O socialista Ángel Mato será alcalde de Ferrol se recibe os votos de Ferrol en Común e BNG na investidura. O PP obtén unha vitoria insuficiente para acadar a alcaldía, obtendo 12 concelleiros, 1 edil máis que na actualidade, e crecendo cinco puntos con respecto ao ano 2015. Porén, a perda da edil que hai catro anos obtivera Ciudadanos deixa á dereita sen maioría absoluta.
A perda da edil que hai catro anos obtera Ciudadanos deixa á dereita sen maioría absoluta
O PSdeG-PSOE chega a 8 representantes, tres máis que na actualidade, os mesmos que perde Ferrol en Común, que pasa de 6 a 3. O BNG mantén a súa representación, acadando 2 concelleiros. As tres forzas suman os 13 edís que supoñen a maioría absoluta.
O popular José Manuel Rey Varela, que xa quedara ás portas de obter a maioría absoluta en 2011, volve fracasar no seu asalto á alcaldía. No anterior mandato renunciara a exercer como líder da oposición e recalou na Xunta, como conselleiro de Política Social, cargo que abandonou hai uns meses para tentar gañar a alcaldía da cidade naval.
É a primeira vez dende os anos 80 que a esquerda (aínda que mudando a cor do partido na Alcaldía) poderá gobernar a cidade un segundo mandato
O socialista Ángel Mato recupera a alcaldía para os socialistas despois de oito anos de gobernos de PP e Ferrol en Común. A confluencia de esquerdas liderada por Jorge Suárez perde case a metade dos seus votos, mellorando só lixeiramente o resultado de Esquerda Unida en solitario en 2011 e ficando por debaixo dos datos da formación en 2007. Marea de Ferrol (1,97%) e VOX (1,04%) quedan moi lonxe de obter representación.
É a primeira vez dende os anos 80 que a esquerda (aínda que mudando a cor do partido na Alcaldía) poderá gobernar a cidade un segundo mandato. Dende entón, o movemento pendular da política ferrolá fixo que se sucedesen a esquerda e a dereita. Ata hoxe.
O aínda alcalde, Jorge Suárez, de Ferrol en Común, di que mantén "o sonriso intacto", ao igual que "a dignidade e o proxecto político" malia ter "tres concelleiros menos". Desde o PSOE, Ángel Mato, que con toda probabilidade será novo rexedor, instou as "forzas da esquerda a formar un goberno estable".
Rey Varela, pola súa banda, destacou que obtivo "o segundo mellor resultado de toda a Galicia urbana" e destacou a importante diferenza en votos que sacou aos seus rivais.