O Goberno galego anuncia a súa decisión despois de que tamén o fixese Asturias e co Goberno de España preguntándose "por que a Xunta non quere colaboración"
A crise ecolóxica dos 'pellets' xa é unha crise política en toda regra a mes e medio das eleccións galegas. Catro días despois de que o 5 de xaneiro a Xunta activase o plan de loita contra a contaminación mariña no seu nivel mínimo, que non esixe a participación de medios estatais, este martes decidiu elevalo ao seguinte nivel para así facilitar a chegada de máis recursos. Fíxoo despois de que o Goberno de España elevase o ton a través da súa ministra portavoz, Pilar Alegría, que en rolda de prensa tras o Consello de Ministros preguntouse "por que a Xunta non quere colaboración" e se viña negando a elevar o nivel da emerxencia para así recibir recursos estatais. "Nin a propaganda nin a mentira solucionan absolutamente nada", reprochou Alegría ao Goberno galego.
O anuncio da Xunta chega tamén despois de que Asturias elevase igualmente o nivel da emerxencia no seu territorio, abrindo así a porta a recursos do Estado. Ante esta situación, o propio Rueda avanzou que o que pretende é que o Estado colabore na recollida de pellets no mar xa que esas son "competencias exclusivas do Estado". "Se o requisito que nos están pedindo, e estou seguro que non se pediría noutros lugares, é elevar o Camgal [o plan contra a contaminación mariña] a nivel medio, a Xunta non ten ningún problema en facelo, farémolo, pero cunha petición expresa, que é que se traballe no mar para impedir que estes sacos que estarán no mar probablemente cheguen a terra", dixo o presidente.
“A Xunta traballa cos concellos na limpeza das praias, o que lle pedimos ao Goberno central é que colabore tamén”, dixo Rueda desde o areal de Espiñeirido, en Porto do Son, onde insistiu en que a Xunta activou o plan Camgal o 3 de xaneiro. "No mesmo día que o Goberno central lle comunicou esta vertedura por parte do mercante Toconao fronte ás costas de Portugal", di o comunicado do Goberno galego, malia que Goberno central e numerosos concellos advertiron xa de que a Administración autonómica fora avisada xa a mediados de decembro dos vertidos.
A xornada deste martes na crise dos pellets comezou coa vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, considerando, nunha entrevista na Cadena SER, "un erro" a negativa da Xunta a aceptar a colaboración ofrecida polo Goberno central. "Non sabemos aínda a magnitude do que pode ocorrer e creo que é importante que, ocorra o que ocorra, traballemos xuntos", dixo para advertir de que "en calquera caso de alerta o mellor sempre é acudir e ampliar con todos os medios posibles para afrontala".
Ribera tamén amosou o seu malestar ante as acusacións de "falta de lealdade" por parte de Alfonso Rueda. "Como se poñerse a disposición das autoridades doutras administracións para colaborar lealmente fose algo desleal ou de campaña". Así, a ministra acusou a Xunta de electoralismo e di ter "a impresión" de que a súa xestión "tería sido diferente se non estivésemos en precampaña".
Ribera facía estas declaracións pouco antes de que o Goberno de Asturias activase o nivel 2 do seu plan de emerxencias polo vertido e puidese así acceder aos medios que lle fornecerá o Estado para colaborar na recollida de plásticos.
O PP di que "tóxico é a utilización política"
Ao tempo, desde o PP seguiuse a cargar contra o Goberno central. Fíxoo Borja Semper, portavoz dos populares, e tamén este martes o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, que insistiu en que os pellets "non son tóxicos" pero que o que si é "tóxico é a utilización política que se está a facer dun vertido nas costas portuguesas que o mar trouxo ás costas galegas e ás asturianas". Feijóo tamén se referiu ao feito de que o 112, dependente da Xunta, fose avisado da chegada de pellets xa o 13 de decembro, pero como vén facendo o Goberno galego mantívose na ambigüidade de facer ver que a Xunta comezou a traballar xa daquela no problema malia reprochar ao Goberno de España que non llo comunicase "oficialmente" ata o 3 de xaneiro.
Tras esa sucesión de declaracións, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros deste martes a ministra portavoz, Pilar Alegría, salientou que Asturias xa elevase o nivel e preguntouse "por que a Xunta non quere a colaboración do Goberno de España, se é de sentido común, se estamos falando de máis e mellores recursos para dar resposta ao que está sucedendo". Alegría reclamou ser "absolutamente transparentes" coa crise e asegurou que "nin a propaganda nin a mentira solucioinan absolutamente nada".
Na mesma rolda de prensa o ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, asegurou que "non existe nestes momentos ningunha información de problemas vinculados para o consumo de pescados e mariscos" e dixo que aínda que "a Xunta é a autoridade responsable en materia de seguridade alimentaria", o Estado está a vixiar a situación a través da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan), que conta en Vigo cun laboratorio de biotoxinas mariñas.
Foi tras esta sucesión de declaracións e acusacións mutuas cando finalmente o propio presidente Rueda anunciaba a decisión de ceder ás múltiples presións que viña recibindo e avanzaba a elevación do nivel da emerxencia para así obter axuda estatal. "Poñémonos mans á obra en Galicia", dicía pouco despois a ministra Ribera.
Segundo a Xunta, son máis de 200 os profesionais da Administración autonómica, en colaboración cos concellos, os que están levando a cabo de forma monitorizada a limpeza destes pequenos plásticos en praias de 33 concellos. Os datos recollidos por cidadanía e entidades ecoloxistas apuntan a uns 80 areais afectados.
Fondo de solidariedade da UE
A deputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, evidenciou este martes en Bruxelas que co nivel dous do plan de loita contra a contaminación mariña activado, o Goberno de España pode solicitar "o fondo de solidariedade" da Unión Europea. Miranda levará a crise dos pellets a vindeira sesión plenaria da Eurocámara, que terá lugar para a semana en Estrasburgo.
"Ademais de preocupante é irresponsable que desde que se coñeceu o accidente o 8 de decembro, o Goberno non activou o plan anticontaminación que esixe a normativa europea, aprobado despois do accidente do Prestige e actualmente en revisión no Parlamento Europeo e o Consello", subliñou a eurodeputada do Bloque, que xa ten pedida unha reunión urxente coa Comisaria de Transporte e o Comisario de Medio Ambiente e de Pesca para avaliar a situación, así como que se aborde o tema nas comisións correspondentes da Cámara.
O eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares tamén solicitou reunirse co comisario europeo de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius, e mais rexistrou unha pregunta escrita á Comisión Europea ao respecto da situación provocada pola vertedura de pellets no mar na que pon de relevo o potencial contaminante destes compoñentes.
"Lamentablemente, ante este grave problema o Goberno galego mantivo unha actitude pasiva, con graves carencias de información ás autoridades locais e total descoordinación", denuncia González Casares, que ademais demanda unha clarificación respecto da opinión da Axencia europea de medio ambiente sobre o potencial contaminante da vertedura destes pellets no Atlántico.