A xuíza conclúe que non hai indicios de que "a conduta típica puidese prexudicar gravemente a calidade do aire, do chan ou das augas, animais ou plantas, o equilibrio do sistemas naturais, ou que se causara un risco de grave prexuízo para a saúde das persoas"
O Tribunal de Instancia de Noia acorda o arquivo da causa da vertedura de 'pellets' na costa galega ao considerar que a vertedura do buque Tocomao en decembro de 2023 non se pode xulgar pola vía penal. A xuíza do Tribunal de Instancia de Noia, praza 2, que abrira dilixencias por un posible delito contra o medio ambiente en xaneiro de 2024, traslada agora o sobresemento definitivo da causa e conclúe que "non se pode inferir a existencia de ilícito penal algún, sen que pase, no seu caso, do ámbito dunha posible infracción administrativa".
No auto xudicial explica que a caída pola borda dos seis contedores de 'pellets' foi consecuencia "dun golpe ao buque pola ondada ao seu lado de babor, cumpríndose os protocolos de carga por parte da empresa operadora, sen que se producira irregularidade algunha que ocasionase a caída dos contedores".
Unha conclusión á que chega baseándose nun informe presentado pola Dirección Xeral da Garda Civil, Xefatura do Seprona, que recolle as condicións meteorolóxicas no momento de producirse a perda, xunto cos indicios relativos á navegabilidade do buque e o modo de proceder do seu capitán.
A xuíza indica que ese informe presentado pola Garda Civil, tras unha análise exhaustiva, inclúe, entre outra documentación de relevancia, o informe achegado polo Centro de Coordinación de Vixilancia Marítima de Costas e Fronteiras, información achegada polo armador e a empresa fretadora, informes do Instituto Tecnolóxico para Control do Medio Mariño de Galicia e o informe pericial da Unidade Técnica da Fiscalía de Medio Ambiente e da Unidade Técnica do Seprona.
O auto recolle que os 'pellets' "non produciron dano" no ecosistema dunar de Corrubedo nin no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia
En canto á afección dos espazos protexidos, a xuíza destaca que, a partir dos informes remitidos pola Xunta e a Unidade de Medio Ambiente da Fiscalía Xeral do Estado, se conclue "que os escasos restos de 'pellets' atopados nas zonas protexidas non produciron dano no ecosistema dunar das lagoas de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixan, así como que tampouco se produciron danos que poidan prexudicar á biodervisidade nin ao ecosistema do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia".
En relación coa toxicidade da vertedura procedente do Tocomao, a instrutora salienta que, de acordo co informe pericial, "da análise dos 'pellets' recollidos nas costas afectadas non se revela toxicidade ou concentración de substancias tóxicas na súa composición, de modo que non se prevé un impacto significativo a medio ou longo prazo ocasionado pola vertedura de 'pellets' en relación co impacto do resto de microplásticos presentes na contorna marítima".
Ademais, a xuíza recalca que, da análise realizada polo CETIM Technologicas Centre das mostras do material recollido polo persoal da Xunta para coñecer con detalle a composición dos materiais vertidos, determínase "que non é unha substancia ou mestura perigosa".
Nun informe encargado pola Xunta a esta empresa con sede en Culleredo, ao que tivo acceso Praza.gal en medio da crise dos 'pellets' nas praias do país, afirmábase que "non se dispón de información relativa á persistencia ou degradabilidade" deste granulado plástico, que no seu etiquetado figura como non canceríxeno, e que se carecía de información sobre o seu impacto ecolóxico.
A Unión Europea acordou, a raíz desta vertedura, endurecer os requisitos para o transporte marítimo destas substancias
A Comisión Europea sostivo que os 'pellets' de plástico "teñen repercusións adversas sobre o medio ambiente e posiblemente tamén na saúde humana" e que "poden funcionar como vectores de transmisión de substancias tóxicas ou microorganismos patóxenos que puidesen ter absorbido". De feito, a Unión Europea acordou, a raíz desta vertedura, endurecer os requisitos para o transporte marítimo destas substancias.
Con todo, a resolución xudicial determina que "non se produciu unha infracción das leis e outras disposicións de carácter xeral protectoras do medio ambiente, suficientes para xustificar a intervención da vía penal". Ao que engade que, de acordo co resultado da análise dos 'pellets' recollidos nas costas galegas, non hai indicios de que "a conduta típica puidese prexudicar gravemente a calidade do aire, do chan ou das augas, animais ou plantas, o equilibrio do sistemas naturais, ou que se causara un risco de grave prexuízo para a saúde das persoas". O auto non é firme, contra el cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña.