O Goberno galego acusa o español de inacción e ao tempo minimiza o ocorrido mantendo a emerxencia nun nivel que non obriga ao Estado, mentres este identifica contactos coa Xunta os días 13, 20, 26 e 27 de decembro para criticar que non actuase ata este sábado
En plena precampaña para as eleccións galegas do 18 de febreiro, e con voces na oposición que falan dun novo Prestige, malia as moi diferentes características das dúas crises, a contaminación de boa parte da costa galega con pellets ou boliñas de plástico procedentes dun contedor caído dun mercante está a ser presentada pola Xunta ao tempo como un episodio menor e ao tempo como unha situación extraordinaria que requiriría dunha axuda estatal que di non estar a recibir.
Unha escenificación que xa entrada a noite deste domingo foi contestada polo Goberno de España cun longo comunicado no que, ademais de sinalar que a armadora do buque estima en mil os sacos que había no contedor accidentado, detalla a cronoloxía da crise e deixa en evidencia que o Goberno galego non activase o seu Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) ata este sábado día 5 de xaneiro malia identificar cando menos catro contactos previos sobre a cuestión entre distintos departamentos de Xunta e Estado os días 13, 20, 26 e 27 de decembro. Un Plan Camgal activado no seu nivel mínimo, que non esixe apoio estatal malia así reclamalo o Goberno galego e ofrecelo o español nas súas respectivas declaracións públicas
O Plan Camgal, cuxa última actualización data de 2021, establece sucesivos niveis de emerxencia, pero no primeiro ou mínimo, que é o activado polo Goberno galego, non se esixen medios distintos aos da propia Xunta, o que si sucedería no seguinte nivel. Isto é, o nivel mínimo require só a mobilización de medios adscritos ao propio Plan Camgal da Xunta e contempla unicamente como unha posibilidade "mobilizar medios non adscritos" a ese dispositivo "en virtude da colaboración interadministrativa" co ministerio. Pola contra, o nivel medio "require" da mobilización de medios superiores ao propio Plan Camgal, citándose expresamente os do ministerio.
Ademais, o nivel mínimo está previsto para "sucesos de pequena gravidade ou extensión" mentres que o seguinte nivel está pensado para aqueles que pola "natureza, gravidade ou extensión da contaminación requiran da mobilización de numerosos medios".
Ante estas definicións do propio Plan Camgal da Xunta, o comunicado do Goberno de España comeza sinalando que o 13 de decembro o servizo de emerxencias 112 da Xunta alertou ao Salvamento Marítimo estatal da aparición dun primeiro saco de pellets plásticos. "Polo tanto, dende este momento a Xunta de Galicia é coñecedora da situación", di o Goberno de España, que asegura que Salvamento Marítimo iniciou investigacións que o levaron a concluír o 20 de decembro que o buque Toconao podía ser o responsable. "Ese mesmo día", di o Goberno de España, Salvamento Marítimo informa a Gardacostas de Galicia desas averiguacións. "Polo tanto, esta é a segunda ocasión na que a Xunta ten coñecemento de que están chegando pellets ás costas", engade o comunicado estatal, que critica que a pesar diso "a Xunta non activa o plan Camgal".
O 21 de decembro a Demarcación de Costas "traslada aos Concellos que se están vendo afectados toda a información do representante da navieira para que se poñan en contacto coa empresa e asuma os custos da limpeza", di o Goberno de España, que coincide coa Xunta en que a actuación inicial de limpeza en terra é competencia dos concellos.
O 26 de decembro, prosegue o comunicado estatal, "o servizo de Protección Civil da Delegación do Goberno ten coñecemento da chegada de pellets a diferentes puntos da costa, entre eles o Parque Natural de Corrubedo, e ponse en contacto co responsable do parque para facilitarlle toda a información do representante da empresa navieira". "Polo tanto, nesta nova comunicación Parques Naturais, dependente da Consellería de Medio Ambiente, ten coñecemento da chegada de pellets ás costas", di o Goberno de España, polo que a considera "a terceira ocasión na que a Xunta é informada e segue sen activar o Camgal".
O 27 de decembro "responsables da Consellería de Medio Ambiente póñense en contacto con Protección Civil para concretar e ampliar información, polo tanto a Xunta asume por cuarta vez que coñece a chegada de pellets ás costas e segue sen activar o Camgal", insiste o Goberno de España.
E o 4 de xaneiro "o avogado dos armadores do buque estimou que o contedor accidentado albergaba mil sacos de pellets" e "informou de que non teñen constancia de se o contedor afundiu ou non, polo que descoñecen a cantidade exacta de sacos que compoñen a vertedura".
O Goberno de España asegura que para actuar "debe en primeiro lugar declararse o nivel 2 de emerxencia e a Xunta debe solicitar formalmente a axuda de medios do Estado"
Finalmente, segundo esta cronoloxía estatal e o anuncio feito pola propia Xunta, o 5 de xaneiro o Goberno galego acabou activando o nivel de emerxencia mínimo do Camgal, o que automaticamente puxo o correspondente plan estatal no nivel de alerta, previo ás emerxencias. Foi ás 14.40 horas do sábado, segundo o Goberno de España, que di que "para que o Ministerio para a Transición Ecolóxica poida actuar, de acordo co disposto no Sistema Nacional de Resposta, debe en primeiro lugar declararse o nivel 2 de emerxencia e a Xunta debe solicitar formalmente a axuda de medios do Estado".