Europeas 9X: xa están aquí (e poden pactar entre eles)

Feijóo e Von der Leyen, nunha imaxe de arquivo; líderes de Vox e Fratelli d'Italia, membros do ECR; e campañas institucionais do Parlamento Europeo animando ao voto o 9X CC-BY-SA PP | Vox | Fratelli d'Italia | Parlamento Europeo | Montaxe: Praza.gal

Estamos en período electoral. Concretamente, dende o pasado 16 de abril, cando o Goberno de España completou o trámite de convocar as eleccións aos 61 escanos do Parlamento Europeo que lle corresponden elixir. Activáronse así todos os prazos legais para os comicios do 9 de xuño como os relativos ao voto por correo, que pode solicitarse ata o 30 de maio.

O debate público en torno ás europeas do 9X está en mínimos absolutos mentres o PP Europeo se abre a pactos coa extrema dereita que mudarian as alianzas que rexen a política continental dende hai décadas

O feito de que a convocatoria para renovar a Eurocámara non sexa simultánea a ningún outro proceso electoral -hai cinco anos, por exemplo, coincidiu coas municipais- e, no caso galego, chegue ademais despois dunha intensa carreira electoral ao Parlamento mantén a expectación e debate público en torno ao 9X en mínimos absolutos. Máis aínda tendo en conta que veñen de celebrarse eleccións en Euskadi, que o vindeiro día 12 son os comicios cataláns e que a escena política aínda está protagonizada pola decisión de Pedro Sánchez de continuar na presidencia tras valorar dimitir.

Momento do debate no que Von der Leyen di que os posibles pactos do Partido Popular Europeo coa extrema dereita dependerán da composición do Parlamento

Esta atonía practicamente total embaza en boa medida a transcendencia das eleccións europeas. E permite que pasen practicamente desapercibidos sinais como o emitido esta semana por quen é candidata do Partido Popular Europeo a volver presidir a Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, a respecto de posibles pactos coa extrema dereita que mudarían as alianzas onde se apoia política continental dende hai décadas.

No primeiro debate de aspirantes á Comisión, Von der Leyen respondeu que os posibles pactos coa 'familia política' de Vox dependerán "da composición do Parlamento e de quen estea en cada grupo"

Tras un mandato no que a que fora ministra de Defensa do goberno alemán de Angela Merkel foi vista con receo en boa parte da súa familia política -entre eles, o PP español- polos seus achegamentos e boas relacións con líderes socialdemócratas como Sánchez, Von der Leyen comezou a escenificar o xiro o pasado día 29. Fo no Debate de Maastricht, o primeiro encontro entre candidatas e candidatos designados polos partidos europeos como posibles aspirantes a presidir a vindeira Comisión, coorganizado polo centro Studio Europa Maastricht e a edición europea da revista POLITICO

No transcurso dese encontro, o candidato do Partido Verde Europeo, Bas Eickhout, instou a Von der Leyen a aclarar se tras o 9X o Partido Popular Europeo estaría disposto a pactar a nova composición das institucións co ECR (European Conservatives and Reformists), unha das familias europeas da extrema dereita, ausente no debate por non ter designada ningunha persoa como aspirante a presidir a Comisión. Baixo ese paraugas están formacións como Vox, os italianos Fratelli d'Italia -partido da primeira ministra, Giorgia Meloni- ou o PIS polaco, entre outros.

Alberto Núñez Feijóo, durante unha conversa de Von der Leyen co dirixente do PP Esteban González Pons, nun acto do PPE en 2023 © PP

Von der Leyen procurou responder mediante un circunloquio, indicando que durante o seu mandato a UE conxelou fondos a gobernos de extrema dereita en Hungría ou Polonia por non atender a lexislación comunitaria en materias como o respecto ao estado de dereito. Pero, ante a repregunta dunha das moderadoras, si que respondeu: un posible pacto do PPE co ECR "dependerá da composición do Parlamento Europeo e de quen está en cada grupo". É dicir, o cordón sanitario que veu defendendo xa non é tal ou, cando menos, non en determinadas circunstancias.

En Galicia, cando menos de momento, a cuestión segue pasando amplamente desapercibida mentres o PP volve sinalar como referente a Millán Mon. Cabe agardar que tanto o socialista Casares como a nacionalista Miranda si poñan máis o foco no risco dun eventual pacto do PP cos ultras

A resposta indignou o candidato verde e causou estupor no socialdemócrata, Nicolas Schmit, toda vez que é este grupo -no que se integra o PSOE- co que vén pactando historicamente o PPE nas institucións europeas, tanto nas grandes políticas como no reparto de cargos. No ámbito español, a xa candidata socialista, Teresa Ribera, advertiu de que Von der Leyen debera ter claro que "a extrema dereita non se frea dándolle a aperta do oso nas institucións", para a continuación pedir que os votos da cidadanía impidan que ese pacto sexa posible.

En Galicia, cando menos de momento, a cuestión segue pasando amplamente desapercibida. Tamén para a representación do PPE no país, o PP de Galicia, que á espera da lista definitiva do PP español para o 9X -os de Feijóo confirmaron este pasado venres que a volverá encabezar a ex-ministra Dolors Montserrat- xa volveron propoñer a Francisco Millán Mon como o seu referente na candidatura. Tamén constituíron o comité de campaña, dirixido por Paula Prado, cuxas primeiras declaracións públicas ao respecto se centraron en cargar contra Pedro Sánchez.

González Casares volve ser o referente do PSdeG na lista europea do PSOE e Ana Miranda volve encabezar a candidatura do BNG CC-BY-NC-SA PSOE | BNG

Cabe agardar que os outros referentes galegos para o 9X, como o socialista Nicolás González Casares ou a candidata do BNG, Ana Miranda, si poñan máis o foco nos riscos dun eventual pacto europeo entre dereita tradicional e extrema dereita. Máis aínda nun contexto de ascenso dos ultras en moitos dos Estados membros da UE. Mentres, en calquera caso, o PP galego dá en reproducir o argumentario do ex-presidente Feijóo, que dende Madrid sostén nos últimos días que non hai máis perigo para as liberdades públicas que Pedro Sánchez, o PSOE e as formacións soberanistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.