O Goberno galego tentou xustificar sen éxito ante a Xunta Electoral unhas declaracións nas que o presidente, exercendo de tal, criticou o resto de partidos e pediu apoio ás súas políticas, co que "vulnerou o principio de neutralidade"
O xoves 18 de xaneiro, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta e desde o atril de presidente, Alfonso Rueda gabou o traballo do seu Goberno, criticou a oposición e pediu á cidadanía "confianza para poder gobernar", declaracións coas que a Xunta Electoral considera que "vulnerou o principio de neutralidade dos poderes públicos" e incumpriu a lei electoral. "Non debemos rasgarnos as vestiduras" foi a resposta que deu o Goberno galego á Xunta Electoral nas súas alegacións, desbotadas polo órgano que vela pola limpeza do proceso electoral, que malia as escusas formuladas di que as declaracións de Rueda non foron puntuais ou xenéricas senón "claras e precisas".
Naquela rolda de prensa do 18 de xaneiro, preguntado pola xestión da crise dos pellets, Rueda dixo que "a Xunta está traballando, o Goberno de España non fixo nada e a oposición seguirá enredando", "temos un balance que presentar", "temos que responsabilizarnos de pedirlle á xente a confianza para poder gobernar" ou "o meu obxectivo como candidato é ter esa maioría que me permita seguir gobernando".
O PSdeG denunciou esas declaracións ante a Xunta Electoral lembrando que a lei non permite que as administracións públicas ou os seus representantes fagan neste período preelectoral declaracións de eloxio dos seus logros ou que pretendan atraer votos para un partido ou candidato. E así o vén de entender tamén o órgano fiscalizador malia as alegacións xustificativas presentadas pola Xunta, que recolle na súa resolución.
Segundo a Xunta, as declaracións de Rueda foron "puntuais" no marco dunha resposta "moi xenérica" a unha pregunta dos medios de comunicación. O Goberno galego defende que os medios teñen dereito a seguir preguntando a Rueda sobre calquera cuestión e el a responder ao que se lle pregunta. E engade: "Non se pode esquecer que no presidente concorre, en efecto, a dobre condición de presidente e candidato, e a súa resposta se limita a constar ese extremo, o que non debe levar a rasgarnos as vestiduras".
A Xunta Electoral di que as declaracións de Rueda, "claras e precisas", "teñen unha connotación electoralista"
Pero non o entende así a Xunta Electoral, que di que o presidente "puido terse limitado a cumprir as súas funcións institucionais de transparencia perante os medios de comunicación no senso de dar a coñecer os acordos adoptados no Consello que preside". Pola contra, o órgano fiscalizador di que as súas frases de gabanza do seu goberno, críticas da oposición e petición de apoio "exceden das ditas funcións xa que, obxectivamente e nun proceso electoral en curso, teñen unha connotación electoralista". Frases que, en contra do que argumentaba a Xunta sobre a súa suposta xeneralidade, se consideran "claras e precisas" para "persuadir ao potencial electorado de que lle vote e, deste xeito, a entidade política pola que se presenta obteña unha maioría de apoio electoral que lle 'permita seguir gobernando'".
Así que a Xunta Electoral considera que Rueda incumpriu a lei electoral pero "unha vez ponderado o alcance das frases con connotación electoralista" considera que non procede incoar un procedemento sancionador. Ata o momento, no que vai de proceso electoral a Xunta Electoral aínda non decidiu a apertura de ningún proceso sancionador por ningún dos diversos incumprimentos cometidos polas diversas forzas políticas.