Catro mulleres acompañan a Feijóo á fronte das listas do PP para as eleccións galegas do 5A

Núñez Feijóo, con Marisol Díaz, Corina Porro, Ánxeles Vázquez e Elena Candia © PPdeG

Coas catro candidatas, o PP busca dotar á formación dunha imaxe máis igualitaria

O PP busca rodear de mulleres a Alberto Núñez Feijóo na súa carreira por revalidar a maioría absoluta nas eleccións ao Parlamento galego. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, encabezará a candidatura dos populares pola Coruña. A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, fará o propio na de Lugo. E a Delegada Territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz será a número un por esta provincia.

Así mesmo, os populares anunciaron que Corina Porro -na actualidade Delegada Territorial da Xunta en Vigo- será a número dous por Pontevedra, detrás do propio Núñez Feijóo, buscando dotar a candidatura dun perfil máis vigués, unha cidade na que os populares adoitan obter uns resultados sensiblemente inferiores aos do resto do país. O luns anunciaranse a totalidade das listas dos PPdeG para os comicios do 5 de abril.

Núñez Feijóo, esta semana nun acto de precampaña na Coruña © PPdeG

Núñez Feijóo destacou de Corina Porro "a súa paixón por Vigo" e subliñou que “é a nosa representante do ámbito urbano nesta presentación"

“Todos os que formamos parte desta candidatura somos servidores de Galicia por riba de calquera outra cousa”, afirmou Núñez Feijóo na presentación das catro candidatas, coas que o PP busca tamén dotar á formación dunha imaxe máis igualitaria.

De Ánxeles Vázquez, Feijóo lembrou a súa traxectoria municipal como alcaldesa de Melide e a súa xestión á fronte das consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, afirmando que "exemplifica o compromiso do PPdeG cunha Galicia máis verde". Sobre Elena Candia afirmou que "seguirá servindo aos veciños do rural" dende o Parlamento. E sobre Mariol Díaz, que xa hai catro anos encabezara a lista por Ourense, subliñou o bo resultado electoral acadado naquela ocasión e "a súa capacidade de resolución e o seu contacto permanente cos veciños".

O luns anunciaranse a totalidade das listas dos PPdeG para os comicios do 5 de abril

Finalmente, de Corina Porro destacou "a súa paixón por Vigo". O candidato do PP á presidencia da Xunta afirmou que Porro “é a nosa representante do ámbito urbano nesta presentación e con ela queremos demostrar que facendo máis cidade pódese facer tamén máis Galicia”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.