A reactivación económica e do emprego, o impulso de "grandes acordos de País" en temas estratéxicos e a ampliación do autogoberno para contar coas "ferramentas políticas necesarias para mellorar a vida da xente". Son os tres piares cos que o BNG di querer liderar “un cambio transformador” e abrir un “novo ciclo histórico” a partir das eleccións do vindeiro 18 de febreiro.
Piares que xorden das conclusións do consello asesor co que o Bloque quixo reforzar o seu programa, que incorporará as achegas dun grupo de expertos entre os que se inclúen Edelmiro Löpez Iglesias, Teresa Táboas, Salustiano Mato, María do Carme García Negro ou Alfredo Suárez Canal, entre outros.
A reactivación económica, o impulso de "grandes acordos de País" e a ampliación do autogoberno son os tres piares do BNG para un "cambio transformador"
Tal e como explicou Olalla Rodil, que xunto a Luís Bará presidiron a última reunión deste consello como coordinadores do programa electoral, a diagnose dos expertos constata unha Galicia inmersa nunha “preocupante dinámica que a empequenece” logo de 14 anos de Goberno do PP. Entre as eivas sinaladas, a perda de poboación, a destrución de empregos industriais e do sector primario ou a deterioración dos servizos públicos.
Con todo, BNG e o consello asesor din coincidir en que o país conta con “potencial, recursos, capacidade e talento” para reverter a situación. “Hai alternativa a este devalo demográfico, económico e social se tomamos as decisións adecuadas e, para iso, precisamos un cambio político real o próximo 18 de febreiro”, indicou Rodil, que explicou os piares sobre os que enfrontar "os retos de Galiza" nos vindeiros anos.
O primeiro deles, aclarou, consiste en "impulsar grandes acordos de país en temas estratéxicos", en diálogo con todas as institucións e cos axentes económicos e sociais. O segundo, a ampliación do autogoberno “que permita ás galegas e galegos contar coas ferramentas políticas para mellorar as condicións de vida da xente. E en terceiro lugar, a reactivación económica e do emprego, ámbito no que se centrou fundamentalmente o consello asesor.
Para esta reactivación económica proponse "impulsar a transformación tecnolóxica e industrial, o desenvolvemento dos sectores económicos estratéxicos e o peche das cadeas de valor, o aproveitamento racional dos recursos naturais, a mobilización produtiva do aforro galego, o impulso da ciencia, da innovación e da dixitalización como motores de transformación; e o papel do sector público como garante da cohesión social, do investimento produtivo e dun desenvolvemento territorial integrador".
Entre as medidas concretas que propón o consello asesor destacan instrumentos como o Instituto Galego de Crédito e Investimento ou á "posta en marcha dun Plan de Investimentos Estratéxicos e Transformadores que mobilice 1.500 millóns de euros no período 2024-2028", ou ao desenvolvemento dunha "estratexia de compra pública responsable que sirva para apoiar o tecido produtivo de base territorial".
O BNG prevé xerar 12.000 empregos en sectores estratéxicos da industria ata 2030 e mobilizar 100.000 hectáreas de superficie agraria útil
Tamén se propón pór en marcha un un Plan de Fomento da Actividade Tecnolóxica e Industrial para incrementar en sete puntos o peso da industria no PIB e xerar 12.000 empregos en sectores estratéxicos da industria galega ata 2030. Ou un "impulso ao medio rural e costeiro e á produción de alimentos para avanzar cara á soberanía alimentaria", con medidas específicas como a mobilización de 100.000 hectáreas de superficie agraria útil.
Entre as medidas, un Pacto Galego pola Ciencia co obxectivo de "alcanzar un investimento do 3% do PIB en 2030 para que a I+D+i sexa motor e panca de desenvolvemento económico, social e cultural" ou un Consorcio para as Infraestruturas e as Competencias Dixitais.
Rodil tamén destacou a necesidade dun novo modelo enerxético "respectuoso co medio e ao servizo dos galegos e das galegas", con medidas como a creación dunha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega “que permita á xente deste País beneficiarse da riqueza que xeran os nosos recursos”.
Ademais, o BNG comprométese a impulsar "a redución da xornada laboral ata as 35 horas sen redución salarial, favorecendo así a conciliación e o benestar das persoas traballadoras" ou un novo modelo de coidades desde o ámbito público e de proximidade. "Propostas ambiciosas, pero realistas", concluíu Rodil.