas 3 escanos a 15. Porén, nin os populares nin Vox, que tamén mellora lixeiramente, acadan resultados que os fagan relevantes nos posibles pactos de investidura.
Os comicios deste domingo tamén deixan a desaparición de Ciudadanos do que era o seu último gran reduto electoral e onde en 2017 chegara a ser a forza vencedora, con 36 escanos.
As anteriores eleccións catalás celebráranse hai pouco máis de tres anos, o 14 de febreiro de 2021, e nelas gañara lixeiramente en votos o PSC empatando a 33 escanos con ERC e quedando a só un escano, con 32, Junts. A maioría de escanos obtida polo independentismo e o apoio de Junts e os 9 escanos da CUP foron clave para dar a presidencia da Generalitat ao candidato de ERC, Pere Aragonès, nun goberno de coalición. Porén, este só duraría ano e medio e en outubro de 2022 Junts decidía deixar o executivo.
Aragonès, xa cun goberno en solitario e minoría, negociou un acordo co PSC de Illa para sacar adiante os orzamentos da Generalitat. Un pacto que facilitaba tamén a continuidade dos apoios de ERC a Pedro Sánchez na Moncloa, claves tanto para os indultos aprobados en 2021 ás persoas condenadas polo procés como para a amnistía impulsada este ano.
Pero a falta de apoios aos orzamentos cataláns doutros grupos, nomeadamente dos Comúns polas súa negativa ao proxecto dun complexo de xogo en Tarragona, acabou levando ao president a convocar eleccións o pasado 13 de marzo. Uns comicios nos que a seca que vén afectando a Catalunya e a campaña do ex-president Carles Puigdemont desde Francia foron dous dos principais focos informativos.
Tras estas eleccións, en menos dun mes haberá novos comicios en Galicia, as europeas do 9 de xuño
Tras estas eleccións catalás, as galegas celebradas o 18 de febreiro, e as vascas do 21 de abril, o próximo 9 de xuño volverá haber eleccións en Galicia, coa celebración das eleccións europeas, nas que o ascenso da extrema dereita preséntase como factor clave para o futuro da Unión Europea.