A vaga do PSOE iniciada nas eleccións xerais do 28A esténdese á Galicia urbana mesmo ata ser quen de deixar o PP fóra dos xogos da alternancia no poder. O vindeiro 15 de xuño, data de constitución das novas corporacións municipais, o PSdeG está en condicións de erguer o bastón de mando en ata seis das sete cidades galegas tras medrar sobre o devalo das Mareas e tamén sobre o dun PP que quedará sen o goberno de ningunha cidade galega. A única
Alén de Vigo, onde Abel Caballero bateu a súa propia marca para ascender de 17 a 20 edís, o maior triunfo do PSdeG neste 26M é o de lograr o goberno das tres cidades que o PP perdeu fronte ás Mareas en 2015. Xosé Sánchez Bugallo ten asegurado o seu regreso á alcaldía de Santiago oito anos despois de perdela fronte ao popular Gerardo Conde Roa. Os socialistas composteláns pasan de 4 a 10 edís medrando a costa da ata agora forza gobernante, Compostela Aberta, que pasa de 10 a 5, pero tamén restando representación ao PP, que perde un edil.
Na Coruña Inés Rey ten tamén ao seu alcance o bastón de mando que ostentaba Xulio Ferreiro no nome da Marea Atlántica, pero ao ficar en votos por tras do PP de Beatriz Mato, forza máis votada, terá que procurar os apoios dos 6 escanos cos que queda a forza ata agora gobernante, que perde 4 nunha corporación na que o BNG pasa de 1 a 2 representantes e Ciudadanos debuta cun posto, pero sen posibilidades de alianza pola dereita.
Do mesmo xeito, o ferrolán Ángel Mato será alcalde se logra ser apoiado na investidura por Ferrol en Común, que pasa de 6 a 3 representantes, e mais do BNG, que se mantén con 2.
O ex-conselleiro José Manuel Rey Varela mellora a súa representación de hai catro anos nun edil, pero sen ningunha outra forza no ámbito da dereita coa que poder pactar, xa que Ciudadanos desaparece da corporación.
Como en Ferrol, tamén en Lugo o PP logra ser a primeira forza pero a suma dos de Ramón Carballo (10 escanos) con Ciudadanos (2) non logra a maioría absoluta.
Deste xeito, se a socialista Lara Méndez logra o apoio dun ascendente BNG, que pasa de 2 a 5 escanos, a alianza de esquerda logrará a maioría absoluta na sesión de investidura nunha corporación da que desaparecen Lugonovo e ACE.
En Ourense o PSdeG tamén podería aspirar á alcaldía, pero nun contexto tan fragmentado e complexo como o que o popular Jesús Vázquez tivo que enfrontar hai catro anos. Os de Rafael Rodríguez Villarino logran ser os máis votados e 8 edís, mentres que o PP perde 3 actas e queda con 7, as mesmas que Democracia Ourensana.
Os de Gonzalo Pérez Jácome poden, outra volta, ter a chave na conformación dunha maioría alternativa á forza máis votada se o desexan. Da corporación ourensá desaparece Ourense en Común e retorna o BNG con 2 edís por tras de Ciudadanos, que se estrean con 3.
En Pontevedra o BNG de Miguel Anxo Fernández Lores pode continuar na alcaldía catro anos máis malia padecer un certo desgaste nas urnas que os leva a perder un edil. O PP, segunda forza, gaña 2 concelleiros e o PSdeG sobe 1 nunha corporación da que desaparece Marea de Pontevedra.