A sociedade anónima deportiva presenta como “respectuosa ao máximo co medio ambiente” unha actuación da que só ten licenza municipal para as primeiras obras mentres carece aínda dos terreos para o centro comercial co que quere financiar todo o complexo, pendente de autorización da Xunta
A sociedade anónima deportiva Real Club Celta de Vigo vén de iniciar os movementos de terra para construír os dous primeiros campos de adestramento do que quere que sexa a súa cidade deportiva nun monte do concello de Mos limítrofe con Vigo. A obra, visitada e divulgada este luns polo propietario do club, Carlos Mouriño, acompañado da alcaldesa popular de Mos, Nidia Arévalo, iníciase ao amparo dunha licenza municipal para eses dous primeiros campos, pero sen que a sociedade teña aínda nin os terreos actualmente comunais nin os permisos autonómicos para o resto do complexo, que incluiría un gran centro comercial que faga rendible a execución ao seu redor dun estadio, oito campos de fútbol regulamentarios (a cifra varía en diversos documentos divulgados polo clube), un pavillón, unha piscina e pistas de tenis.
O Celta di que o seu obxectivo é “desenvolver unha cidade deportiva respectuosa ao máximo co medioambiente”, pero nese ámbito é precisamente onde aparecen as dúbidas tanto da administración como dos veciños da zona
O comunicado divulgado polo Celta salienta que o seu obxectivo é “desenvolver unha cidade deportiva respectuosa ao máximo co medioambiente”. Porén, nese ámbito é precisamente onde aparecen as dúbidas tanto da administración como dos veciños da zona. Máis alá dos dous campos de fútbol e as súas instalacións asociadas que agora comeza a construír o club, cuxo movemento de terras é presentado por un dos arquitectos que deseñou o proxecto como “unha topografía adaptada para o xogo do fútbol”, o proxecto global afecta a un total de 864.000 metros.
Para a transformación de toda esa zona é precisa unha autorización autonómica en cuxa tramitación varios departamentos da Xunta, o Goberno central e o Concello de Vigo sinalaron diversos impactos ambientais e eivas que aínda deben ser xustificados ou mellorados polo club. Ademais, os veciños da contorna, moitos dos cales son propietarios dos montes comunais que poderían ser expropiados para o proxecto se eles mesmos non aceptan a súa cesión, temen que o complexo afecte ás traídas veciñais de augas das que se abastecen.
O Concello de Mos, gobernado polo PP, e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apoian a iniciativa do Celta, e o Concello de Vigo e o PSdeG critícana
Mentres o Concello de Mos, gobernado polo PP, e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apoian a iniciativa do Celta, o Concello de Vigo e o PSdeG critícana e lamentan que, ante o rexeitamento que o proxecto está a ter entre os veciños da zona, os populares impulsaron diversas modificacións legais para facilitar a expropiación e cesión ao Celta dos terreos necesarios.