Foi o ministro de Transportes, Óscar Puente, quen llo preguntou ao PP. "Para que pediron a miña comparecencia? Para que poida quedar constancia da calamitosa xestión da Xunta agora que parecía que o asunto xa estaba esquecido?", inquiriu na súa intervención no Congreso, a petición do grupo parlamentario popular, para dar conta da crise dos pellets. "Pídenme a min que compareza cando Rueda non o fixo no Parlamento galego", engadiu.
O vertido de microplásticos que afectou Galicia durante o pasado mes de xaneiro regresou a unha campaña onde o tema se mantiña nun perfil baixo. O que pretendía ser un debate sobre o problema medioambiental tornou ademais en continuos reproches e mensaxes electorais por parte de todos os partidos na Cámara Baixa.
Pero houbo tempo para deitar máis luz sobre unha xestión tan opacada nos últimos días como criticada antes. E os datos achegados polo Goberno central volveron sementar de dúbidas sobre o proceder da Xunta, ao advertir que desde a Administración autonómica informouse da activación do nivel un de alerta o día 3 de xaneiro para, pouco despois, avisar de que o desactivaban. Dous días antes de que fose, por fin, activado oficialmente.
Puente lembrou que o Estado levou a cabo 47 buscas aéreas e marítimas sen atopar nin sacos nin 'pellets'
Puente, na súa calmada primeira intervención, respondeu ás duras palabras do portavoz popular, Miguel Tellado, que acusou o Estado de non ter feito "nada", lembrando que desde o 13 de decembro Sasemar levou a cabo 47 buscas aéreas e marítimas das que "ningunha" atopou pellets ou sacos no mar. Ademais, advertiu da "colaboración" co resto de administracións e de xuntanzas, a todos os niveis, coa Comisión Europea para que os granulados sexan considerados "mercadorías perigosas".
Pero Tellado insistiu. Acusou o ministro de "non ter alertado á Xunta ata semanas despois" da caída dos contedores e de acudir ao Congreso "a participar na campaña galega, que é o único que fixeron co accidente dos pellets". E culpou o Estado de non ter posto en marcha ningún plan e, en definitiva, de non facer "nada" contra o vertido.
O ministro de Transportes asegura que a Xunta solicitou o 3 de xaneiro ampliar a información xa recibida malia asegurar logo que non fora avisado polo Estado ata ese día
"PSOE, Sumar e BNG trataron de magnificar un problema, alongando a situación todo o posible e todo por razóns electorais", insistiu o voceiro do PP, que cre que "o maior vertido que recibiron os galegos non foi o dos pellets, senón o de mentiras do PSdeG, do BNG e de Sumar", aos que acusou de facer "moito dano" a Galicia e "á reputación dos produtos do mar", ademais de levar a cabo unha "manipulación sen precedentes".
Foi despois cando o ministro de Transportes decidiu debullar cronoloxicamente o acontecido logo da caída de seis contedores do buque Toconao en augas portuguesas. E onde volveu expor datos que contradín a versión da Xunta e do PP, que insisten en que non souberon nada oficial sobre os pellets ata o 3 de xaneiro, data na que dixeron ter a primeira comunicación oficial do Estado. Un relato, dixo o ministro, que só demostraría "a indefensión na que se atopa Galicia ante acontecementos deste tipo" se tivese que depender, advertiu, da actuación do seu goberno autonómico.
No seu intento por evidenciar que o vertido do que a Xunta dicía non saber nada era máis que coñecido desde o 13 de decembro, Puente tirou de recortes de varios xornais e lembrou que xa aquel día o 112 recibira avisos da chegada de granulados e sacos. Tamén que o día 20 foi o servizo de Gardacostas o alertado. Ou que o 3 de xaneiro, data na que o Goberno galego di ter recibido a primeira información do Estado, o subdirector xeral de Gardacostas e director do Camgal (Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia) "solicita telefonicamente ampliación da información do que xa se lle remitira o 20 de decembro".
Se non tiveron información ata o día 3 de xaneiro, como defende a Xunta, como é que pediron ampliala ese mesmo día, preguntouse Puente, que engadiu outro dato ata agora descoñecido. Nese mesmo día, di, "Gardacostas informou de que se activa o plan Camgal en fase de alerta, pero o mesmo día 3, o 112 infórmanos de que se desactiva... O mesmo día", asegurou. O Goberno galego activaría finalmente este primeiro nivel de alerta, entre críticas pola demora, dous días despois, o 5 de xaneiro, e no seu nivel mínimo, o que non esixe a participación de medios estatais nin activa a súa demanda.
Para Puente, a conclusión foi que "a Xunta necesita que lle digan desde Madrid o que pasa en Galicia". "Iso é un drama para os galegos e as galegas", engadiu quen criticou a intención do Goberno galego de apañar os pellets no mar, a petición desmesurada de medios ou a súa "estratexia de manipulación". "Como polos sen cabeza", chegou a dicir da actuación da Administración autonómica.
Puente acusou a Xunta de informar o 3 de xaneiro que activaba o Camgal para logo advertir de que o desactivaba: dous días antes de que se activase a alerta definitivamente
Pola súa banda, Néstor Rego, deputado do BNG, denunciou a "cadea de mentiras de Rueda" na crise dos pellets e criticou tamén a "falta de axilidade" de Salvamento. Ademais, subliñou a a “incompetencia da Xunta, mais preocupada en manipular e botar a culpa aos demais” e a "pouca dilixencia" do Goberno español. N"on houbo coordinación", asegurou.
Desde Sumar, a súa deputada por Pontevedra, Verónica Martínez Barbero, acusou a Xunta de "inacción, improvisacións e mentiras" valéndose, engadiu, "dunha TVG que utilizan como unha máquina de propaganda electoral".