En marcha o reloxo oficial do novo ciclo electoral que, se todos os comicios son cando tocan, terá como primeira parada as urnas municipais do vindeiro 28 de maio. A última cita será nos comicios para renovar o Parlamento de Galicia en 2024, sempre e cando o presidente Alfonso Rueda non opte por un adianto.
Os gobernos teñen prohibido dende este 4 de abril celebrar inauguracións ou actos e campañas destinados a salientar os seus "logros"
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este 4 de abril, quincuaxésimo cuarto día antes do derradeiro domingo de maio, como marca a lei, a convocatoria oficial dos comicios do 28M e con ela actívanse todos os prazos. No ámbito institucional a consecuencia máis inmediata é a entrada en xogo da prohibición que dende 2011 veta a celebración de inauguracións ou campañas e actos destinados a salientar "logros" dos gobernos. Esta prohibición atinxe a todas as administracións e non só aos concellos aínda que se trate de eleccións municipais.
Para o electorado, a convocatoria das eleccións trae consigo a apertura dos prazos para o voto por correo. As solicitudes de voto postal, como informa Correos, poden realizarse dende este 4 de abril e ata o 18 de maio, ambos incluídos. Á habitual petición presencial nas oficinas de Correos -acudindo directamente ou pedindo cita previa- engádese a posibilidade de facer o trámite a través de internet no caso de dispoñer de certificado electrónico ou DNI-e.
O voto por correo pódese solicitar ata o 18 de maio e remitir ata catro días antes das eleccións
Tras este trámite, a empresa pública remite as solicitudes ás delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral, que dende o 8 de maio remiten a documentación ás persoas que a solicitasen. O prazo ordinario para enviar o voto por correo finaliza o 24 de maio, catro días antes dos comicios. O día das eleccións, carteiras e carteiros trasladan os votos por correo aos correspondentes colexios electorais, onde se mesturan nas urnas cos emitidos presencialmente antes do reconto xeral.
Coa convocatoria electoral están tamén en marcha os prazos para consultar a inscrición no censo, trámite que pode realizarse na sede electrónica do INE. Nesa mesma sede electrónica é posible solicitar non recibir propaganda electoral dos partidos por vía postal.
Inicio da campaña o 12 de maio
Coa convocatoria das eleccións quedan fixados tamén os prazos da campaña electoral, que comezará ás cero horas do venres, 12 de maio, e rematará ás 23:59 do día 26. Como manda lei electoral, ata que comece a campaña está "prohibida a realización de publicidade ou propaganda electoral mediante carteis, soportes comerciais" ou insercións nos medios de comunicación. Ao contrario dos anuncios divulgados nas últimos semanas, de agora en diante "non poden xustificarse polo exercicio das actividades ordinarias dos partidos".