Desde este martes están vetadas as inauguracións e actos propagandísticos das administracións, pero conselleiros e conselleiras manteñen unha axenda similar matizada só na linguaxe
Desde este martes, coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do decreto de convocatoria das eleccións galegas para o 18 de febreiro, quedaron prohibidas as inauguracións e actos propagandísticos por parte das administracións. Porén, como vén facendo en todos os comicios, o Goberno galego proseguiu con todo tipo de actividades para dar a coñecer as súas actuacións e xestións máis alá do que pode considerarse información de servizo público.
Cos actos propagandísticos prohibidos, a Xunta non se limitou este martes a poñer en servizo e abrir ao tráfico en Boiro unha nova vía de comunicación no parque empresarial de Espiñeira. Pola contra, ata alí desprazouse a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no que semellaba unha inauguración pero que foi presentado como unha "visita" a unhas obras "concluídas". Vázquez destacou que a actuación "dá resposta a unha demanda dos empresarios do polígono co obxectivo de mellorar a mobilidade en toda a área empresarial".
Outra conselleira, a de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitou Ponteceso onde "informou" da próxima realización de obras para mellorar unha estrada. Fíxoo co habitual despregamento de panel informativo, como tamén recorreu a el o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, para tamén "informar" da licitación de obras noutra estrada autonómica en Leiro.
Sen paneis informativos pero igualmente con convocatorias a medios de comunicación producíronse tamén este martes as reunións do conselleiro de Medio Rural, José González, ou o delegado en Ourense cos alcaldes populares de Lalín, Sandiás ou Lobeira, tras as que a Xunta publicitou a súa "colaboración" coas necesidades deses concellos.
E para este mércores a Xunta tamén convocou aos medios de comunicación ao despregamento dos seus altos cargos con reunións ou visitas aos concellos de Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Marín, Cerdedo-Cotobade ou O Porriño.
Máis dificilmente catalogables son outros varios actos de sinatura de convenios celebrados non como trámites de xestión ordinaria senón divulgados igualmente con convocatoria a medios e distribución de imaxes e notas de prensa.