Muros pon en marcha un plan de limpeza coa aseguradora da armadora do buque que verteu os 'pellets'

Persoal de limpeza da empresa contratada pola aseguradora da armadora para limpar 'pellets' en Muros CC-BY-SA Concello de Muros

O Concello de Muros puxo en marcha na tarde deste martes un dispositivo de limpeza acordado coa aseguradora da empresa armadora do barco causante do vertido de pellets na costa galega e xunto a entidades de voluntariado. 

A praia Area Maior foi o areal no que comezaron os labores de recollida dos granulados de plástico, que son levados a cabo por unha empresa de limpeza escollida pola aseguradora da armadora. Trátase de Leibar del Naval, compañía de recepción de residuos xerados por buques e de descontaminación con sede en Vigo e que opera habitualmente no porto da cidade olívica. 

Persoal de limpeza da empresa contratada pola aseguradora da armadora para limpar 'pellets' en Muros CC-BY-SA Concello de Muros

Unha empresa de limpeza escollida pola aseguradora contratou 18 traballadores de Muros para a limpeza, na que tamén colaborarán voluntarios

A compañía, segundo explica o Concello de Muros nun comunicado, contratou 18 traballadores do municipio "para efectuar os traballos coa axuda dos voluntarios" e logo de que a administración local chegase a un acordo coa aseguradora

Fontes municipais advirten tamén da "boa disposición" amosada sempre polo representante da aseguradora para colaborar na limpeza e a "rapidez" coa que se dispuxo o dispositivo. 

"Ante a inacción do resto das administracións decidimos buscar nós unha solución”, explica María Lago, alcaldesa de Muros, que advirte que os traballos que se realizarán no litoral do municipio “Serán uns traballos pesados e que levarán un tempo, porque dependen tamén de factores como as mareas, pero non podemos esperar máis, todas as praias do concello están afectadas”, explica a rexedora. 

"Ante a inacción do resto das administracións decidimos buscar nós unha solución”, di María Lago, alcaldesa de Muros

Segundo explican desde o Concello, na mañá deste martes celebrouse na Confraría de Muros unha xuntanza entre representantes da administración local, a empresa de limpeza, persoal da confraría, voluntariado e outras entidades civís para coordinar o operativo.

O dispositivo require unhas tarefas de prelimpeza das praias que farán os voluntarios, para despois encargarse a empresa de limpeza da retirada dos pellets. Ademais, o Concello pide á veciñanza que non acceda aos areais para facilitar a retirada dos granulados de plástico. 

Desde Muros lembran que o Concello tivo coñecemento da chegada dos pellets o pasado 3 de xaneiro e que o domingo 7 efectuouse xa unha "análise da situación" coa empresa de limpeza da aseguradora para decidir como proceder aos traballos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.