O 18 de xaneiro de 2024, a Comisión Europea respondía á marea de pellets que levaba algo máis dun mes estendéndose polas costas de Galicia e boa parte do litoral cantábrico amosándose disposta a endurecer os requisitos para o transporte marítimo destes granulados de plástico. As autoridades comunitarias, apremadas pola mobilización en Galicia e as demandas de varios grupos político e eurodeputados —en especial galegos como Nicolás G. Casares (PSdeG) e Ana Miranda (BNG)—, apostaron por "accións rápidas e decisivas a todos os niveis" para reducir os seus vertidos e a contaminación que provocan. Abríanse a endurecer as medidas para o seu transporte, estendendo a lexislación prevista ao comercio marítimo internacional ou vetando que o traslado se fixese a granel.
Meu dito, meu feito. Ano e pouco despois, o Consello Europeo, a Comisión e o Parlamento veñen de alcanzar un acordo sobre un regulamento para evitar vertidos de pellets de plástico. Unha normativa que combaterá este tipo de vertidos na cadea de subministro (terrestre e marítima) e que endurecerá as normas para os transportistas. Unha nova lexislación que será aplicada dous anos despois da súa entrada en vigor, un prazo que será de tres no caso do transporte marítimo.

Consello, Comisión e Parlamento acordan un regulamento para evitar vertidos de 'pellets' que inclúe o transporte marítimo, engade requisitos aos operadores e obriga a avisos nas etiquetaxes
Precisamente, a principal novidade e logro é a inclusión do transporte marítimo no ámbito do regulamento, unha medida fundamental xa que o 40% dos pellets de plástico da UE transpórtanse por mar. Segundo o acordo, os operadores de transporte marítimo deberían asegurarse de que os pellets transportados por mar estean embalados en embalaxes de boa calidade que sexan o suficientemente resistentes e debidamente pechados para soportar as condicións normais de transporte, e que vaian acompañados dunha información clara sobre a carga e solicitudes especiais de estiba.
A inclusión no regulamento dos buques supón "pechar unha importante eiva na proposta orixinal da Comisión, que excluía este tipo de trasporte do ámbito de aplicación", recoñece unha das persoas negociadoras da nova regulamentación. Segundo aclara, esta incorporación "permitirá previr catástrofes medioambientais como a provocada polo accidente do buque Toconao a finais de 2023, que deixou as costas galegas e do norte de España gravemente afectadas pola dispersión de pellets de plástico".
Ana Miranda (BNG) advirte que a "presión política e social" tras a crise dos 'pellets' en Galicia provocou que se acelerase e mellorase o regulamento en negociación
"Foi unha das peticións que fixo o BNG e que foi aceptada", destaca a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, que non ten dúbida de que o vertido de pellets que sufriu Galicia no Nadal de 2023 e a "presión política e social que provocou, tamén en Europa", foi o que levou a que se acelerase e mellorase o regulamento que estaba xa en negociación daquela. "A inclusión do transporte marítimo é clave, pero temos que lembrar que o PP era un dos partidos que se opoñía", engade en conversa con Praza.gal.
"O acordo é unha boa nova para o noso mar porque aumenta as medidas de protección, incluíndo o transporte marítimo e operadores que estaban antes fóra do obxectivo", di o eurodeputado do PSdeG Nicolás G. Casares, que non ten dúbida tampouco de que "o ocorrido en Galicia sensibilizou as institucións europeas". "Provocou que as posicións defendidas polos socialistas fosen finalmente aceptadas tras moita resistencia por parte do PP", coincide.

"O ocorrido en Galicia sensibilizou as institucións europeas e provocou que as posicións dos socialistas fosen aceptadas tras moita resistencia o PP", di Nicolás G. Casares (PSdeG)
A partir da aplicación do novo regulamento, cando se produzan perdas accidentais —segundo explica o Parlamento Europeo nun comunicado—, os operadores económicos, os transportistas da UE e os transportistas non comunitarios "deberán informar inmediatamente aos servizos de emerxencia, adoptar todas as medidas posibles para minimizar as consecuencias, así como para evitar novos incidentes ou accidentes".
Por outra banda, e a petición da Eurocámara, o acordo prevé que se achegue un símbolo específico e unha advertencia na etiqueta, no envase ou na ficha de datos de seguridade que acompaña os pellets de plástico.
Estas novas normas aplicaranse a todos os operadores que manexen máis de 5 toneladas destes granulados plásticos ao ano, así como a transportistas da UE e de terceiros países. Así, o novo regulamento introduce tamén obrigas a estes operadores europeos baseadas na súa certificación: terán que demostrar que cumpren cos equipos e procedementos mínimos para previr, conter e limpar as perdas destes granulados.
Certificacións
As esixencias dependerán, como aclara o Parlamento Europeo, do tamaño dos operadores. Aqueles que manipulen máis de 1.500 toneladas ao ano deberán obter un certificado emitido por un terceiro independente, mentres que os que estean por baixo desa cifra precisarán unha certificación única que se realizará cinco anos despois da entrada en vigor do regulamento. Se non chegan a esas 1.500 toneladas ao ano, só terán que emitir unha autodeclaración de conformidade.
Neste punto, o da obtención de certificación por parte dos operadores pequenos, foi onde houbo máis controversia e dificultades para acordar un texto, segundo fontes negociadoras.
A nova normativa terá agora que ser aprobada polo Consello para que logo volva ser ratificada polo Parlamento Europeo. "Está feito", din fontes comunitarias. Chegará antes de 2030, ano no que a UE debería reducir nun 30 % o número de microplásticos liberados ao medio ambiente (intencionadamente e sen querer).

Foi o 16 de outubro de 2023 cando a Comisión propuxo un regulamento para combater a contaminación por microplásticos derivada das perdas de pellets, que son a terceira fonte de emisións non intencionadas destes microplásticos no medio ambiente da UE. Tras a crise acontecida en Galicia só unhas semanas despois, as autoridades europeas aceleraron e endureceron as medidas para aumentar a seguridade no seu transporte e reducir axiña o seu posible impacto.
"Europa gaña en seguridade e prevención e dótase de instrumentos para reaccionar ante incidentes e accidentes que poidan implicar perdas de 'pellets' de plástico"
“Alcanzamos un bo acordo que garantirá que as perdas de pellets xa non sexan imposibles de abordar, como foi o caso ata agora. Europa gaña en seguridade e prevención e dótase de instrumentos para reaccionar ante incidentes e accidentes que poidan implicar perdas de pellets de plástico", destacou o eurodeputado socialista César Luena, encargado de pilotar as negociacións por parte da Eurocámara.
"Cada ano pérdese no medio ambiente o equivalente a ata 7.300 camións cargados de pellets de plástico. A UE vén de dar un paso histórico cara á redución da contaminación por pellets ao adoptar medidas para abordar as perdas e garantir unha correcta manipulación, mesmo no transporte marítimo", resumiu Paulina Hennig-Kloska, ministra de Clima e Medio Ambiente de Polonia, país que ostenta la presidencia actual do Consello da UE.