As siglas do partido aparecen nalgunhas imaxes de actos políticos e ao final do vídeo; a bandeira 'da Xunta', ata en 28 ocasións
O PPdeG publicou o seu xa habitual vídeo musical electoral, obra de novo do grupo Los Limones e que leva como título Galicia é moito. Enriba de imaxes de infraestruturas, salas nas que se están facendo oposicións ou ante una máquina de TAC, aparece ata en 28 ocasións sobreimpresa unha bandeira coa palabra "Xunta" sobre un fondo azul claro.
As siglas do partido pódense ver nalgunha ocasión menos, nalgunhas das imaxes nas que o presidente da Xunta e candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, aparece en actos políticos e mitins e ao rematar o vídeo.
Os servizos de comunicación do PP galego aseguraron hai uns días, ante o escrutinio dalgúns medios e algúns comentarios nas redes sociais en busca das siglas do partido nas imaxes da precampaña, que non foxen delas.
O presidente do PP, Pablo Casado, restoulle importancia ao pouco peso da marca PP nesta precampaña galega porque "Feijóo é 100% PP" e "o que di é moi parecido ao que di Isabel Díaz Ayuso e iso é o importante". "Que despois dás un acento ou unha imaxe na que un galego se sente moi de Galicia? Fenomenal", reflexionou en declaracións a Telecinco. Precisamente ante Casado e Mariano Rajoy, Feijóo dixo onte que non é "refén de ningún partido".
Hoxe o líder dos populares galegos publicou na súa conta de twitter un fío cos vídeos musicais das campañas anteriores nas que el foi candidato e difundiu ao final o enlace ao deste ano.
O traballo audiovisual fai un repaso en imaxes por paisaxes galegas, sectores produtivos, e tradicións
O traballo audiovisual, que abre cunha imaxe aérea da praia de Carnota co monte Pindo ao fondo, presenta unha canción cunha base coas notas da Muiñeira de Lugo mentres se suceden imaxes das cidades, do rural, de empresas tecnolóxicas, de barcos e tractores, de centros sanitarios e educativos e de paisaxes, entre outras. A presencia da cor do partido, a azul, é continua en diferentes elementos.
Feijóo aparece fotografado en actos políticos e mitins e noutras instantáneas máis relaxadas conversando, sobre todo con mulleres e mozos.