A delegada do Goberno galego en Vigo reitera que a Xunta non porá cartos na reforma do estadio municipal e o Concello aféalle que queira “trasladar” o equipo a Mos, onde tramita a súa polémica cidade deportiva
Tras o afundimento electoral do PP en Vigo o pasado 26-M ante Abel Caballero, os populares presentaron o nomeamento como nova delegada da Xunta na cidade da ex-alcaldesa Corina Porro como unha mostra do seu cambio de estratexia ante un rexedor que partido e Goberno galego cualifican de populista. A confrontación que caracterizou a última década de relacións entre Xunta e Concello ía quedar a un lado, dicían tanto o PP como Porro. Porén, nas súas case diarias comparecencias ante os medios Porro vén amosándose igualmente crítica con todo tipo de actuacións do alcalde e este martes, a conta das discrepancias que manteñen Xunta e Concello sobre o seu apoio ao Real Club Celta, a delegada optou por dar a súa rolda de prensa enfundada nunha camiseta do equipo.
O Concello está embarcado na reforma por partes do estadio municipal de Balaídos despois de rexeitar a petición da sociedade anónima deportiva de que llo entregase cunha concesión a cambio de que fose o club o que realizase as obras. Tras a negativa do goberno local, o Celta iniciou os trámites para a construción dunha cidade deportiva cun estadio propio nun monte comunal do veciño concello de Mos limítrofe con Vigo, un proxecto ao que o propio presidente Feijóo amosou o seu apoio. A cidade deportiva xa comezou a súa construción malia que aínda non conta con autorización completa da Xunta, varios de cuxos departamentos aprecian nela impactos negativos, pero xa vén servindo para que o Concello presente a situación como un novo ataque do Goberno galego a Vigo.
Porro cualificou de "chapuza" o proxecto de Caballero para o estadio de Balaídos e o Concello respondeulle que é "magnífico"
A semana pasada o propio Abel Caballero pediu expresamente que o Goberno galego contribúa economicamente coa reforma dunha das gradas de Balaídos, que custará non menos de 15 millóns de euros. E este martes a resposta negativa da Xunta chegoulle por boca dunha Porro enfundada na camiseta do Celta que criticou que o proxecto do Concello é unha “chapuza” que será pagada polos vigueses malia que había “outras fórmulas”, en suposta referencia ao desexo do club de acometer el as obras a cambio de obter a concesión do estadio.
Pouco despois da comparecencia de Porro era o goberno local, por boca do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o que respondía á delegada para lamentar que “puxo a camiseta do Celta para dicir que a Xunta non vai poñer nin un só euro no campo máis importante de Galicia e para insistir no traslado a Mos”. Fernández insistiu en que a obra que está a acometer o Concello é “magnífica” e lamentou que o Celta quixese quedarse co estadio municipal co argumento de facer nel obras malia que xa conta cunha concesión para seguir xogando nel “ata 2034”.