Os novos controis da UE aos 'pellets', derivados da crise en Galicia, entran en vigor en novembro

'Pellets' mesturados con algas na area dunha praia galega CC-BY-SA Greenpeace

O Consello da Unión Europea aprobou este pasado luns o novo regulamento para reducir os vertidos de pellets e ratificou así o acordo provisional ao que chegara coa Comisión e mais co Parlamento o pasado mes de abril

Os 27 deron o visto e prace á nova regulación para reducir a contaminación por microplásticos, impulsada tras a crise dos 'pellets' en Galicia e a mobilización social e política que provocou

Os 27 Estados membros da UE deron así o visto e prace a esta nova normativa que ten como obxectivo reducir a contaminación por microplásticos reforzando os controis e a xestión dos granulados, materia prima industrial clave da que se calcula que cada ano se liberan entre 52.000 e 184.000 toneladas ao medio ambiente por mor da súa mala manipulación en toda a cadea de subministración. 

O endurecemento na supervisión e control do transporte deste material vén derivada da crise dos pellets que sufriu Galicia no Nadal de 2023 e nos primeiros días de 2024. O 18 de xaneiro dese ano, a Comisión Europea respondía á marea de microplásticos que levaba algo máis dun mes estendéndose pola costa galega e boa parte do litoral cantábrico amosándose disposta a endurecer os requisitos para o transporte marítimo destes granulados de plástico

Votación da nova regulación para reducir os vertidos de microplásticos no Consello Europeo

As autoridades comunitarias, apremadas pola mobilización en Galicia e as demandas de varios grupos político e eurodeputados —en especial galegos como Nicolás G. Casares (PSdeG) e Ana Miranda (BNG)—, apostaron por "accións rápidas e decisivas a todos os niveis" para reducir os seus vertidos e a contaminación que provocan. Abríronse a endurecer as medidas para o seu transporte, estendendo a lexislación prevista ao comercio marítimo internacional ou vetando que o traslado se fixese a granel. 

O Parlamento Europeo votará a finais de outubro sobre o novo regulamento, cuxas principais medidas aplicaranse dous anos despois da súa entrada en vigor

Pouco máis dun ano despois, o Consello Europeo, a Comisión e o Parlamento alcanzaron un acordo sobre un novo regulamento que vén de ser ratificado agora polos 27 e que ten previsto ser votado no Parlamento Europeo a finais de outubro. Logo do visto e prace da Eurocámara, as novas normas entrarán en vigor vinte días despois da súa publicación no Diario Oficial da UE, en novembro. A maioría das disposicións comezarán a aplicarse dous anos despois desta entrada en vigor. 

A nova normativa, como explica o Consello, céntrase na prevención das perdas de pellets, "esixindo ás empresas que implementen plans de xestión de riscos que inclúan medidas para o envasado, a manipulación, o persoal, a formación e o equipamento". O regulamento tamén establece obrigas claras para as operacións de limpeza en caso de perdas accidentais.

Ademais, para garantir a responsabilidade, os transportistas non comunitarios terán que designar un representante autorizado dentro da UE, e os operadores que manipulen máis de 1.500 toneladas de pellets de plástico por ano terán que obter a certificación dun terceiro independente. As empresas máis pequenas beneficiaranse de medidas de cumprimento simplificadas, como as autodeclaracións de conformidade para as microempresas.

Eurodeputados reclaman "protección" para a costa galega dos 'pellets' CC-BY-NC-SA BNG

Ademais, o regulamento introduce requisitos específicos para o transporte marítimo destes granulados no que ten que ver coa información sobre envasado, o transporte e a carga para evitar a súa perda no mar. 

Como lembra a UE, os pellets son partículas minúsculas que se utilizan para producir materiais plásticos. "Cando se perden no medio ambiente durante a fabricación ou o transporte, estas partículas non se biodegradan, senón que se acumulan no medio ambiente e nos animais, como os peixes e os mariscos, e, en consecuencia, poden ser inxeridas polos humanos", explica o Consello. Tamén contribúen á contaminación mariña, da auga doce e do solo e son a terceira fonte de liberacións non intencionada de microplásticos, despois das pinturas e dos pneumáticos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.