Miguel Anxo Fernández Lores seguirá sendo catro anos máis alcalde de Pontevedra, cidade que goberna desde 1999. O seu partido, o BNG, mantén a maioría, con 11 escanos, pero perde apoios con respecto ás últimas locais ao sumar un representante menos e caer uns mil votos e algo máis de tres puntos.
O BNG perde un edil, o PP gaña dous, o PSdeG un e Ciudadanos mantén o que tiña; a Marea perde os seus dous dous representantes
Con todo, o candidato nacionalista seguirá na alcaldía ao ser con claridade o máis votado fronte a un PP que suma 9 escanos tras recuperar dous respecto das anteriores municipais e sete puntos con respecto ás xerais de hai un mes. O PSdeG sobe un escano, de 3 a 4, e Ciudadanos mantén o seu representante no pleno ao acadar case os mesmos resultados, algo máis do 5% de apoio.
Quen desaparece é a Marea de Pontevedra, que pasa dos dous escanos que acadara en 2015 a non obter representación logo de caer máis de catro puntos e deixar polo camiño case 2.000 votos. A coalición que encabezaba Podemos, pola súa banda, sumou algo máis de 1.200 votos e superou por pouco o 3%, quedando tamén sen representación.