Casares, referente do PSdeG no Parlamento Europeo, repite na lista socialista do 9X

Nicolás González Casares, eurodeputado socialista, nunha intervención no Parlamento Europeo en Bruxelas CC-BY-NC-SA PSOE

Besteiro aplaude que o PSdeG vaia "seguir contando cun extraordinario eurodeputado", en cuxo labor na lexislatura que remata destacan fitos como ser o relator da Eurocámara na reforma do mercado eléctrico

Nicolás González Casares seguirá sendo o referente do PSdeG no Parlamento Europeo na nova lexislatura comunitaria. A lista aprobada pola dirección federal do PSOE, liderada pola ata agora vicepresidenta e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, mantén o lalinense en postos de saída, cun undécimo posto que na práctica o mantén no mesmo lugar que hai cinco anos, cando foi noveno, toda vez que o vindeiro 9 de xuño a España correspóndenlle dous postos máis na Eurocámara -agora son 61-.

A dirección nacional do PSdeG acolleu de bo grao a elección de González Casares, un dos parlamentarios máis activos da delegación do PSOE en Bruxelas e Estrasburgo. Para o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, supón "dar continuidade ao gran traballo desenvolvido polo compañeiro Nico", unha "gran nova para Galicia".

Besteiro e Casares, na convención política celebrada polo PSOE o pasado xaneiro na Coruña CC-BY-NC-SA PSdeG

González Casares, pola súa banda, agradece "a confianza" para poder "seguir defendendo os valores socialistas no Parlamento Europeo", pero tamén porque "o Partido Socialista -asegura- é o que máis defende a Galicia en Europa". Neste sentido, di, o seu compromiso é seguir "levando a voz das galegas e dos galegos" en asuntos que atinxen o país "coma o mar, a industria ou o agro", pero tamén "apoiar as políticas europeas que achegan solucións, moitas das cales se desenvolven grazas aos socialistas".

Lorena Guerra e Elba Veleiro son os outros nomes galegos na lista europea do PSOE, que encabeza Teresa Ribera

Na lexislatura que agora remata, González Casares foi membro de comisións como as de Industria ou Investigación e Enerxía, así como da comisión especial de loita contra o cancro ou a subcomisión de saúde pública. Entre os fitos máis destacados do seu labor na Eurocámara destaca o seu papel como relator do lexislativo europeo na reforma do mercado eléctrico que culminou a mediados do pasado abril. Tamén foi un dos defensores da lei de restauración da natureza, destacando que foi "o único deputado galego" que votou a prol.

Para Besteiro, queda "garantido" que "o PSdeG siga contando cun extraordinario eurodeputado", cunha "enorme capacidade de traballo e con gran coñecemento de asuntos cruciais" para Galicia. Cara á nova lexislatura, di, anímao a seguir "pendente, coam sempre, dos intereses de Galicia" nas institucións comunitarias.

Alén dos postos considerados de saída -o PSOE foi en 2019 a primeira forza, con 20 escanos-, o PSdeG achega outros dous nomes á candidatura. Trátase da ourensá Lorena Guerra e mais de Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba dende 2019 e ata o pasado outubro, cando foi substituída pola tamén socialista Marta Rouco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.