O grupo parlamentario do BNG fixo este martes balance do traballo dos últimos catro anos no Parlamento. A portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón, gabou un labor que considera o aval para "gañar un futuro mellor" con ela como futura presidenta da Xunta tras as eleccións do 18F.
Acompañada de case todos os deputados e deputadas do grupo, Pontón quixo destacar o labor de todos eles. "Fixeron un traballo impresionante", dixo, tras aclarar se algún deles decidiu dar un paso atrás de cara á vindeira lexislatura.
Ademais, Pontón asegurou que durante os últimos catro anos tivo "a sorte de traballar con persoas preparadas e formadas que dedicar o corpo e a alma para que se vexa que hai unha alternativa real ao PP". Tamén insistiu no balance negativo que, ao seu ver, teñen os 14 anos de gobernos do PP. Segundo ela, os "datos" deixan claro que Galicia é máis "pequena" agora.
Pontón considera que os 14 anos de executivos do PP fixeron "retroceder" a Galicia e cualifica de "goberno opaco" o dos populares
Así, citou os 200.000 mozos e mozas emigrados, as listas de espera, as "cero" residencias públicas, a débeda triplicada, a escaseza de vivendas públicas ou os 159 centros educativos pechados. Para Pontón, o PP fixo "retroceder" a Galicia e instaurou un "goberno opaco" cunha "baixa calidade da democracia", ao reparar nos "centos" de preguntas formuladas á Xunta que quedaron sen contestar ou a información solicitada ao abeiro da lei que quedou sen entregar a deputados.
Pontón tamén tivo palabras para a "manipulación sen precedentes dos medios de comunicación públicos" de da falta de "atracción de investimentos" para Galicia, polo que contrapuxo un goberno que sexa quen de "xerar confianza no país, onde se invista e haxa futuro". Ademais, lembrou a necesidade de ordenar o monte para loitar contra os incendios ou de defender a cultura e a lingua, lembrando que Rueda participou na "indigna manifestación máis ultra" contra o galego e acabou "votando en contra de que se poida usar o galego no Congreso".
"Todo isto é o que queremos cambiar, cun proxecto a favor, desde Galicia e para mellorar a vida dos galegos. Temos un proxecto de futuro para ofrecerlle a este país, un proxecto que se abra camiño para darlle un futuro mellor á maioría e poñer en marcha unha Galicia con benestar social e calidade de vida", engadiu, apostando polo "dereito a unha vellez digna" ou á vivenda e por un "goberno feminista" que dedique "un de cada cen euros a políticas de igualdade" ou un executivo "orgulloso da nosa lingua".
Pontón tamén comprometeu unha "democracia de primeira, na que os galegos teñan información plural e veraz e devolver ao Parlamento a centralidade da vida política", e no que se produzan "os grandes debates". Respecto aos debates electorais, aclarou que fará a súa proposta concreta proximamente pero xa manifestou a súa predisposición a participar en cantos se organicen.
Pontón cre que "hai unha maioría que quere cambio" e chama a "convencela de que é posible se hai unha gran participación"
Así, a portavoz nacional do BNG insistiu en que "hai unha maioría que quere cambio". "Temos que convencer a esa maioría de que é posible se hai unha gran participación e se esas ganas se expresan nas urnas concentrando o voto do cambio no BNG”, destacou, subliñando que o Bloque ten proxecto e está preparado para gobernar. “Imos coller da man a esa maioría que que quere cambio, porque se todos e todas as que queremos ese cambio estamos nas urnas, imos gañar un futuro mellor”, recalcou.
Por último, anunciou unha campaña de "ideas" por parte do BNG e alertou das intencións do PP de levar o debate ao que ocorra en Madrid, aínda que asegurou que desde a súa formación non "van permitir" que se desvíe "o foco sobre Galicia".