Desde o pasado 13 de xaneiro, e durante quince días, a Xunta informou diariamente do dispositivo en terra e nas augas para a recollida e busca de pellets, que chegaban aínda en importantes cantidades ás costas de Galicia. Cada día, en nota de prensa e a través da rede social X (antes Twitter), daba conta da mobilización de todos os seus medios aéreos e marítimos na procura de granulados e sacos: "Os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 e catro embarcacións de gran porte (o Sebastián de Ocampo, o Irmáns García Nodal, o Ría de Vigo e o Mar de Galicia)", ademais doutras embarcacións menores. Ao tempo, adoitaba advertir de que o Estado "unicamente" achegaba un avión ou un buque e insistía en solicitar máis axuda, logo de demandar ao Executivo central once barcos, dous helicópteros, un avión e mesmo un submarino tres días antes.
A realidade é que ningún dos días a Xunta moveu todos os seus medios aéreos e marítimos, tal e como comunicaba oficialmente a través das redes sociais e de notas de prensa, polo menos entre o 13 e o 17 de xaneiro. Así o certifican os datos de Salvamento Marítimo (Sasemar) que rexistran os movementos de buques e medios aéreos nas costas galegas durante os primeiros dezasete días do pasado mes e aos que tivo acceso Praza.gal.
A Xunta non moveu ningún día todos os seus medios aéreos e marítimos na busca de 'pellets', tal e como informaba, segundo o rexistro de Salvamento Marítimo
Segundo este informe, a Xunta só mobilizou arredor do 40% dos medios que dicía estar a utilizar: o 40% dos seus principais medios aéreos e marítimos do Servizo de Gardacostas. Por exemplo, e tal e como puido comprobar este diario, o buque Ría de Vigo, que o Goberno galego dixo ter "mobilizado" en todas as súas informacións, non saíu ningún dos días analizados: nin entre o 13 e o 17 de xaneiro, pero tampouco desde o día 1. O único movemento rexistrado é o seu traslado o día 7 desde Ferrol ata Vigo durante a noite.
No entanto, a Xunta informou todos os días da súa "mobilización" para o dispositivo da busca de pellets e sacos cando, en realidade, estaba atracado en porto. Non é o único caso. O día 13 de xaneiro, en nota de prensa, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, informa que o Executivo galego activou os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 e "cinco embarcacións de gran porte", ademais doutras sete patrulleiras. E subliñaba que "a estes medios engádese unicamente un avión mobilizado polo Goberno central". En realidade, e segundo o rexistro de Salvamento Marítimo, ningún buque da Administración autonómica saíu ao mar en busca de sacos aquel sábado. "Non hai movementos", reza o informe sobre a actividade de cada un deles. Si o fixeron os dous helicópteros: un durante dúas horas e media polas Rías Baixas e o outro, tres horas nas Rías Altas.
Entre o 13 e o 17 de xaneiro, o buque 'Ría de Vigo', que a Xunta dixo ter "mobilizado" todos os días, non saíu ao mar
De feito, o Pesca 1, malia que a Xunta insistía cada día en que saía buscar pellets, tampouco voou o domingo 14 nin o domingo 15, data na que tampouco foi mobilizado o Pesca 2 a pesar da comunicación oficial da Xunta, que era difundida polos medios.
En canto aos buques da Xunta, e ademais do nulo uso do Ría de Vigo durante eses días, tampouco todos saíron á procura de sacos de pellets, tal e como relataba a Xunta. O Mar de Galicia non o fixo o sábado 13, ao igual que o Sebastián de Ocampo, que o día 14 cambiou de base de Celeiro á Coruña e que tampouco foi mobilizado os días 16 e 17. O Irmáns García Nodal, entre o 13 e o 17, só levantou áncoras o día 15 para acudir á zona entre Marín e Vilagarcía.
En total, das 31 mobilizacións de medios aéreos e marítimos das que advertiu a Xunta nos seus comunicados oficiais entre o día 13 e 17 de xaneiro (unhas seis ao día), só levou a cabo 13 saídas, menos de tres por xornada, ao tempo que criticaba a falta de axuda por parte do Estado.
Das 31 mobilizacións de buques e helicópteros que a Xunta deu conta en cinco días, tan só levou a cabo 13 segundo os datos de Salvamento Marítimo
Preguntada ao respecto por Praza.gal, a Consellería do Mar limitouse a aclarar que Salvamento Marítimo tiña "información diaria no seu poder, que se intercambiaba a primeira hora da mañá, con todos os medios que cada xornada activaba Gardacostas de Galicia". Estes "incluían", segundo din, "os dous helicópteros e sempre máis de media ducia de embarcacións", sen detallar cantas desas eran grandes buques. As comunicacións daqueles días desde a Xunta advertían acotío de ata 14 medios marítimos por xornada, uns datos que nada teñen que ver cos rexistros de Sasemar e coa información que achega o Goberno central.
Foi o pasado martes cando o ministro de Transportes, Óscar Puente, comunicou, na súa comparecencia no Congreso a petición do PP, que das 47 buscas aéreas e marítimas levadas a cabo por Sasemar desde ese mesmo día 13, "ningunha" atopou pellets ou sacos. Alí tamén acusou a Xunta de "mentir" respecto da mobilización dos seus medios, asegurando mesmo que esta información non veraz era trasladada ás reunións do Camgal (Plan Territorial de Contingencias por Contaminación Marina Accidental de Galicia).
"Cando vostedes pediron medios marítimos, desvelei que a Xunta tiña un montón de barcos e dous helicópteros que non utilizaba; se había que buscar no mar, que fixerpn desde que este episodio se coñeceu que non sacaron nin un só barco?", preguntouse. "Empezaron a sacar algún e, sobre todo, o que fixeron foi pasarlles aos medios cada día un listado dos barcos que interviñan na busca dos pellets. Mentiron. Sei que mentiron porque temos a Sasemar e sabemos que barcos saen ao mar e os que non saen. Témolo rexistrado e aquí está", asegurou termando dun papel.
"Mentiron; é unha vergonza o seu afán por manipular ata extremos preocupantes", di Óscar Puente que acusa a Xunta de achegar datos falsos nas reunións do plan Camgal
O rexistro de movementos de Salvamento Marítimo, ao que accedeu este diario, corroborarían a denuncia, na que Puente asegurou que o Ría de Vigo non saíu "nin un só día entre o 12 e o 17 de xaneiro". "Permaneceu atracado todos os días e foi incluído pola Xunta, cada un destes días, nos informes de mobilización remitidos ao plan Camgal", dixo, tras asegurar que o buque Irmáns García Nodal, no mesmo período, "só realizou un movemento, de cambio de atraque" e aínda sí foi incluído tamén dentro dos medios mobilizados nos documentos que o Goberno autonómico achegaba ao Camgal.
"É unha vergonza", dixo sobre o que o ministro de Transportes considera un "afán por manipular ata extremos preocupantes" por parte do PP e da Xunta.
Non foi esta denuncia dos datos inexactos da mobilización de medios aéreos e marítimos a única que fixo o ministro Puente no Congreso sobre a xestión da Xunta na crise dos pellets. Así, o ministro de Transportes asegurou que o goberno de Alfonso Rueda solicitou o 3 de xaneiro ampliar a información xa recibida manifestar sempre que non fora avisado polo Estado ata ese día de nada arredor do vertido.
Na mesma comparecencia, na que cualificou de "calamitosa" a xestión por parte da Administración autonómica, Puente asegurou que a Xunta solicitou ese mesmo 3 de xaneiro que activaba o plan Camgal para logo advertir de que o desactivaba: dous días antes de que se activase a alerta definitivamente.