Do contedor perdido ao risco futuro: pequenas bólas de plástico seguen a esparexerse pola costa galega

Restos de 'pellets' no Parque Natural de Corrubedo CC-BY-SA Greenpeace Galicia

Desde o pasado 13 de decembro, hai máis de tres semanas, unha marea de pequenas bólas de plástico afecta varias zonas da costa galega, fundamentalmente na ría de Muros e Noia. Sacos cargados con estes pellets estanse a esparexer polo litoral logo de que un buque mercante que navegaba en augas portuguesas perdera varios contedores. Un deles cargado con ese material, que pode ter graves afeccións sobre moitos animais mariños que as inxiren confundíndoas con alimento pero tamén, no futuro, ao degradarse, tornar en microplásticos e entrar na cadea alimentaria e chegar mesmo aos humanos. 

Foi neste pasado xoves cando, por primeira vez, se pronunciou a Xunta sobre unha marea branca da que desde mediados do pasado mes levaba advertindo a asociación Noia Limpa, con fotos das grandes cantidades de bólas de plástico ou de sacos que apareceron nas rochas e areais da costa sur de Galicia. Desde aquela, actualizan os achados deste material coa axuda de achegas da cidadanía a través dun mapa interactivo —que acompaña este texto— onde se informa da aparición de máis pellets, que foron atopados tamén na Costa da Morte, en Fisterra ou na Illa de Arousa, pero que afecta sobre todo a área que comprende entre Corrubedo e Porto do Son. 

Un buque perdeu un contedor cargado con sacos de 'pellets' que se están a esparexer pola costa, especialmente na ría de Muros e Noia

Segundo informa a Consellería do Mar, a perda do contedor foi notificado aquel 8 de decembro ao Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra e logo á Dirección de Costas e á Delegación do Goberno. O departamento da Xunta di estar "a traballar na detección e seguimento da aparición destes materiais para a súa posterior retirada ou limpeza por parte das administracións competentes" e advirte que Gardacostas de Galicia "mantén a vixilancia no litoral para detectar a chegada destes materiais". 

Ademais, e respecto á maneira de afrontar a recollida, a Consellería lembra que non foron notificados avistamentos destes plásticos no mar ao non atoparse, polas súas características, na superficie, o que provoca que non poidan ser retirados por medios marítimos, tendo que esperar a apañalos "unha vez que chegan á costa". Así, a Xunta solicita á cidadanía que notifique a aparición destes materiais ao 112 para "acometer os traballos de retirada e limpeza dunha forma áxil e eficaz".

O pequeno tamaño provoca que o material sexa "case imposible" de limpar nas praias; os 'pellets' son un risco para os animais mariños e poden chegar en forma de microplásticos aos humanos

Desde Noia Limpa sinalan que os sacos atopados levan o nome da empresa Bedeko Europe, con sede en Polonia, e que non se coñece aínda a cantidade que levaba o contedor perdido polo buque. 

Polo momento, lembran, máis de medio cento deles foron xa recollidos e hai varios máis pendentes aínda de seren retirados. "Son pequenas bólas de plástico de menos de cinco milímetros que se usan para facer produtos de plástico. Polo seu pequeno tamaño e peso lixeiro, é case imposible limpalos unha vez que se esparexen polas praias", advirte a entidade, que lembra que estas boliñas "son unha mestura de produtos químicos, esponxas tóxicas que atraen toxinas químicas e outros contaminantes ás súas superficies".  

Saco de 'pellets' aparecido nunha praia CC-BY-SA Noia Limpa

Na mañá deste venres, Greenpeace Galicia recolle nun vídeo a "desfeita importante" que os pellets causaron xa no Parque Natural de Corrubedo con "quilómetros de longo" de extensión de boliñas de plástico en paralelo á costa. 

Greenpeace Galicia advirte da "desfeita importante" causada polos 'pellets' no Parque Natural de Corrubedo: "A afección é terríbel e durará anos"

"Os areais do Complexo Húmido de Corrubedo están cubertos de millóns de pellets plásticos de 2-3 milímetros. Son moitos quilómetros. A afección ao ecosistema é terríbel e vai durar moitos anos. Porén, Galicia carece de plans de resposta rápida para as recorrentes verteduras que sofre", advirte. 

Desde os municipios da zona, os concellos foron activando equipos de limpeza pero son varios os que se queixan da inacción da Xunta. A Consellería do Mar lembra que as administracións locais son as "competentes en realizar eses traballos de limpeza", aínda que di que xa lles trasladaron aos concellos "a máxima colaboración, facilitando o protocolo co que actuar e recoller toda a información dos traballos e custos asumidos por estas administracións para que posteriormente sexan trasladados á empresa". 

Así, o Goberno galego asegura que "coordina" cos concellos afectados e coa empresa armadora a retirada destes pellets plásticos. 

"Non temos capacidade para asumir a limpeza de todas as partículas que están chegando ás nosas costas. Imos facer todo o que poidamos para evitar o dano, pero a Xunta e a Demarcación de Costas teñen que implicarse tamén", dixo a alcaldesa de Muros, María Lago. Desde o veciño concello de Porto do Son, o seu rexedor, Luís Oujo, advirte de que "cada vez que sobe e baixa a marea, a area queda sementada de bólas". "Moitas quedan sobre as pedras, o que dificulta a limpeza", asegura. 

A Xunta advirte que a Lei de Responsabilidade Ambiental sinala a obriga do responsable dun vertido de facerse cargo das medidas de prevención, evitación e reparación e que desde a empresa armadora xa foi "trasladada a súa vontade de colaborar coas administracións con medios técnicos e económicos para atallar a situación".

Denuncias ecoloxistas

Asociacións ecoloxistas como Adega xa instaron a Xunta e Estado a "actuar de urxencia ante a aparición de cantidades inxentes de microplásticos nas costas galegas", mentres que desde Greenpeace Galicia advirten de que "cómpren accións legais". "Coñécense os responsábeis e agardamos que as accións que se tomen teñan máis éxito que no do Prestige", din. 

SEO/BirdLife, ademais, lembra que os pellets poden afectar as aves mariñas, que di que "aínda non se puido valorar o impacto real do vertido" pero que, cren, "supón unha nova evidencia da problemática dos microplásticos na natureza e do actual modelo de produción e consumo". A entidade advirte que nas praias afectadas, xunto ás de Corrubedo, atópase a "maior poboación reprodutora da píllara das dunas, unha especie catalogada como vulnerable no catálogo de especies ameazadas e que conta cun plan de conservación aprobado en 2014 en Galicia". 

SEO/BirdLife pide que se "reforcen as actuacións de limpeza" e que se "abra unha investigación para coñecer ben o impacto ambiental, a orixe e as causas do accidente para exixir responsabilidades". 

Pola súa banda, a asociación Fridays for Future considera "fundamental a elaboración xa dun plan xeral de tratamento para os accidentes". "A catastrófe acontecida en 2002 non pode ser repetida nas nosas costas nin en ningunha outra. Nin as nosas praias, nin Galiza, son un vertedoiro.” O colectivo advirte do "prexudicial que
resulta para os peixes entrar en contacto con residuos químicos como os pellets, facilmente confundíbeis con ovos. Esta situación pode supor un desastre medioambiental e económico de grande magnitude para as zonas costeiras", din. 

'Pellets' recollidos nunha praia galega CC-BY-SA Greenpeace Galicia

Desde a oposición, o BNG lamenta o  "desastre ecolóxico que vive a costa galega" e que a Xunta estea "desaparecida". "O sector marisqueiro e pesqueiro abandonados e Rueda segue coa propaganda de campaña", di a formación nacionalista, que destaca que a noticia sobre este problema ocupou o posto 28º na listaxe de noticias do Telexornal Serán deste pasado xoves. O primeiro tema a tratar, recordan, foi a Lei de Amnistía. Ademais, o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, presentou xa unha serie de preguntas dirixidas ao Goberno de España para tentar aclarar o sucedido. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.