Antía Alberte é concelleira de Medio Ambiente no Concello de Ribeira, unha das primeiras localidades que recibiu sacos dos pellets que se esparexeron xa por boa parte da costa galega no último mes. Ambientóloga de carreira —con Grao en Ciencias Ambientais pola Universidade de Vigo—, advirte dun problema evidente pola masiva presenza de plásticos no litoral, aínda que prefire agardar a saber a composición exacta das bóliñas para establecer a súa gravidade. Ademais, denuncia a "descoordinación" e falta de información por parte da Xunta sobre unha marea branca da que no seu municipio se alertouu hai case catro semanas.
"Quen primeiro avisou da chegada de 'pellets' a praias de Ribeira foi un axente medioambiental da Xunta"
Cando se decata o Concello de Ribeira da chegada das bólas de plástico ás praias?
A primeira vez que soubemos da súa chegada foi o pasado 13 de decembro e foi a través dun axente medioambiental do parque natural de Corrubedo, un axente que é persoal da Xunta de Galicia. Apareceron sacos nas praias de Balieiros e Espiñeirido e noutros areais e desde o primeiro momento puxemos a traballar persoal de emerxencias do Concello coa axuda das brigadas de limpeza.
Foi o propio parque natural quen alertou, logo...
É que, realmente, quen primeiro avisou foi o axente medioambiental da Xunta, a primeira chamada sobre os pellets ao Concello foi del para advertirnos de que atopara un saco. Logo fixemos un informe explicando o acontecido, detallando os medios que puxera o Concello e solicitando axuda e que se sufragasen os gastos na limpeza porque entendemos que se estaba a levar a cabo un labor allea ao servizo municipal. Estivemos en contacto con este axente varias veces naqueles primeiros días e mesmo foi el quen non avisou xa da etiquetaxe dos sacos. Logo tamén mandamos informe a Demarcación de Costas... Non sei se os avisos non chegaron ao nivel que tiñan que ter chegado ou se se agardou a saber a dimensión do problema, pero, por unha cousa ou por outra, Xunta e Estado estaban informados desde o primeiro momento.
"Non sei se os avisos non chegaron a quen debían ou se agardaron a saber a dimensión do problema, pero Xunta e Estado estaban informados desde o primeiro momento"
Foi importante a afectación?
Naqueles dous primeiros días, o 13 e o 14, chegaron varios sacos, pero actuamos axiña: avisaron pola mañá e ao mediodía xa estabamos recollendo, por iso apenas houbo pellets. Foi a semana pasada cando empezaron a chegar a máis sitios, algúns deles rachados ou algo deteriorados, o que os facía máis perigosos. Levamos case cen sacos recollidos desde que se atopara o primeiro.
Cal é a gravidade do problema?
Grave é porque é un vertido incontrolado de plástico e non nos podemos permitir unha ría con máis plástico aínda do que hai. Loxicamente, ata que se coñeza a composición exacta do material non poderemos avaliar o grao de gravidade, pero o obvio é que é plástico e que se degrada a certa temperatura. Precisamente, e como non sabemos exactamente os riscos, no Concello decidimos non organizar limpezas voluntarias, senón contar con xente contratada e asegurada para evitar que o que pode ser un problema de contaminación o sexa tamén de saúde. Debemos ter prevención. Pero claro, ante a falta de coordinación desde a Xunta e de directrices claras, a xente acaba organizándose...
E acaba chegando ás praias a limpar...
Esta fin de semana houbo unha afluencia importante nas praias, si, tamén en Ribeira. Xente convocada a través de redes sociais, ás veces por xente con certa relevancia e con influencia. Ao final, e ante a chegada de voluntarios, decidimos formar parte do dispositivo para coordinar. Puxémonos en contacto co parque natural e intentamos organizar algo a cousa, proporcionar luvas ás persoas...Ademais, estamos nunha zona protexida e hai que ter un control e ser precavidos. Agradecemos a quen vén axudar, pero debemos ter precaución.
"A falta de coordinación provoca que a xente se alarme e impulse iniciativas propias porque non confía nas administracións e iso é perigoso"
Por?
A falta de coordinación e de directrices desde organismos superiores sobre como actuar provoca que a xente se alarme e impulse iniciativas propias porque acaba por non confiar nas administracións e iso é perigoso. As persoas acaban alarmadas, esparexidas polas praias e indo ao seu aire, e iso ten os seus riscos, tamén porque aínda non temos o coñecemento exacto do que supoñen os pellets. O ideal é que haxa un centro de coordinación que organice, que estableza unhas pautas, que informe aos concellos...
Botan en falta esa coordinación desde administracións superiores?
Claro. Botamos de menos a coordinación, os avisos das autoridades... A primeira vez que vimos persoal de Tragsa foi este domingo, pero sen aviso previo ningún ao Concello. Había catro operarios, atopámolos de casualidade e ao pouco marcharon para outras zonas, pero iso non é suficiente. Hai que reforzar o dispositivo e avisar aos concellos. O avogado da armadora do buque que perdeu os pellets púxose en contacto con nós antes que a propia Xunta, chamou ao Concello e advertiu de que asumirían o custo da limpeza. O que criticamos é a descoordinación e a deslealdade institucional. Neste caso, son palabras maiores porque falamos dunha catástrofe medioambiental da que se tiña que ter informado e coordinado mellor.
"Criticamos a descoordinación e a deslealdade institucional; a primeira vez que vimos persoal de Tragsa foi este domingo, pero ninguén avisou ao Concello"
Aínda non se sabe a composición exacta das bóliñas de plástico, cre que se tería que ter analizado antes?
Tíñanse que ter feito análises desde un principio porque na Xunta eran coñecedores da chegada desas bólas de plástico. Se se tivese actuado antes, podíase ter feito unha actuación primaria ou, como mínimo, advertir aos concellos do que pasaba e coordinarnos entre as administracións. O mesmo coa limpeza: non pode ser que a xente vaia limpar sen ter unhas directrices nin un número ao que chamar para organizarse. Todo o que se fixo foi desde os concellos.
Xunta e Goberno central discuten sobre quen non avisou a quen...
Insisto: saber, sabíano, a Xunta e o Goberno central. Avisamos ás autoridades competentes desde o primeiro día. Non sei se se pasan a bóla uns aos outros, se a información non chegou ás esferas superiores que debía ter chegado ou se non advertiron da gravidade do problema. Un accidente pode pasar, é obvio, pero se ocorre hai que asumilo e activar un protocolo de emerxencias. É aí onde podemos intentar diminuír o impacto para que non sexa dan daniño, actuando desde o primeiro momento. Poderíanse mesmo ter utilizado modelos preditivos para saber cantos sacos máis podían chegar, pero, como mínimo, teríase que ter tendido a man aos concellos.
"Un accidente pode pasar, pero se ocorre hai que activar un protocolo de emerxencias; é aí onde podemos intentar diminuír o impacto do problema"
Teme que o problema sexa maior aínda?
Non é, obviamente, como o vertido do Prestige, que chegaba en mareas destrutivas, que arrasaban con todo. O problema deste material é que non se ve chegar, pero ao final son un lote de bóliñas de plástico que se acaban mesturando con todo: na area, nas rochas, nas algas...
Chegarán máis no futuro?
Todo fai indicar que, de momento, van seguir chegando sacos polas ondadas e as correntes nos vindeiros días. Virán máis deteriorados e o risco será maior. A recollida é moi traballosa, complicada, e parece obvio que os pellets se incorporarán á cadea trófica e que ser un problema para aves e peixes. Canto máis se recollan, mellor, pero precisamos unha mellor coordinación.
Tamén coas persoas voluntarias?
Estamos moi agradecidos e orgullosos da concienciación da xente, pero cando a axuda é descoordinada e provén da desconfianza nas autoridades, temos un problema. En Ribeira coordinamos e diriximos a limpeza desde o primeiro momento e por iso a cousa non foi a máis.