Mentres en Verín milleiros de mulleres galegas manifestábanse, a tan só 70 quilómetros, en Ourense o PP celebraba o seu primeiro grande acto da campaña electoral, un mitin que serviu para celebrar o 11 aniversario da primeira maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo, o 1 de marzo de 2009, un triunfo que o levou á Presidencia da Xunta. Pero foi, sobre todo, a oportunidade de ver xuntos a Feijóo, Pablo Casado e a Mariano Rajoy, que por primeira vez en varios meses interviña nun acto público.
O candidato que di non presentarse por un partido, que non é "refén de ningún partido, nin sequera do meu", compartiu escenario este domingo co líder do PP, Pablo Casado, e con Mariano Rajoy,
Nas últimas semanas Núñez Feijóo esforzouse por separar todo o posible a súa candidatura da marca do Partido Popular. Así o fixo nos carteis e eslógans cos que comeza a acompañar a súa campaña electoral, nos que o logo do PP desaparece case por completo, e no que o propio lema da candidatura muta nun "Galicia é moito" coa que o líder do PPdeG busca vestirse de galeguidade, evitando de paso que as eleccións se xoguen en clave estatal.
O candidato que di non presentarse por un partido, "candidato libre" que non é "refén de ningún partido, nin sequera do meu" compartiu escenario este domingo co líder do PP, Pablo Casado, e con Mariano Rajoy, o último presidente do Goberno central da formación conservadora.
Casado e Rajoy alabaron a "boa xestión e responsabilidade" de Feijóo "á fronte do Goberno galego". "O 1 de marzo de 2009 foi unha data emblemática. Esa vitoria supuxo un cambio de tendencia e o Partido Popular foi a primeira forza política en todas as eleccións durante 10 anos consecutivos permitindo ver outra forma de facer política", afirmou Rajoy. O ex-presidente afirmou que "a historia demostra que a esquerda é incapaz de xestionar o público e pon en perigo a economía e o benestar. E hoxe está a afectar a principios constitucionais básicos como a igualdade".
Pola súa banda, Casado dedicou parte da súa intervención a louvar o legado de Rajoy, destacando que "atopou un país en crise e o puxo en marcha", destacando a "creación de emprego" producida pola reforma laboral ou a "suba das pensións" durante o seu mandato.
"Do que máis orgulloso me sinto é de que o PPdeG teña por diante Galicia e despois o partido, e síntome moi orgulloso de que o Partido Popular teña por diante España e despois o partido", dixo Feijóo
Aínda que as intervencións de Casado e Rajoy desviaron o foco da política galega e dos obxectivos da campaña do PPdeG, na súa intervención Núñez Feijóo reafirmouse mensaxes lanzadas nas últimas semanas: "Do que máis orgulloso me sinto é de que o PPdeG teña por diante Galicia e despois o partido, e síntome moi orgulloso de que o Partido Popular teña por diante España e despois o partido. É así como nolo ensinaron".
Así mesmo, afirmou que "quero ser o presidente de Galicia só se os galegos queren que o sexa. Non lle pedirei permiso a ningún partido para que mo concedan a cambio de sacrificar os meus principios e compromisos". "Iso valeralle a Pedro Sánchez ou ao multipartito, pero a min non me vale esa política", engadiu.
"Mentres para os populares a Comunidade está por diante, para o actual PSOE a nosa Autonomía é secundaria e non lle importa só deberse ao nacionalismo, ao independentismo e ao populismo ata perder toda dignidade e macular a dos españois", dixo.
No mitin, Feijóo afirmou "que se dedica máis diñeiro ás políticas sociais que nunca" e defendeu que "agora producimos máis leite que en 15 anos e estamos nos primeiros postos do mercado en Europa". Así mesmo, o candidato do PPdeG dixo que segue "apostando polo respecto ao medio ambiente e un territorio máis ordenado, pola innovación" e "pola defensa da nosa cultura, da nosa riqueza lingüística".
Feijóo fixo fincapé nas "diferenzas" da política galega con respecto á española: "Unha Galicia diferente a unha España de divisións e vaivéns, na que hai centralidade, normalidade, moderación e estabilidade"
O presidente da Xunta lembrou tamén en varias ocasións a súa vitoria electoral de 2009. "Hai once anos os galegos confiaron en nós para que houbese un cambio", dixo, facendo fincapé nas "diferenzas" da política galega con respecto á española: "Unha Galicia diferente a unha España de divisións e vaivéns, na que hai centralidade, normalidade, moderación e estabilidade". Núñez Feijóo pechou a súa intervención recuncando nesas ideas: "Galicia, sen deixar nunca de ser Galicia e sen deixar nunca de ser España, hoxe é o diferente. É máis estable. É moito. É mellor".
Tamén Manuel Baltar, que abriu o acto, destacou o carácter galego (ou mesmo local) das eleccións: "Para que gañe Galicia ten que gañar Feijóo, e debemos tomarnos estas eleccións como unhas municipais, porque imos elixir ao alcalde de Galicia".