O Goberno galego volveuse atopar con que a Xunta Electoral ordena a retirada dunha das súas accións comunicativas. Neste caso trátase dunha campaña da Consellería de Medio Rural co lema "O rural é moito" e o motivo é a súa semellanza coa expresión electoral que o PP vén usando: "Galicia é moito". O ano pasado, durante a preparación para as eleccións xerais que se celebraron o 10 de novembro, a Xunta de Galicia xa tivera que suspender por electoralistas algunhas das súas campañas ata despois dos comicios.
A Xunta electoral considera que as expresións que usan o Goberno galego e o PP son semellantes
O BNG denunciou a pasada semana o parecido entre algunhas das campañas da Xunta e do PPdeG e a Xunta Electoral admitiu parcialmente a queixa, segundo adiantou eldiario.es. O coordinador de campaña da formación nacionalista, Rubén Cela, considera que o resultado "é un pouco disparatado" porque a quen lle prohibe usar o lema é ao Goberno galego, non ao PPdeG.
A resolución cita o artigo 50.2 da lei electoral, que prohibe "calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que utilice expresións coincidentes ou similares" ás que empreguen os partidos que se presentan ás eleccións. A prohibición de que as campañas institucionais inclúan mensaxes que poidan "solaparse, confundirse ou relacionarse" coas formacións políticas concorrentes está confirmada por unha sentencia do 9 de outubro de 2006 do Tribunal Supremo, que indica que "de darse a posibilidade de que isto suceda, estaríanse vulnerando as condicións de igualdade e obxectividade" que debe ter o proceso electoral.
Esta é a primeira resolución que obriga á Xunta a retirar contidos nesta carreira cara o 5 de abril. O Goberno galego indicou que a campaña de Medio Rural está xa rematada e que, por este mesmo motivo, non vai recorrer a decisión.
Agora está pendente de resposta outra denuncia do BNG, que levou tamén ante o órgano electoral o vídeo musical do PPdeG presentado esta semana, no que considera que hai "unha vulneración clarísima do principio de imparcialidade que, nun contexto preelectoral, ten que rexer en calquera administración pública". "O PP confunde intencionadamente o seu partido co Goberno galego e a Xunta non é quen se presenta ás eleccións", criticou.
Está pendente a resposta da Xunta Electoral a unha nova denuncia do BNG, esta vez polo vídeo musical do PP, cheo de bandeiras coa palabra "Xunta"
A denuncia indica que no vídeo aparecen "continuas referencias ás obras, proxectos e demais políticas" do Goberno galego utilizando "o nome da Xunta, o logo da Xunta e o escudo institucional de forma partidista e electoralista". Cela engade que "o que hai que buscar con lupa é o logo do PP".
Na peza audiovisual, cuxa canción volve ser unha composición do grupo Los Limones, pódese ver ata en 28 ocasións unha bandeira na que se le a palabra "Xunta" sobre un fondo azul sobreposta con ordenador en imaxes de diferentes infraestruturas. As siglas do PP aparecen, pola contra, só nalgunhas das imaxes de actos políticos e ao final do vídeo.