A Comisión Europea aclara que os pellets de plástico "teñen repercusións adversas sobre o medio ambiente e posiblemente tamén na saúde humana". O comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius asegura, a raíz do vertido que afectou as costas de Galicia durante este inverno, que "outra vertente do problema" é que estes granulados "poden funcionar como vectores de transmisión de substancias tóxicas ou microorganismos patóxenos que puidesen ter absorbido".
Así o aclara nunha resposta escrita ás preguntas parlamentarias efectuadas polo eurodeputado galego do grupo socialista, Nicolás González Casares. Nelas, o europarlamentario pedía á Comisión unha análise das manifestacións nas que a Xunta minimizara o risco dos pellets. Así o manifestara a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o pasado 8 de xaneiro, cando advertía que o material que daquela chegaba ás praias en grandes cantidades non era "tóxico nin perigoso" pero que era "plástico" e había que "quitalo dos areais".
Sinkevičius advirte que os 'pellets' "teñen repercusións adversas sobre o medio ambiente e posiblemente tamén na saúde humana" e que poden transmitir "substancias tóxicas ou microorganismos patóxenos"
Foi un día despois cando González Casares enviou varias preguntas, respondidas por escrito por Sinkevičius nun documento feito público este pasado martes. Nel tamén di que, "dado que as investigacións para avaliar as repercusións do incidente están aínda en curso a nivel nacional", é "prematuro" extraer aínda conclusións definitivas sobre a afectación total e detallada.
No documento, o comisario aclara que a Comisión Europea "é consciente da contaminación marítima por pellets de plástico que afecta as costas españolas" e lembra que xa participou na sesión plenaria do Parlamento Europeo do pasado mes de xaneiro sobre este asunto. onde xa advertira dos problemas que causan estes granulados e instara a impulsar medidas para aumentar a seguridade no seu transporte e a centras os esforzos en evitar os vertidos por seren "moi difíciles de recuperar unha vez están no mar".
Na súa comunicación, Sinkevičius dá resposta a outra das cuestións de Casares, que quixo saber se a Xunta se puxera en contacto coa Comisión sobre o vertido e se consideraba activar un protocolo europeo ante a posibilidade de que a contaminación afectase varios Estados membros. O comisario limítase a aclarar que en xaneiro España "solicitou asistencia na forma de imaxes do satélite Copernicus" para determinar a localización dos contedores e que se activou, en consecuencia, o plan de continxencia dos servizos de apoio marítimo.
"Esta información foi recibida pola Axencia Europea de Seguridade Marítima (AESM) e pola Comisión", di Sinkevičius, que asegura que Portugal "notificou o incidente ao sistema de intercambio de información marítima da UE", que facilita o intercambio de información entre os Estados membros, "tamén sobre contedores perdidos no mar". "Este activouse debidamente no caso do incidente en Galicia", lembra.
Preguntado sobre a opinión da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) sobre o potencial contaminante do vertido dos pellets no mar, Sinkevičius aclara que a AEMA "non ten nin as competencias nin os sistemas para supervisar este tipo de vertidos", senón que se "apoia na Rede Europea de Información e de Observación sobre o Medio Ambiente, formada polas autoridades competentes dos países membros, para comprender as situacións de contaminación".
Axudas estatais pola contaminación
Por outra banda, o Goberno de España aprobou este martes axudas para os afectados pola contaminación por pellets en Galicia e noutras comunidades autónomas. O Consello de Ministros declarou zonas afectadas gravemente por unha emerxencia de protección civil (ZAEPC) varios territorios nos que houbo "episodios catastróficos" que supuxesen danos persoais, en infraestruturas, bens públicos e privados, explotacións agropecuarias ou outras instalacións produtivas.
Entre eles inclúe as zonas afectadas polo vertido de pellets e axudas a persoas que levase a cabo prestacións persoal e de bens, polo importe total dos gastos, ás corporacións locais polos gastos de actuacións derivadas da contaminación ou a titulares de establecementos mercantís, de servizos ou marítimo-pesqueiros que se puidesen ver afectados polo vertido.