A crise provocada polos vertidos de pequenas bólas de plástico en numerosas praias e zonas de costa en Galicia estoupou este pasado venres. A masiva chegada ao litoral de grandes cantidades destes pellets —como as que onte encheron o Parque Natural de Corrubedo—, as advertencias sobre futuras afectacións medioambientais e en animais mariños e a contenda política en plena precampaña puxeron todo o foco nunha problemática que leva varias semanas activa.
Logo de varios días nos que entidades como Noia Limpa, a primeira que deu a voz de alarma e recompilou datos sobre a chegada deste material plástico, advertiron do desleixo da Administración autonómica ante os vertidos, a Xunta anunciou que vén de activar o plan de anticontaminación (Camgal) no seu nivel 1, o correspondente a un episodio de pequena gravidade.
A Xunta anunciou o plan de anticontaminación case un mes despois da perda do contedor cos 'pellets' e un día despois do primeiro comunicado sobre os vertidos
Fíxoo un día despois de emitir o seu primeiro comunicado sobre os vertidos de millóns de pellets —que se acumulan en numerosas áreas pero, sobre todo, nas costas da ría de Muros e Noia—, case un mes despois da comunicación á Dirección de Costas e á Delegación do Goberno da perda de carga e dun contedor con este material por parte do buque mercante Tocano en augas portuguesas. E 23 días máis tarde desde que se avistasen os primeiros sacos e boliñas de plástico.
Alcadesas e alcaldes da zona denuncian que durante as máis de tres semanas nas que xa se sabe dos vertidos a Xunta non se puxera en contacto con eles ou non se reunise, mentres di estar "coordinando" a situación cos municipios. E tanto BNG como PSdeG criticaron a "inacción" ou "desaparición" do Goberno de Alfonso Rueda ante este problema.
"Sentímonos tremendamente abandonados polas administracións, que nos están deixando sós fronte ao que pode chegar a ser unha catástrofe", dixo María Lago, alcaldesa do BNG de Muros, que denunciou que "non se mandaron efectivos" para colaborar na recollida. "Puxémonos mans á obra desde o minuto un, que foi na semana do 11 de decembro", advertiu Antía Alberte, concelleira de medio ambiente de Ribeira, sobre un problema que viña de lonxe.
Alcaldes e alcaldesas das zonas máis afectadas quéixanse do "abandono" das administracións e negan que a Xunta "coordinase" nada
Así, e logo das denuncias de varios colectivos ecoloxistas nos últimos días, Greenpeace Galicia dixo "querer saber por que non se actuou antes". Tamén canta carga perdeu o mercante, as accións legais que se van emprender contra as empresas implicadas, o plan para diminuír "a desfeita" ou quen fará o estudo de impacto ambiental.
Ao tempo, este venres, os conselleiros do Mar, Alfonso Villares, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, reclamaron ao Goberno central que "dea máis información" do sucedido e instárono a que "se poña as pilas". Durante a súa visita á praia do Testal, en Noia, Villares aclarou que Gardacostas busca no mar e no litoral máis plásticos e insistiu en que, tal e como aclarou o Executivo español, as bólas de plástico só son visibles "desde que chegan ás costas", pero non en alta mar.
A Xunta insta o Goberno de España a que "dea máis información" e "poña as pilas"
Ademais, e logo das críticas de numerosos concellos que advertiron de que carecen de medios suficientes para a dimensión do problema, o conselleiro insistiu en que van "botarlles unha man", aínda que son eles os responsables de "executar a limpeza". Así, reforzaranse estes labores con persoal de Tragsa. "Imos ver cal é realmente a dimensión do problema e intentar atallalo", insistiu, antes de aclarar que a factura destes traballos para limpar os pellets pasarase á empresa propietaria desta carga.
Segundo aclarou, as pequenas bólas de plástico chegaron xa á costa de Asturias e Cantabria, aínda que a maior afectación segue a darse na área entre Corrubedo e Porto do Son. Así, Villares reclamou ao Goberno central que "dea máis información" e "aclare" se son máis de un os contedores perdidos polo mercante Tocano o pasado 8 de decembro.
A conselleira Ángeles Vázquez, tamén cargou contra o Executivo de España e pediulle que "estea enriba do tema", que "pase a información necesaria", que estea "vixilante" e que "se asegure de que a información que está achegando é a real". Ademais, destacou que a Xunta "está ao lado da xente do mar, dos municipios e velando polo medio ambiente".
Non opina o mesmo a oposición. Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, que denunciou a "inacción" da Xunta por non facer "absolutamente nada" desde que o problema comezara a mediados de decembro e lembrou que o que si fixo foi facer "propaganda coa calidade dos produtos do mar". “Se ao mesmo tempo atendese situacións coma esta creo que as persoas que viven precisamente dos produtos do mar, e o conxunto da sociedade galega, que ten unha sensibilidade ambiental alta, lle estarían agradecidas”, reclamou, logo de reprobar ao Executivo de Rueda que fixese o xoves “algunha declaración” e “algunha chamada a algúns concellos” para advertirlles de “a ver como limpan”.
“Despois de deixar abandonados aos concellos, que son os que están facendo o traballo, cos seus propios medios, máis ben coa súa falta habitual de medios, mesmo para almacenar todos eses material que foi recollido”, denunciou tras lembrar que o Bloque xa presentou iniciativas no Parlamento galego e no Congreso para pedir un dispositivo de prevención e limpeza por parte da Xunta e, no caso do Goberno estatal, para investigar e certificar á empresa causante da situación e reclamar a responsabilidade correspondente.
"É incomprensible que a Xunta non exixise ao Estado actuacións inmediatas e que non puxera a disposición dos concellos todos os medios necesarios para recoller os vertidos", denunciou tamén a deputada do BNG responsable de Mar no Parlamento, Rosana Pérez.
"Rueda chega tarde"
Desde o PSdeG, pola súa banda, o seu candidato á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse a Muros e comprobou in situ o problema xunto á tenente de alcalde da localidade, Caridad González. Alí, acusou a Xunta de "estar desaparecida tras 23 días coas costas galegas cheas de plásticos" e criticou que o Goberno galego "obrigase durante case un mes aos concellos a resolver o problema".
"A Xunta chegou tarde, mal e arrastro; foron 23 días perdidos polo Goberno galego ante un feito de tal magnitude nos que se obrigou aos concellos a resolver o problema como poden e cos medios que poden”. "Rueda chega tarde na limpeza, na activación dos plans de emerxencias e na busca de responsables".
Ademais, e ante as críticas á actuación do Estado, Besteiro contrapúxoa á do Executivo galego: "Fronte á desidia da Xunta, o Goberno de España actuou dende primeiro minuto con celeridade e dilixencia, identificando o barco que perdeu a carga, monitorizando en alta mar a situación e asegurando a asunción de responsabilidades". Respecto a iso, anunciou que "se analizarán todas as posibles accións xudiciais, tanto civís como penais, non só para as indemnizacións por mor dos custos de limpeza, senón de todos os danos medioambientais e socias que podan xerar”.
“Xa está tardando a Xunta en dar a mesma orde aos seus servizos xurídicos”, engadiu, tras lembrar que todo o mundo "ten na memoria como actúa o PP ante os desastres medioambientais na costa galega".