O CIS deu a coñecer este xoves o seu estudo preelectoral para os comicios do vindeiro 28 de maio, un traballo que ofrece estimación de voto para as comunidades autónomas con convocatorias e para as cidades de maior tamaño. En Galicia, esta información limítase a Vigo, onde a sondaxe -cunha mostra de 815 persoas- non ofrece grandes sorpresas: Abel Caballero revalidará a súa ampla maioría, con ao redor de 20 dos 27 edís en xogo.
O PP, que en 2019 obtivo catro concelleiros, moveríase segundo esta enquisa entre os 3 e os 5, cunha leve mellora nos seus resultados
En concreto, o PSdeG obtería entre o 62,5% e o 68,8% dos votos, fronte ao 67,64% de hai catro anos. Isto levaríao a acadar entre 18 e 21 edís, fronte aos 20 actuais. Tampouco hai grandes movementos nas restantes formacións. O PP, que en 2019 obtivo catro concelleiros, moveríase segundo esta enquisa entre os 3 e os 5, cunha leve mellora nos seus resultados, pasando do 13,69% de hai catro anos a un intervalo entre o 12,4% e 17,2%
O BNG converteríase na terceira forza, con entre 1 e 3 concelleiros, fronte ao único edil que acadou en 2019. Marea de Vigo podería manter os dous edís que ten, pero tamén perder un ou dous
O BNG converteríase na terceira forza da cidade, coa posibilidade de obter entre 1 e 3 concelleiros, fronte ao único edil que acadou en 2019. Mentres, a Marea de Vigo, aliada nesta ocasión con Podemos, podería manter os dous edís que ten na actualidade, pero tamén podería perder un ou dous. A candidatura, que en 2019 obtivo o 6,96% dos votos, estaría agora entre o 4,7% e o 8%; na parte máis baixa deste intervalo a Marea podería ficar fóra do pleno municipal.
Abel Caballero non só é coñecido polo 100% das persoas entrevistadas, senón que recibe unha valoración media moi alta, superior a 7 puntos sobre 10
VOX, con entre o 0,7% e o 2,3%, ficaría sen posibilidade ningunha de obter representación, o mesmo que as restantes candidaturas.
O CIS ofrece tamén información sobre o grao de coñecemento e a valoración dos distintos candidatos e candidatas. Abel Caballero non só é coñecido polo 100% das persoas entrevistadas, senón que recibe unha valoración media moi alta, superior a 7 puntos sobre 10 (7,11). Entre o resto de candidatos só aproba o cabeza de lista do BNG, Xabier Pérez Igrexas (5,03), aínda que cun grao de valoración moito máis baixo, inferior ao 60%. Preto do aprobado atópase Rubén Pérez Correa (Marea de Vigo), con 4,7 puntos, por riba da líder do PP, Marta Fernández Tapia, cun 4,4.
O dominio de Caballero é tan claro que non só aproba entre os votantes socialistas (8,46). Tamén entre os de PP (5,42) e Marea (5,29). Tamén entre os do BNG se achega ao aprobado (4,79).
O 64% das persoas entrevistadas afirman que Vigo está "mellor" ou "moito mellor" que hai catro anos e só un 13,5% din que está "peor" ou "moito peor"
O 64% das persoas entrevistadas afirman que Vigo está "mellor" ou "moito mellor" que hai catro anos e só un 13,5% din que está "peor" ou "moito peor". As persoas que a cidade mellorou dende o 2019 son maioría entre os votantes de PSdeG, PP, Marea de Vigo e BNG.
De 1 a 10 a cidadanía valora cun 7 os servizos municipais que empresta o Concello de Vigo, nunha valoración que rolda esta nota en todos os grupos de idade