Os nacionalistas reclaman á Xunta Electoral que garanta a neutralidade da administración e deixe de difundir “mensaxes idénticas ás usadas polo PP“
O BNG vén de presentar dúas denuncias ante a Xunta Electoral contra a Xunta e contra o propio Feijóo por utilizar os recursos públicos da administración “para facer propaganda en beneficio do PP”. Así o critica o coordinador de campaña dos nacionalistas, Rubén Cela, para quen “é impresentable que a precampaña electoral do PP sexa practicamente idéntica á campaña electoral da Xunta”.
O BNG pon o foco no lema de precampaña que vén empregando o PP, “Galicia é moito”, similar a unha campaña institucional que a Xunta divulga nas súas páxinas web, “O rural é moito”. Os nacionalistas tamén apuntan a outros lemas semellantes empregados pola Xunta como “Galicia é familia” ou “Galicia é verde”. “Xa sabemos que o Partido Popular prefire facer campaña dopado, pero por unha vez que xogue limpo porque xa teñen bastante vantaxe usando os medios públicos como gabinete de comunicación e propaganda”, critica o BNG.
O lema “Galicia é moito” foi lanzado polo PP no seu vídeo de felicitación do Nadal divulgado o pasado 20 de decembro, no que Feijóo percorría a Cidade da Cultura xunto co actor Luís Zahera, caracterizado coma el
Máis alá desas campañas concretas agora denunciadas polo BNG, as similitudes entre os recursos propagandísticos empregados polo PP e diversos elementos da comunicacións institucional da Xunta son numerosos. O lema “Galicia é moito” foi lanzado polo PP no seu vídeo de felicitación do Nadal divulgado o pasado 20 de decembro, no que Feijóo percorría a Cidade da Cultura xunto co actor Luís Zahera, caracterizado coma el. Dez días despois, no vídeo institucional de fin de ano como presidente da Xunta, Feijóo remataba empregando a mesma expresión, “Galicia é moito”.
Feijóo vén facendo ver que non se presenta ás eleccións por "un partido", senón pola Xunta
Aquel vídeo do PP presentaba nunha secuencia a Feijóo e Zahera xunto a dúas escaleiras mecánicas, unha de subida e outra de baixada, do Museo da Cidade da Cultura. Esas mesmas dúas escaleiras foron empregadas pola Xunta hai unha semana para divulgar unha fotografía oficial de Feijóo coa gañadora do Goya Benedicta Sánchez.
Nos seus actos de partido Feijóo está facendo ver que non se presenta ás eleccións por ningunha formación senón pola Xunta, ao tempo que a propia tipografía empregada polo PP para a palabra Galicia mudou para asemellarse á da marca-país que a Xunta utiliza desde 2011.