A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, prodígase prometendo obras en concellos gobernados polos populares
O 4 de abril quedaron formalmente convocadas as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Desde ese momento quedou prohibida calquera inauguración e “calquera acto organizado ou financiado” por poderes públicos con “alusións ás realizacións ou aos logros obtidos”. Porén, neste tempo a Xunta non deixou de anunciar todo tipo de actuacións para concellos concretos gobernados polo PP empregando para iso a figura das reunións “de traballo” entre conselleiros e alcaldes ou a sinatura de convenios para futuros proxectos.
Fóra dos períodos electorais a Xunta xa adoita dar máis visibilidade ás reunións de conselleiros e conselleiras con alcaldes e alcaldesas do PP que cos doutras formacións. Pero no último mes o Goberno galego só incluíu na súa axenda pública oficial actos con rexedores populares.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, é a que máis se está a prodigar neste tipo de encontros. O 10 de abril acudiu ao Concello de Muíños para asinar un convenio co seu alcalde, o popular Plácido Álvarez, para mellorar o abastecemento municipal de auga. O 14 de abril foi o rexedor popular de Oza-Cesuras, José Pablo González, que se fotografou con ela asinando un convenio para mellorar unha estrada.
O 17 abril o convenio foi co alcalde de Arteixo, o tamén popular Carlos Calvelo, desta volta para mellorar o transporte público na localidade. O 19 de abril toucoulle ao rexedor de Sanxenxo, Telmo Martín, tamén do PP, asinar un convenio para a urbanización dunha praza. E este martes 2 de maio a mesma conselleira desprazouse á Estrada para manter un “encontro de traballo” co seu rexedor, o tamén popular José López Campos.
Outra das conselleiras que tamén se está a prodigar en actos en concellos malia a proximidade das eleccións municipais é a de Política Social, Fabiola García. O 12 de abril a consellería anunciou un “encontro” de García coa alcaldesa de Lousame, a popular María Teresa Villaverde. O 15 de abril a conselleira asistiu a unha festa de maiores en Santa Comba e o seu departamento distribuíu un comunicado e fotos nos que se dá especial protagonismo á alcaldesa do PP, María Pose. E o 18 de abril a conselleira visitou un centro de discapacidade en Ribeira, a súa vila, e fíxoo acompañada do alcalde da localidade, Manuel Ruiz Rivas, do que foi concelleira en 2015 e ao que a Xunta deu publicidade no seu comunicado de prensa.
Ademais conselleiros e altos cargos da Xunta están a participar en todo tipo de festas municipais en concellos gobernados polo PP, actos que o Goberno galego publicita dando protagonismo aos cargos locais populares.