Voluntarios e operarios recollen a diario o granulado de plástico que chega ás praias de Muros. Na de Area Maior, un espazo natural destacado, a cantidade varía pero a "marea branca" non cesa. A alcaldesa cualifica como "inexistente" a xestión da Xunta desta crise dos pellets
“Baixa á area, alí os ves todos na liña de marea”. Cae unha boa tromba de auga en Louro (Muros) e os contratados pola empresa enviada pola aseguradora da armadora do barco causante da vertedura de pellets recollen tras máis de tres horas limpando na praia de Area Maior. A choiva e o vento dificultan aínda máis o seu labor, o granulado plástico mestúrase con outros restos e en función de como lle dea a luz pode resultar imperceptible á vista. Levan dez días acudindo a este areal ao pé do Monte Louro que linda coa lagoa das Xarfas, un espazo natural protexido que xa está cheo de pellets, e ao que non se pode acceder para recollelos.
O 4 de xaneiro, María Candamo, de 23 anos e natural de Louro, baixou por primeira vez a Area Maior para comprobar cos seus ollos se o mar traía bólas de plástico: “Estaba repleta de pellets”, lamenta. A liña de marea era literalmente branca da acumulación de pellets. Ese día converteuse en voluntaria e, ata hoxe, non faltou na praia para as limpezas. Ela xa estaba acostumada a recoller plásticos nas praias, faino nos seus paseos para axudar á descontaminación da costa e desde hai un ano tamén para facerse con material para as súas pezas artísticas, que asina como Lixo.
“Nós comparámolo co Prestige porque foi unha marea branca, trátase dunha vertedura concreta e está a invadir as praias. É moi forte. Temos claro que da praia non se van retirar nunca porque é imposible quitalo todo, as bólas son minúsculas e están mesturadas coa area, moitas xa enterradas. O que non sabemos é cando o mar vai deixar de traelas ata a costa. De momento, cada día que baixamos á praia vemos que cada liña que deixa a marea déixache outra nova liña de pellets, uns días máis e outros menos, pero todos os días está a deixalos”, explica Candamo.
“Inexistente”, así cualifica a xestión autonómica da crise dos pellets a alcaldesa de Muros, María Lago. “De cara ao noso concello non houbo xestión. Recibín unha chamada do conselleiro do Mar o día de Reis ao mediodía dicindo que en vinte minutos ía estar en Muros e que se quería reunir comigo, foi o primeiro contacto con el. Vou a esa reunión, na que vemos cal é a situación. Alí había persoal técnico dunha empresa que envía a Xunta, que recibe unhas directrices do conselleiro sobre como proceder a recoller os pellets, e non o fixeron”, detalla, para engadir que si contactaron co municipio para ofrecer axuda desde a Fegamp e o Servizo de costas do Estado.
"Temos claro que da praia non se van retirar nunca porque é imposible quitalo todo, as bólas son minúsculas e están mesturadas coa area, moitas xa enterradas. O que non sabemos é cando o mar vai deixar de traelas ata a costa", di a voluntaria María Candamo
O único día que contactaron coa alcaldesa de Muros desde a Xunta para comunicarlle que ían mandar operarios foi o domingo 14 de xaneiro, que recibiu unha chamada arredor das nove da mañá informándoa de que catro operarios ían estar na praia do Ancoradoiro, da que non tiñan solicitada a limpeza porque nese momento xa levaba toda a semana limpando a empresa contratada pola aseguradora do buque Toconao, que perdeu seis contedores nos que transportaba este granulado plástico en augas portuguesas á altura de Viana do Castelo.
Foi a propia aseguradora a que contactou co Concello de Muros, unha “xestión moi sinxela e directa”, segundo confirma a alcaldesa, que leva todo o mes cunha actividade frenética –para mostra, o seu teléfono móbil, que non deixa de soar mentres recibe a Praza.gal na casa consistorial–. “Sei que o mesmo contacto que tiveron connosco, tivérono con outros concellos e coa Consellería do Mar, polo que non me explico a inacción”, apunta Lago.
Un deses outros concellos é o Ribeira, pois foi en Corrubedo onde se atoparon os primeiros sacos de pellets. O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, informou esta semana de que chegara “a un bo entendemento” coa empresa aseguradora, que a través da compañía Ardentia Marine vai contratar “aproximadamente a 25 veciños e veciñas” que xa comezaron limpar os areais.
"Isto ímolo pagar todos, é contaminación pura. Non é como o Prestige, pero... a Xunta séguennos enganando", afirma Mari Carmen Suárez, veciña de Louro
“Isto ímolo pagar todos, é contaminación pura. Non é como o Prestige, pero... a Xunta séguennos enganando”, di Mari Carmen Suárez, que mira desde a súa fiestra a praia de Area Maior. “Sen os voluntarios estariamos moi mal. Os da Xunta limparán agora e así que pasen as eleccións non sei, creo que as bólas que cheguen a partir de aí teremos que limpalas os veciños e voluntarios. Oxalá me engane”, afirma.
O marido desta veciña de Muros colleu das rochas do lado da súa casa un saco cheo de pellets a principios de xaneiro, foi buscalo para que non rachara e non fose de volta o mar. “O que non imos permitir é que sacos que se poden recuperar enteiros se ciscallen todos por aí. O máis importante é recoller os pellets, despois debera vir o papeleo”, salienta en referencia ao Goberno galego.
A empresa especializada Leibar del Naval, con sede en Vigo, recibiu a encarga de limpar os areais de Muros por parte da compañía de seguros da armadora do Toconao. Comezou facendo todo o proceso nos areais, mais agora alugou unha nave próxima para cribar alí os pellets. Todos os contratados –a maioría veciñanza que xa era voluntaria– teñen a orde directa de non falar cos medios de comunicación e as fotos non están permitidas. O encargado na nave, desprazado desde Vigo, manifestou a Praza.gal que optaron por facer os cribados nun local privado para “evitar” a presenza de “xornalistas”. Por outra banda, asegurou que desde alí envían información diaria á Consellería do Mar.
"Eu xa estaba acostumada a ver moitísimo lixo nas praias. Pero o primeiro día que vin isto, que estaba eu soa na praia, había ríos enteiros de pellets", asegura María Candamo
Nesa nave centralizan os capachos cheos de pellets, area e demais materia orgánica que levan os operarios ao remate de cada quenda a pé de praia. O sistema de caixas con dobre filtrado que empregan vén dos primeiros días de proba/erro de María Candamo. “Ao ver que cos coadores era imposible sacar só os pellets porque nos viña moitísima materia orgánica, meu irmán e mais eu pensamos que había que facer un sistema de dobre cribado para que nos quede xa na parte de arriba a materia orgánica e o resto de plásticos que son máis grandes, e despois á segunda capa pasen os pellets, dos que por último se separa a area que foi quedando. Ata o momento, isto foi o que mellor nos funcionou”, conta.
Como moita da veciñanza, María Candamo está rota emocionalmente. “Eu xa estaba acostumada a ver moitísimo lixo nas praias, máis aínda nestas de mar aberto, ás que chega moito lixo sempre. Pero o primeiro día que vin isto, que estaba eu soa na praia, había ríos enteiros de pellets. Foi devastador ver esa marea branca. Non estaba a saír en ningures, só polas redes, e non tiñamos medios para loitar contra ela. Basicamente, estabamos coa mesma xestión de hai vinte anos. É dunha impotencia enorme ver a inacción das administracións e como intentan enganar a xente desde algúns medios de comunicación”, expón.
Un mes despois, sen protocolo de recollida
Xa fixo un mes desde que comezaron a chegar os pellets a Ribeira e aínda non existe un protocolo estandarizado para a súa recollida elaborado por quen ten as competencias, que é a Xunta. En Muros teñen un protocolo elaborado a partir das recomendacións da organización ecoloxista Adega e da propia empresa contratada pola aseguradora. O Goberno galego non fixo públicas nin sequera as recomendacións para manipular este granulado plástico dun informe encargado a un centro tecnolóxico da Coruña.
"O traballo de organizacións como Adega, que está a dar incluso formacións a voluntarios, é o que debera estar facendo a Xunta", critica a alcaldesa de Muros
“O traballo de organizacións como Adega, que está a dar incluso formacións a voluntarios, é o que debera estar facendo a Xunta. Aínda que esta sexa a primeira vez que nós sufrimos algo así, este tipo de accidentes non son algo novo, por desgraza. Houbo sitios onde foi moito máis grave, e xa nese momento houbo quen discorreu e quen se puxo a traballar. Aquí tivemos que buscar esa información, collemos como referencia as medidas que aplicaron no accidente en Sri Lanka de 2021”, destaca a alcaldesa María Lago.
“Os dous primeiros días baixei sen luvas, despois foi cando se comezou a mover por redes que podía ser tóxico e que non se sabía exactamente a composición. Foi a partir de aí que comecei a poñer luvas, pero máscara non”, lembra a voluntaria María Candamo, quen incide en que “o persoal que manda a Xunta ás praias segue indo con menos medios que os voluntrarios e sen organización”.
"Eu, a día de hoxe, consumo produto fresco do mar con toda a tranquilidade do mundo porque sei que hai unha garantía sanitaria en todo o que se pon á venda. A Xunta debera potenciar esta mensaxe", defende María Lago
Información e defensa do produto do mar
Para o Concello de Muros segue resultando incomprensible que o Goberno galego só pida axuda ao Estado para localizar este granulado plástico no mar. “Estamos en contacto cos mariñeiros para ver se nos seus caixóns do fango recollen pellets porque así poderiamos ir mapeando por onde están flotando, e todos insisten en que no mar non os ven. Nos caixóns do fango non atopan bólas, non sabemos se é porque recollen bastante abaixo e están máis na superficie, aínda que poderían recollelas por aspiración. Pero esta semana falamos cun mariñeiro que comentou que nos aparatos fueraborda si que lles entran. E os que van á mexilla din que os notan nas pedras, aínda que non sempre os ven porque cando está mollado non se aprecian, pero cando poñen o pé enriba notan que lles patina. Nas pedras é moi difícil de recuperar”, detalla Lago.
A alcaldesa tamén se está a implicar en reclamar maiores medidas de seguridade en Europa e este xoves acompañou a eurodeputada Ana Miranda nunha reunión co comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius. “Para preservar a calidade do noso produto do mar, temos que esixir medidas de seguridade no transporte de mercancías –resalta– en lugar de asustar a xente e falar de campañas para manchar o nome dos nosos produtos”.
“Eu, a día de hoxe, consumo produto fresco do mar con toda a tranquilidade do mundo porque sei que hai unha garantía sanitaria en todo o que se pon á venda. A Xunta debera potenciar esta mensaxe. Hai uns controis moi estritos que se seguen facendo tamén nesta situación. A forma de transmitir tranquilidade, por moito que se empeñen en infantilizar a xente, é aportar datos reais e actualizados do que está a pasar. Cando se traballa con tanto hermetismo e opacidade como a Xunta, o único que xeras é desconfianza porque temos medo do que non coñecemos”, asevera María Lago.