Pontón censura que a Xunta activou o Plan de Continxencias “nun nivel que non implica a mobilización de máis medios” mentres se descoñece o alcance destas pequenas bólas de plástico
O Bloque Nacionalista Galego solicitará a convocatoria urxente da Deputación Permanente –órgano reitor unha vez disolta a Cámara polo adianto electoral– co obxectivo de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explique “por que se ocultou información e por que non se están poñendo medios” ante o vertido de 'pellets' plásticos na costa galega que a portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou de “traxedia ambiental”.
Pontón visitou neste día de Reis as praias de Muros da man da alcaldesa da localidade, María Lago, a deputada Rosana Pérez e Luís Pérez, rexedor de Ribeira, outro dos concellos afectados pola chegada destas pequenas bólas de plástico. A candidata nacionalista nas eleccións do 18 de febreiro advertiu que os concellos “están sós, man a man coa cidadanía” ante a “inacción tanto da Xunta como do Goberno central”.
A líder do BNG considerou “gravísimo” que a Xunta “ocultara” o vertido destes 'pellets' cando era coñecedora do mesmo dende hai semanas
Para Ana Pontón o Goberno galego está a demostrar a súa “incompetencia” por non poñer os medios necesarios para atallar o problema e ademais está actuando “tarde e mal” porque activou o Plan de Continxencias “nun nivel que non implica a mobilización de máis medios”.
A líder do BNG considerou “gravísimo” que a Xunta “ocultara” o vertido destes 'pellets' cando era coñecedora do mesmo dende hai semanas, cando comezaron a chegar as praias de Corrubedo. “É unha irresponsabilidade porque estamos ante unha traxedia ambiental que ten consecuencias negativas para o noso litoral e para o sector do mar”, incidiu Pontón, para reclamar que a Xunta “reaccione” e se poña “á fronte deste problema”.
A alcaldesa de Muros, María Lago, pediu a “colaboración urxente e totalmente necesaria” da Xunta e do Estado que, segundo alertou, “nos están dando totalmente a espalda”. “Non temos información do que é exactamente o produto que está chegando, nin da cantidade que queda por chegar, nin do que se perdeu”, afondou Lago, quen criticou que a Xunta estea actuando “dunha forma tremendamente opaca”.
“Non é unha marea negra, senón branca, pero que é sabido que ten un impacto medioambiental negativo sobre o noso litoral”
Para Ana Pontón a situación que se está a vivir nas praias estes días “recorda demasiado” á “maneira nefasta” na que se xestionaron outras catástrofes ambientais como foi a do Prestige. “Vemos outra vez como son os cidadáns e os concellos os que se están tendo que enfrontar a este problema sós, sen que nin o Goberno galego nin o central estean actuando á altura da necesidade deste momento”, sostivo. “Non é unha marea negra, senón branca, pero que é sabido que ten un impacto medioambiental negativo sobre o noso litoral”, remarcou.