O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes o decreto de convocatoria das eleccións galegas para o 18 de febreiro, que entra en vigor nesta mesma xornada e pon en marcha os prazos legais para os comicios. O decreto, asinado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este luns 25 de decembro supón a disolución do Parlamento de Galicia con data deste mesmo martes.
O decreto pon en marcha os prazos legais para os novos comicios, co inicio da campaña ás cero horas do venres 2 de febreiro e a constitución da nova Cámara o 18 de marzo
O decreto de disolución do Parlamento e convocatoria das eleccións ten a habitual estrutura regulada polo Estatuto de Autonomía e as leis de eleccións ao Parlamento de Galicia e da Xunta e da súa Presidencia. Así, comeza deixando constancia de que a convocatoria se produce "logo de deliberación do Consello da Xunta" na súa reunión do pasado xoves día 21, cando Rueda anunciou a súa decisión. A continuación establece a disolución do Parlamento elixido nos comicios do 12 de xullo de 2020 e convoca novas eleccións o 18 de febreiro.
O decreto continúa establecendo a preceptiva distribución de escanos nas catro provincias en función da poboación, que nestes comicios non variarán a respecto dos anteriores e serán 25 para A Coruña, 14 tanto para Lugo como para Ourense e 22 para Pontevedra.
A convocatoria electoral tamén establece que a campaña electoral durará 15 días, comezando ás cero horas do venres 2 de febreiro e rematando ás 24 horas do venres 16. Por último, fíxase que o novo Parlamento resultante destas novas eleccións "reunirase para a súa sesión constitutiva o día 18 de marzo de 2024, ás once horas".