Rueda decide non contestar a preguntas sobre as eleccións tras o Consello da Xunta e culpa o PSdeG

Rueda na rolda de prensa tras o Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do 18 de xaneiro Alfonso Rueda, desde o atril de presidente, gabou o traballo do seu Goberno, criticou a oposición e pediu á cidadanía "confianza para poder gobernar". O PSdeG denunciou aquelas declaracións e a Xunta Electoral, nunha resolución do 24 de xaneiro, concluíu que Rueda, como presidente da Xunta, "vulnerou o principio de neutralidade dos poderes públicos"

Rueda na rolda de prensa tras o Consello da Xunta deste xoves 1 de febreiro de 2024 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Tras unha denuncia socialista a Xunta Electoral censurou declaracións electoralistas do presidente na rolda de prensa do 18 de xaneiro e agora Rueda interpreta esa resolución como unha prohibición de responder aos medios de comunicación

A resolución da Xunta Electoral limitouse a censurar aquelas declaracións, sen establecer ningún tipo de prohibición para seguintes actos de Rueda como presidente. Isto é, non censurou que Rueda poida responder a preguntas dos medios de comunicación sobre a campaña electoral senón que se limitou a condenar que a resposta que dera o 18 de xaneira tivera connotacións electoralistas para tentar atraer o voto. Pero este xoves, dous consellos da Xunta despois, o popular acolleuse a ese pronunciamento da Xunta Electoral para rexeitar responder desde o atril de presidente a ningunha pregunta dos medios de comunicación que tivese que ver coa campaña electoral. 

Rueda fixo responsable do seu silencio ao PSdeG, malia que el mesmo salientou que a denuncia polas súas declaracións do 18 de xaneiro non supuxera "ningunha sanción". Un silencio que non lle impediu pronunciarse sobre cuestións aprobadas no propio Consello da Xunta e sobre as que os medios de comunicación cuestionaron o seu posible carácter electoralista, como o anuncio do complemento das pensións non contributivas ou diversas axudas a administracións gobernadas polo PP. Rueda desbotouno co argumento de que "á oposición gustaríalle que non gobernáramos, pero a nosa obriga é executar o orzamento".

Alegacións do Goberno galego en defensa de Rueda recollidas na resolución coa que a Xunta Electoral determina que vulnerou a lei no Consello da Xunta do 18 de xaneiro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.